«Se creó en paralelo un auténtico y eficaz sistema de corrupción institucional a través de mecanismos de manipulación de la contratación pública central, autonómica, y local a través de su estrecha y continua relación con influyentes militantes de dicho partido, aquí enjuiciados, que tenían posibilidades de influir en los procedimientos de toma de decisión en la contratación pública de determinados entes y organismos públicos que dirigían o controlaban directamente a través de terceras personas (Comunidades Autonómas o municipios gobernados por el PP), lo que le permitió que, bien las empresas de Correa u otras empresas terceras elegidas por él, con el acuerdo y colaboración de aquellos cargos públicos, gozaran de un arbitrario trato de favor y tuvieran un dominio de hecho sobre la contratación pública».
Audiencia Nacional. Sentenza número 20/2018. Gürtel.
Peza Época I (1999-2005). Folio 155 (de 1.687).
Ao final, a M. Rajoy sacárono da Moncloa polo 155. En concreto, polo que se di no folio 155 da sentenza da primeira época da trama Gürtel: que o PP como organización –e non só «persoas que fan cousas»– creou un sistema de corrupción institucional para manipular a contratación pública. Fin da cita.
Se eu fose Santiago Rey Fernández-Latorre aproveitaría agora para citarme a min mesmo nunha pila de artigos nos que recollía, por exemplo, como a Fiscalía ou a Garda Civil daban por certa a existencia desta trama e da caixa B do PP; ou consideraban probado que Luis «Sé fuerte» Bárcenas era, efectivamente, «Luis el Cabrón». Fáltame ego; e si, tamén un grupo de comunicación…
Todo isto, efectivamente, xa se sabía, pero agora acada o grao diso que se chama «verdade xudicial» nunha sentenza que, ao mesmo tempo, «pon en cuestión a credibilidade» do propio Rajoy. É dicir, os xuíces consideran que o xefe do executivo mentiu ao tribunal. En calquera país democrático, dabondo como para que un presidente marche para casa.
A M. Rajoy sacárono da Moncloa polo 155. En concreto polo que se di no folio 155 da sentenza da primeira época da Gürtel: que o PP como organización creou un sistema de corrupción institucional
«Non é un ‘si’ a Sánchez, é un ‘no’ a Rajoy». O portavoz de ERC, Joan Tardà, resumía mellor que ninguén a necesidade e a filosofía dunha moción de censura que nos fixo recibir o suposto monstro de Frankenstein (Fronkostin?) coa mesma simpatía que se fose o Herman Munster interpretado por Kiko Veneno.
O 1 de xuño, M. Rajoy, con aspecto de boxeador noqueado –ou, quizais, só con certa resaca tras unha sobremesa que se foi das mans– ergueuse no escano cando escoitou o seu nome e dixo «non» á moción. O seu voto, inútil, era o número 155. Ao día seguinte, mentres Pdro Snchz prometía o cargo sen Biblia nin crucifixo –como un Laxe ou un Touriño calquera–, en el Palau de la Generalitat tomaba posesión un Govern que remataba así coa aplicación dese artigo en Catalunya.
Coas voltas que deu o numeriño de rima doada, a España tabarnícola –a que non quere entender o funcionamento do sistema parlamentario e chama xa «golpe de Estado» a todo o que contradiga os seus intereses– terá que buscar outra terminación fetiche para os décimos do sorteo de Nadal.
E non, non estou falando do tenista…