José Ramón García González, condenado por fraude e falsidade e pendente de xuízo por un delito contra a propiedade intelectual, vendeu máis de 80 millóns de máscaras a través das súas sociedades. Varios lotes das distribuídas por Sibucu 360 SL foron retiradas por presentar unha certificación falsa
Madrid / A Coruña.- Días antes de que os agudos comisionistas da empresa malasia Leno, Luis Medina e Alberto Luceño, contactasen co Concello de Madrid para ofrecerse a traer material sanitario, unha empresa galega asinaba catro contratos co consistorio para a provisión de máscaras.
Sibucu 360 SL foi a primeira en facer negocio co concello madrileño, o 20 de marzo de 2020. En total, 408.375 euros (IVE incluído) por 125.000 máscaras cirúrxicas e 100.000 máscaras FFP2, segundo puido comprobar Luzes-Público.
Pero nos albores da pandemia, non todos os trámites resultaron correctos. Sobre catro dos modelos das máscaras FFP2 distribuídas por Sibucu decretáronse outras tantas alertas sanitarias por risco para a saúde das persoas. Segundo a empresa, foron 80.000 máscaras alertadas dun total de 80 millóns que a firma importou nestes dous anos.
A alerta saltou desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas) en maio de 2020. O selo ‘CE’ que levaban as máscaras non era legal, xa que foran certificadas por un laboratorio italiano que non estaba capacitado para facelo. A identidade da persoa que facilitou o contacto desta empresa da Coruña co Concello de Madrid aínda é un misterio que o consistorio da capital do Estado non está disposto a desvelar, ao negarse a responder á pregunta nese sentido de Luzes-Público.
A empresa non se dedicaba á distribución de produtos sanitarios, senón á consultoría técnica e a enxeñaría. De feito, está vinculada coa empresa Moonoff SL, dedicada ao sector da iluminación, da que Sibucu é a administradora única. Detrás de Moonoff, desde 2013, estivo o empresario José Ramón García González, ata que os seus problemas coa Xustiza o empuxaron a abandonar a presidencia da compañía en 2018, aínda que seguiu presentándose como socio investidor. De feito, ao comezo da pandemia a prensa galega vinculaba a chegada de máscaras a Galicia con Moonoff e co labor comercial das empresas do grupo en Asia.
Un dos administradores de Sibucu, Diego Mata, en conversación con este medio, explica que naqueles días iniciais da pandemia, en marzo de 2020, recibiu unha chamada de alguén do Concello de Madrid, pero que agora non lembra o seu nome. «O meu teléfono naquel entón circulaba por todos os sitios, recordo que o prezo máximo ao que nós vendiamos as FFP2 era 2,5 ou 2,72 euros a unidade [Luceño e Medina vendéronas a 6 euros]. Demostrouse que fomos razoables co prezo e tiñamos todo un equipo de traballo en Asia, con toda a nosa experiencia», indica Mata para explicar o éxito da empresa na distribución de máscaras.
Segundo a versión do administrador de Sibucu, chovéranlles as chamadas naqueles días por parte das comunidades autónomas e concellos de media España que buscaban desesperadamente facerse con máscaras para os seus sanitarios, e en efecto, a empresa contratou con varias comunidades, mesmo co Goberno de España. Pero un dos seus comerciais naquela época confirmou a Luzes-Público que tamén buscaron o negocio e que tanto el como outros compañeiros contactaron con empresas e organismos públicos para propoñerlles a subministración de material.
Naqueles momentos, cando Moonoff SL comezou a importar máscaras desde China -aínda que as adxudicacións públicas estaban a nome de Sibucu- o peso naquelas operacións de José Ramón García González, fundador da tecnolóxica galega Blusens, moi ben relacionada coa Xunta, era grande. É un emprendedor moi coñecido en Galicia e polo expresidente Alberto Núñez Feijóo, a quen acompañou en actos institucionais como notable empresario galego. Así sucedeu en varias ocasións nas galas da Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña, por exemplo, onde o fundador de Blusens compartiu mesa coa defunta Rosalía Mera, confundadora de Inditex.
Un empresario polémico
José Ramón García González é un emprendedor de Santiago que se fixo popular tanto polos seus primeiros éxitos empresariais como polas polémicas xudiciais que estes levantaron. De feito, foi condenado hai catro anos a nove meses de cárcere e a unha multa de 615.372,75 euros como autor de dous delitos continuados de fraude tributaria e falsidade documental.
Hai apenas uns meses un xulgado de Santiago ordenou abrir xuízo oral contra el por un presunto delito contra a propiedade intelectual. O fiscal pídelle un ano de cárcere e 2,4 millóns en concepto de responsabilidade patrimonial a el e varias das sociedades nas que participa ou participou.
Está acusado xunto con outras oito persoas de fabricar e comercializar un decodificador pirata que permitía o acceso a varias plataformas de contidos de pago. Este medio tentou contactar sen éxito con García González a través de Moonoff SL, a empresa participada por Sibucu que o tivo como socio investidor ata hai pouco.
Sibucu desvincúlase na actualidade del, aínda que o rexistro mercantil indica que a sociedade segue posuíndo o 30% das participacións de Magna Technology Sl, administrada por Visualiza Business, o holding propiedade de García González. El mesmo contaba á prensa galega en abril de 2020 que xa trouxera a través das súas empresas 35 millóns de máscaras desde China a España. «Xa non ten nada que ver connosco», apunta Sibucu.
2,5 millóns da Comunidade de Madrid
Non só o Concello de Madrid, tamén o Goberno de Isabel Díaz Ayuso contratou a esta empresa os primeiros meses da pandemia. Segundo o Portal de Transparencia da Comunidade, foron oito os contratos tramitados polo procedemento de emerxencia os adxudicados a Sibucu, na súa maioría pola Consellería de Familia, Mocidade e Política Social. Tamén a de Sanidade contratou a compra de máscaras cirúrxicas e FFP2 para os hospitais La Paz e Ramón e Cajal. En total, o Goberno madrileño desembolsou 2.432.630 euros a esta sociedade.
Tanto o Concello como a Comunidade de Madrid rexeitaron contestar as preguntas de Luzes-Público sobre as irregularidades detectadas nalgúns dos lotes de máscaras. Segundo Diego Mata, de Sibucu, eses lotes non alcanzaron a ningunha administración pública, senón só a farmacias en Galicia e en Madrid.
1,5 millóns da Xunta
Nos primeiros meses da emerxencia sanitaria, entre o 25 de marzo e o 26 de xuño, o Sergas comprou a Sibucu 2,3 millóns de máscaras -2 millóns de tipo cirúrxico e 300.000 de tipo FFP2- por un total de 1.945.000 euros. As compras realizáronse mediante catro expedientes tramitados polo procedemento de emerxencia, tal e como figura nun documento interno da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Sergas ao que tivo acceso Público.
Ao pouco da chegada dos primeiros envíos de Sibucu, o Sergas detectou que catro lotes de máscaras FFP2 estaban validadas por unha empresa italiana, ENS Certificazione Macchine SRL, que non estaba autorizada para certificalas. Aínda así, Sibucu distribuíunas co selo de marcado ‘CE’ que garante a adecuación das condicións de determinados produtos á lexislación comunitaria.
O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) activou a súa primeira alerta o 18 de maio e enviou cartas aos clientes de Sibucu advertindo que debían devolver o material ou certificar a súa destrución. A Xunta seguiu distribuíndoo, e mesmo fixo público que unha das empresas vinculadas a Sibucu e a través das que operaba García González, Moonoff, doara ao Sergas outras 100.000 unidades -tantas como as que entregara gratuitamente Inditex-, e que o goberno de Feijóo ía repartilas entre persoal sanitario e concellos.
Luzes-Público pediu á Xunta que valore por que non inmobilizou as máscaras que comprara a Sibucu cando detectou que levaban un selo ilegal, pero fontes do Sergas limitáronse a dicir que «tras revisar os pedidos (…) ningún dos modelos adquiridos (…) está afectado polas alertas do Instituto Galego do Consumo». Parece improbable que sexa así, xa que o Sergas tramitou catro expedientes e o Instituto Galego do Consumo alertou de que eran precisamente catro os que correspondían a lotes con selos ilegais.
O Sergas tampouco deu explicacións sobre por que ningún dos expedientes de compra a Sibucu aparece na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. Pola súa banda, o IGCC asegurou que se lle abriu un expediente sancionador o 21 de xullo de 2020, por importe de 10.500 euros, «por vender sen cumprir coa documentación», pero que reduciu a sanción porque Sibucu as retirou do mercado. Segundo fontes da empresa, a sanción quedou en 600 euros.
Con todo, Sibucu 360 nega que o lote afectado chegase á Xunta: «Sibucu comunicou ao organismo de Consumo dependente da Xunta o erro detectado e esta procedeu como corresponde a lanzar a alerta nos mecanismos habituais. Procedemos á súa retirada para nova etiquetaxe posto que as máscaras cumprían con todas as esixencias de calidade, e en ningún caso presentaban perigo para os usuarios».
A empresa insiste na súa inocencia. «Foi unha fraude do laboratorio e non sei ata que punto non deberiamos esixir responsabilidades a Europa, non aquí, por permitir que ese laboratorio italiano estivese a publicar que tiña o alcance para facer ese certificado cando non o tiña», explica Diego Mata.
Subvencións prohibidas
A pesar de que a sentenza que o condenou a un ano de cárcere no 2017 vetaba expresamente a José Ramón García González o acceso a axudas públicas entre febreiro do 2017 e maio do 2019, a Xunta de Feijóo concedeu en 2018 a Moonoff, a través da súa Consellería de Emprego, dúas subvencións por valor de 84.000 euros para mellorar a cualificación profesional dos seus traballadores.
Pouco despois de concluír o período de veto xudicial, a mesma consellería outorgoulle en novembro do 2019 outra axuda de 3.000 euros para a contratación dun empregado; e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), outra en decembro de 31.360 euros para «incentivar a realización de accións de promoción exterior».