Toques

Toques é un concello galego da Terra de Melide de pouco máis de 1.000 habitantes e cunha economía baseada no sector primario. Por poboación correspóndelle ter unha corporación municipal de nove asentos. Cando se convocaron as municipais de 2007 era alcalde Jesús Ares Vázquez. Este señor era concelleiro dende 1974 e alcalde dende 1982. Presentárase por varios partidos ao longo dos anos e nas catro anteriores convocatorias polo PP de Fraga.

Nas eleccións de 2003 acadara maioría absoluta con seis actas, malia coñecerse unha denuncia por abuso sexual a unha menor. En xaneiro de 2004 foi condenado a pena de prisión, multa e indemnización, mais non inhabilitado. O seu partido pediulle que dimitira, e ao negarse, expulsouno. O tema tivo bastante relevancia mediática. As crónicas de Xosé Hermida para El País mostraban a toda España o apoio ao alcalde da poboación de Toques e do seu grupo municipal, contra as directrices do partido. Tamén o maltrato aos numerosos xornalistas que aterraban nos plenos a documentar aquela historia Galician noir style que tanto aprecian en Madrid.

E chegaron os comicios de maio de 2007. Para daquela unha coalición entre o PSdG e BNG alcumada «bipartito» mandara a Fraga a un merecido retiro e botara o PP fora da Xunta. Estaba en vigor dende finais de 2004 unha lei estatal contra a violencia de xénero aprobada no Congreso por unanimidade, e en debate no Parlamento de Galicia unha lei propia que tamén acadaría o máximo consenso. O periplo xudicial de Ares fóralle contrario nos recursos ante a Audiencia Provincial e o Tribunal Supremo que confirmaron a condena por abuso sexual a unha menor. Expulsado do PP, encabezaba unha lista de «independentes» cun nome no que se pode albiscar algo de retranca: Xuntos Cara o Progreso de Toques.

O resultado electoral non foi concluínte. Catro actas para XCPT, dúas para PP e PSdG e unha para o BNG. Xa sabemos, estes días refréscannolo decote nos medios, que se non hai acordo para unha maioría absoluta, nos concellos adxudícase a alcaldía a lista máis votada. Xa vos adianto que Ares non foi máis alcalde de Toques. A coalición de goberno que o impediu (tripartito, frankenstein, antinatura…) foi rapidamente negociada cun acordo sorprendente. Miguel Buján, socialista, foi alcalde os dous primeiros anos do mandato e segundo tenente de alcalde o resto. Jorge Calvo, popular, intercambiouse con el, collendo a alcaldía na segunda parte do mandato. José Manuel Ferro, nacionalista, primeiro tenente de alcalde todo o mandato.

Foi unha solución creativa a unha crise de carácter ético. Non podemos impedir a este home que forme lista, que se presente, e que a xente o apoie. Non está inhabilitado e ten todos os seus dereitos de sufraxio activo e pasivo en vigor. Se o tema concita o consenso partidario na repulsa, se realmente é prioritario impedir que sexa alcalde por medios democráticos, hai alternativas dentro da lei para chegar a acordos. Depende do talante da negociación, da visión do que é importante, e de que estes acordos non supoñan renuncias inasumibles para algunha das partes.

E cando o imposible devén necesario, pódese acabar por converter en tradición. No seguinte mandato (2011) non houbo maiorías absolutas. Ares xa non se presentaba. O partido que creara, XCPT, quedou segundo e fixo cos populares un acordo de goberno intercambiando alcalde a metade do mandato, reintegrouse no PP pouco despois. Cos resultados de 2015, a coalición e intercambio na alcaldía pasa a ser entre José Ángel Penas (BNG) e Buján (PSdG) e o mesmo sucede en 2019 entre Buján e Penas. En 2023 cambia o panorama coa maioría absoluta do BNG: Penas será alcalde todo o mandato.

Lonxe da miña intención sacar moral da historia de Toques para aplicala noutro lugar e momento que seguramente non poden compararse. Sempre teño máis preguntas que respostas e lembrando esta historia ocorréuseme compartir algunha reflexión.

Esa solución a tres, democrática e non partidista que se acadou e mantivo no tempo en Toques, apenas tivo eco nos medios, nada comparado coas portadas do señor Ares unhas semanas antes. Sería bo que se nos informara coa mesma intensidade cando en política se resolven as cousas por esta vía da negociación e o acordo. A opción máis votada non sempre é a lista máis votada. Pode ser unha coalición que conflúe cun obxectivo ou programa común e que ten a mesma lexitimidade legal e política: a que dan os votos. É o que pasa na realidade. Vemos como o PP descabalga do argumento cando a lista máis votada non é a súa. As solucións aos problemas políticos están na política mellor que no código penal e viceversa se queremos que barbaridades como a policía patriótica e toda a parafernalia que a acompañou queden como un erro do pasado que non se repetirá. Paga a pena explorar solucións creativas a problemas complexos, cando o de sempre non funciona, hai que tentar outra cousa…

En Toques, como no colar de Orión de Men In Black, se sabemos miralo, está o universo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail