Xan López: «O fascismo fósil é o maior inimigo da transición ecolóxica»

Pragmatismo, experimentación, alianzas e máis política en tempos de antipolítica. Xan López (Vigo, 1982), coeditor da revista Corriente Cálida, advirte de que a conta atrás da crise climática é imparable, polo que urxe actuar con realismo ante a maior ameaza da historia para o planeta, e, por extensión, para a humanidade. Por iso, aínda que o maior inimigo segundo el sexa o fascismo fósil, en El fin de la paciencia (Nuevos Cadernos Anagrama) non dubida en cuestionar as fórmulas da esquerda e do ecoloxismo.

Xan López. Foto: María Simón

Empecemos polo final, que non deixa de ser o principio: nesta «conta atrás endemoñada», hai esperanza? Estamos a ver avances prácticos e esperanzadores, como a implantación das enerxías renovables en case todo o mundo. A pesar da resistencia moi dura da dereita reaccionaria fósil e en parte da esquerda –con posicións conservadoras, xa que teñen medo ou suspicacia respecto á transición enerxética ou ao cambio na forma de vida–, hai elementos para a esperanza. As medidas que se deben adoptar son factibles e baratas, simplemente falta a vontade para levalas a cabo.

Así e todo, atopámonos coa maior ameaza climática nun dos momentos de maior debilidade política, tras o fin dos partidos de masas: crise xeolóxica e histórica. Hai unha ameaza moi grave de consecuencias posiblemente irreversibles se non se actúa coa rapidez suficiente, que acontece nun momento de gran debilidade política. Unha conxunción que me angustia, porque resulta moi difícil concibir que tipo de forza política pode plantarlle cara. Con todo, non podemos baixar os brazos, senón que hai que buscar formas de intervención, de organización, de activismo e mesmo de deseño institucional viables na sociedade contemporánea.

Na busca de novas fórmulas para atallar a crise climática, vostede dálle un tirón de orellas á esquerda. É dicir, non lle pode botar só a culpa ao capitalismo. Critico a análise e a resposta política. Se lle atribuímos a responsabilidade do cambio climático ao modo de produción capitalista, entón a única solución é abolilo ou decrecer o peso ecolóxico. A esquerda pode atribuírse algunhas vitorias, como as conquistas sociais ou a extensión do estándar de vida, que implicaron certo consumo enerxético e material, primeiro nos países desenvolvidos occidentais e agora en China ou na India. Non queremos renunciar a elas e resistímonos a que nolas quiten. Porén, unha postura de esquerda politicamente viable require unha análise máis complexa; do contrario será unha postura minoritaria de crítica absoluta á realidade, pero incapaz de xuntar suficiente forza.

«Nun momento de gran debilidade política, hai unha ameaza moi grave de consecuencias posiblemente irreversibles se non se actúa coa rapidez suficiente»

Topicazo: que pasaría se cada chinés tivese un coche? É dicir, o obreiro –ou o seu neto– tamén forma parte do problema. É un paradoxo da esquerda, que combate as causas pero quere manter as consecuencias, algo moi difícil de separar na práctica. A transición enerxética, coa implantación das renovables, é unha boa aliada nesa loita contraditoria.

Ten China dereito a contaminar, é dicir, a prolongar a súa revolución industrial? Pode Occidente negarlle o seu desenvolvemento? Esa era unha postura moi difícil de soster hai anos, porque ti non podes ter gozado de todas as vantaxes dese proceso de industrialización e logo dicirlle a China ou aos países do Sur global que non poden facelo, porque do contrario os límites biofísicos planetarios esborrállanse. Agora, en cambio, hai alternativas clarísimas de desenvolvemento industrial que non requiren necesariamente as emisións descontroladas de gases de efecto invernadoiro (GEI). China ten un papel moi contraditorio, porque está na vangarda das enerxías renovables e, á vez, contamina. É dicir, que a aparente solución vén dun país que agravou o problema ao incorporar 1.400 millóns de persoas ao proceso industrial fósil.

Resulta fácil sinalar un feixe de empresas enerxéticas como responsables da emisión de boa parte dos GEI, cando os consumidores finais son as industrias e a cidadanía co seu coche, a súa calefacción e o seu aire acondicionado. O uso dos combustibles fósiles está completamente xeneralizado a nivel social e non só se debe á influencia social das petroleiras. Cando na esquerda facemos ese tipo de análise, queremos enganarnos a nós mesmos. A cuestión é como facer a transición ás enerxías renovables.

A esquerda… Vai ser o tema da entrevista darlle paus á esquerda? Logo bótanme unha reprimenda [risas].

«A esquerda paradoxalmente combate as causas da crise climática, pero quere manter as consecuencias. A transición enerxética, coa implantación das renovables, é unha boa aliada nesa loita contraditoria»

Entendo que os potenciais lectores son progresistas e ecoloxistas. De feito, as dereitas teñen menos presenza no seu ensaio. Claro, non me centrei na súa análise porque evidentemente son o problema fundamental. Hoxe xa nin sequera é unha dereita neoliberal, senón un movemento parafascista que entende a defensa da sociedade fósil como unha cuestión existencial. Falamos dunha guerra dun bloque contra outro que avanza pouco a pouco cara a unha confrontación total.

Fai falta xente con conciencia, motivación e gañas de enfrontarse a eles, pero na esquerda non hai unha posición tan clara a favor das renovables e da electrificación. Por iso parecía importante incidir aí: agrupar aos nosos para poder enfrontarnos aos outros. Se estamos divididos e eles son un bloque monolítico, vainos esmagar.

Os nosos serían o movemento ecoloxista, ao que tamén lle emenda a plana, pois considera que a súa mensaxe apocalíptica non é efectiva. A mensaxe apocalíptica pode ser efectiva en grupos moi pequenos, porque pode animalos a reforzar a súa acción, a súa intervención e a súa vehemencia. En xeral desactiva á xente porque lles fai perder a confianza en que a súa incorporación a esa loita teña algún sentido. O fundamental non é convencer á xente de que o problema é serio, senón de que o seu papel nesa loita é importante. Non hai que insistir en que todo é gravísimo e en que apenas hai saída.

Henrique Mariño e Xan López durante a entrevista. Foto: María Simón

E como se convence ao negacionista, ao cínico, ao pesimista ou mesmo ao reaccionario? A cada un de xeito diferente, falándolles en termos que os interpelan, que lles resulten razoables e que encaixen coa súa forma de ver o mundo, porque non existe unha receita máxica. Dáme a sensación de que hai certo grupo social conservador ao que se podería atraer a unha coalición a favor da transición ecolóxica. Por exemplo, por cuestións de soberanía nacional, de non depender doutros países enerxeticamente, de potenciar a nosa industria, etcétera. Iso, en abstracto, parécelle ben mesmo á xente de Vox, aínda que cando o confrontas co ecoloxismo saltan chispas.

«Non hai que convencer á xente de que o problema é serio, senón de que o seu papel nesa loita é importante. Non hai que insistir en que todo é gravísimo e en que apenas hai saída»

Infelizmente, esas posicións xorden a partir dunha crise, sexa a covid ou a guerra de Ucraína. Os cambios políticos profundos ocorren en momentos de grandes crises, nos que se abre a oportunidade de convencer persoas e de facer transformacións que antes semellaban imposibles. A eses exemplos habería que engadir a demolición do sistema de gobernanza económico mundial por parte de Donald Trump, porque as relacións entre países saltaron polos aires e os acordos comerciais xa non son fiables, o que supón outra oportunidade na que habería que incidir para fabricar en Europa produtos esenciais ou para ser independentes enerxeticamente.

Trump apela e cala nunha poboación empobrecida fronte a unha elite ou minoría no que, paradoxalmente, figurarían os ecoloxistas, a maioría de clase media e con formación técnico-científica. Visto desde outra perspectiva, o 70% das emisións proveñen do 20% das persoas máis ricas do mundo. A pesar de que hai xente pobre que vota a Trump, a cuestión non é tanto o seu poder adquisitivo como a súa desconexión coa política. Aínda que Trump gañou o voto popular, aos demócratas séguelles votando maioritariamente a xente con menos cartos, urbanita e prototipicamente traballadora, mentres que os republicanos captaron votos nos suburbios e entre as persoas brancas. A análise, pois, resulta máis complexa, se ben é certo que o seu discurso se formula dun xeito completamente dicotómico: el representa ao pobo empobrecido, embrutecido e cabreado coas elites neoliberais que destruíron o seu país, aínda que no seu gabinete sexan todos milmillonarios, algo moi esquizofrénico; mentres que na esquerda hai unha sobrerrepresentación de perfís de clase media e con estudos universitarios, o que facilita que o seu argumento teña certo agarre. Agora ben, esa crítica fana trumpistas de clase media con estudos universitarios, é dicir, persoas do mesmo perfil sociolóxico que acusan a outras de ser algo que elas mesmas tamén son. A pregunta sería: por que funciona o truco de representar o que non es e de que os outros [os demócratas] son parte dunha elite que goberna o mundo?

Habería que preguntarllo tamén a Santiago Abascal? Aínda que segue ese discurso, aínda non lle funciona moi ben, é dicir, aínda non o vota maioritariamente a xente con pouco poder adquisitivo.

Non obstante, só cos votos dos neoliberais, dos ultracatólicos, dos reaccionarios agochados e dos rebotados do PP non se conseguen 52 ou 33 escanos, como nas xerais de 2019 e 2023. Claro, faltan o mundo rural, os empresarios e as clases medias urbanas de dereitas, é dicir, a base social histórica do fascismo. Por que calou o discurso de Trump ou Abascal? O neoliberalismo creou uns conflitos, contradicións e problemas sociais que as elites dirixentes non quixeron, non souberon ou non puideron solucionar, o que xera un malestar e un descontento xeneralizado, que se traduce nun rexeitamento aos partidos tradicionais, primeiro na esquerda e agora na dereita. Cun matiz: a base social da ultradereita, esas capas intermedias descontentas, moitas veces utilizan o discurso da penuria económica para agochar outros malestares, como a perda de status. Houbo un rexeitamento ao ecoloxismo e ao feminismo, pero tamén a unha política redistributiva que incrementou os ingresos nas capas máis baixas e a unhas tímidas respostas sociais ás crises da covid e de Ucraína, o que provocou un efecto rebote nos executivos de Silicon Valley e no empresario máis cutre de Madrid, que non queren que iso volva acontecer.

Propón que, fronte ao neoliberalismo salvaxe, é o momento do Estado regulador, que debería fomentar as enerxías renovables. A pesar das resistencias desde moitas partes do espectro político, estamos a ver un incremento do papel dos Estados na vida económica e na regulación social, tanto no sector enerxético como no militar, para ben ou para mal. Véxoo difícil que esa tendencia non continúe e se regrese á idea neoliberal do mercado que se autorregula, aínda que haberá unha disputa sobre un Estado interventor progresista ou reaccionario, cuxo exemplo perfecto é Trump.

«Precisamos ampliar o espectro de quen estamos dispostos a cooperar para acadar obxectivos específicos. Abandonar o vicio que ten a esquerda de estar todo o tempo debatendo e convencéndonos uns aos outros»

No contexto actual da «hiperpolítica», coas súas controversias encadeadas e divisorias, vostede aposta polo pragmatismo, a experimentación e as alianzas entre partidos e entre organizacións sociais. Igual que lle acontece a Vox coa súa base social dura, nós tamén precisamos ampliar o espectro do tipo de xente coa que estamos dispostos a cooperar en determinados proxectos para acadar obxectivos específicos. Temos que abandonar o vicio que ten a esquerda de estar todo o tempo debatendo e convencéndonos uns aos outros. Sen ese cambio mental, non imos ser quen de resistir a acometida.

Foto: María Simón

É dicir, unha confluencia transversal e global, o que vostede denomina o «partido do clima». No que ten que caber xente moi diversa. Hai moitos intereses cruzados que poderían remar a favor dunha transición ecolóxica bastante acelerada. Como dicía antes, aos perfís de esquerda e ecoloxistas poderían sumarse algúns de centro e mesmo de dereita, por motivos de seguridade –nacional ou persoal– e de sentimento patriótico. Eles tamén poden integrar esa ampla alianza, porque sería unha traxedia se os perdemos ao derivar cara a posicións ultrarreaccionarias e de defensa pechada do mundo fósil. Sen ningunha dúbida, esa é a disputa que está agora mesmo enriba da mesa.

Cal é o inimigo máis perigoso? O «fascismo fósil», o populismo, o negacionismo, o pesimismo, o cinismo, o maximalismo ou a contrarrevolución reaccionaria? A curto prazo, o fascismo fósil, esa alianza internacional de partidos e organizacións de ultradereita. Tras triunfar nos Estados Unidos e en varios países de Latinoamérica e de Europa, é posible que, en pouco tempo, haxa gobernos semellantes en Francia, no Reino Unido e en España. Ese gran fronte mundial vai facer un gran contrapeso para, como mínimo, atrasar todo o posible a transición enerxética e ecolóxica.

«Aos perfís de esquerda e ecoloxistas poderían sumarse algúns de dereitas por motivos de seguridade e de sentimento patriótico. Sería unha traxedia se os perdemos ao derivar cara a posicións ultrarreaccionarias e de defensa pechada do mundo fósil»

«China ten un papel moi contraditorio, porque contamina e á vez está posibilitando unha transición enerxética a nivel mundial»

A crise de 2008 provocou que China, tan carbonífera, se convertese nunha potencia fotovoltaica que abarata os custos e facilita a transición enerxética cara á «era solar». O caso de China é contraditorio porque é un país autoritario que aínda prefire aliarse con países como Rusia ou semellantes, pero que na práctica é dos que máis están a facer por posibilitar unha transición enerxética a nivel mundial. Por que aconteceu iso? Hai unha conxunción de intereses que non sempre son coherentes entre si, aínda que China viu que a súa política de desenvolvemento industrial e de urbanización estaba chegando a un límite, polo que precisaba reorientar os seus esforzos noutra dirección. As enerxías renovables eran unha posibilidade clara que tamén lle permitía reforzar o seu papel internacional, á vangarda tecnolóxica, e atallar certos conflitos internos graves debido ao nivel descontrolado de contaminación nas súas cidades e contornos rurais. O viraxe está a funcionar, non tanto porque sexan uns xenios, que pode que o sexan, senón porque o resto de países non compareceu a esa disputa, que case están a librar os chineses sós.

«Houbo un rexeitamento ao ecoloxismo e ao feminismo, pero tamén a unha política redistributiva, o que provocou un efecto rebote nos executivos de Silicon Valley e no empresario máis cutre de Madrid»

Queda claro que non se pode agardar á hipotética abolición do capitalismo, como propón a esquerda, para atallar a crise climática. Apelando ao título do seu ensaio, El fin de la paciencia, de canto tempo dispoñemos? Temos poucos anos para reducir notablemente as emisións de gases de efecto invernadoiro se queremos manternos por debaixo dos limiares seguros climáticos. E, a mediados de século, deberiamos ter eliminado completamente as emisións. É unha transformación que, pola súa velocidade, semella case inconcibible, pero se non a facemos xa non haberá volta atrás. Do contrario, só cabe imaxinar grandes lumes, ondas de calor, inundacións, perdas de colleitas, doenzas tropicais, migracións masivas de xente que xa non pode vivir nos seus países, etcétera. É posible adaptarse mantendo este tipo de sociedade? Eu non o creo…

Que pode facer cada cidadán para contribuír a frear a crise climática? O que modestamente podemos facer é tentar convencer á xente que nos rodea de que é un tema fundamental e facer que os partidos, os sindicatos, as organizacións e as asociacións o tomen en serio. É dicir, ser un pouco pesados e intransixentes coa cuestión para que non sexa excluída da axenda política, porque se non é central sufriremos as consecuencias.

Pero que pode facer a xente a nivel, por dicilo dalgunha maneira, cotián e doméstico? Eu critico a separación entre o ámbito privado e o público. Efectivamente, podemos facer cousas na nosa vida persoal que axudan a minimizar o problema, como non comer carne, non facer viaxes intercontinentais de maneira habitual, non ter coche ou, na medida do posible, que o noso vehículo sexa eléctrico. Aínda que esas accións son importantes –non só polo efecto directo que teñen nas emisións de gases, senón tamén no noso entorno–, teñen uns límites drásticos. Ao final, o que podemos facer como individuos está un pouco limitado pola estrutura social existente, polo que urxen unhas transformacións estruturais profundas e claras. Agora ben, claro que hai moita relación entre o persoal e o público, pois o que un fai como individuo ten resonancia na política. Por iso, se alguén o toma moi en serio é difícil que na súa vida privada sexa un nihilista. É necesaria unha transformación xeral, pero non podemos soster que o que un fai a nivel individual é irrelevante. Moitas veces, trátase dunha escusa que nos damos a nós mesmos para seguir facendo o que nos peta e o que non queremos deixar de facer. Debe haber unha coherencia entre o que un fai e o que persegue politicamente.

Fotos: María Simón

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail