Carta aberta aos reitores das universidades galegas

Estimados reitores, escríbelles esta carta un membro da comunidade universitaria, unha familia tan ampla e diversa como as cidades nas que se asentan as súas facultades. A beleza da Universidade, creo, non radica nos papeis vellos e húmidos ou nos despachos exclusivos, senón na variedade e diversidade da flora do coñecemento, o que agroma na flor da liberdade e no xardín humano. Voulles tentar explicar neste escrito porque hoxe teñen ao alumnado galego en pé.

Dende o inicio deste confinamento masivo o estudantado das súas universidades leva padecendo, como o resto da poboación, os efectos sociais, económicos e de saúde que esta pandemia leva na man. Teño compañeiras e compañeiros sen acceso á rede dende as súas casas, ao cargo de familiares que precisan coidados, de familiares enfermos. Teño amizades de pupitre, estudo e esmorga, amizades dos anos máis fermosos, que ven como o diñeiro deixou de chegar a casa polo despedimento dos seus pais ou a incertidume dun ERTE. Desigualdades, moitas delas previas a todo isto, que a COVID-19 triplicou. Sen rede, sen cartos, sen esperanza. 

Estimados reitores, teñen nas súas universidades unha lexión de estudantes precarios. 

Unha precariedade que non só azouta no peto, tamén no peito e na cabeza, con graves problemas psicolóxicos e persoais derivados do illamento, a separación ou o sufrimento do loito na soidade. Diante deste panorama de desigualdades as nosas universidades escolleron a vía da xordeira voluntaria e da soberbia, a mesma que propón unha «flexibilidade» que xa sabemos dende a crise do 2008 como sempre é suxerida de arriba cara abaixo. 

No actual sistema telemático ao que vostedes obrigan moitos quedan atrás e ningún aprende. Nin o profesorado pode impartir clase con normalidade nin o alumnado recibila en condicións de igualdade.

Estimados reitores, teñen unha lexión de desesperanza, pobreza e soidade nas bases das súas universidades, as mesmas das que fachendan na prensa con grandes titulares.

A educación pública, inculcáronme as miñas mestras e profesoras, ten como meta contribuír ao desenvolvemento persoal e cognitivo do individuo e da comunidade. Crear unha sociedade mellor. Ten tamén como mete saber dicir «non!» cando o estado de cousas é inxusto. No actual sistema telemático ao que vostedes obrigan moitos quedan atrás e ningún aprende. Nin o profesorado pode impartir clase con normalidade nin o alumnado recibila en condicións de igualdade. Nin tan sequera os propios sistemas informáticos das universidades, como se ven demostrando dende hai semanas, son capaces de aguantar a presión de milleiros de alumnos realizando exames para os que non foron preparados. Diante dunha traxedia, tomaron a decisión de resolver este rachado curso sen escoitar ás voces discordantes de aquelas e aqueles que teñen a universidade como a imaxe dos mellores anos da súa vida. Decidiron acalar a voz dos nosos representantes nos consellos de goberno e desbotar as súas propostas. «Escoitar», di Manuel Rivas, esa «leve inclinación da cabeza para poñer o oído» é «dos actos máis antigos do mundo». «Mirar para outro lado», di o escritor, é dos oficios máis milenarios. Hoxe , a nosa casa común decepciona a moitas alumnas e alumnos mentres os ameaza co Código Penal por protestar conectándose ao Campus Virtual e os vencella a «mafias» nos medios de comunicación. Malla na confianza ver como esas mesmas casas que tanto amamos escollen lavar a súa imaxe de cara á opinión pública mentres aproban resolucións do Consello de Goberno co voto en contra do seu estudantado. Mentres, os que protestan son reprimidos arbitrariamente, sen explicación, lembrando tempos escuros da nosa historia recente. Sinto indignación cando antepoñen o suposto «prestixio» do sistema antes da dignidade de quenes o conforman.

Non repitan os erros daquela universidade na que tivo que estudar miña nai nos derradeiros anos do Franquismo. A do gris uniformado e as togas, a dos ollos inquisitores embaixo do birrete

Estimados reitores, aínda hai tempo. Acorden co seu estudantado unha decisión da que sentir orgullo cando pasen os días duros, cando voltemos a mirada atrás. Recapaciten, escoiten ao alumnado orgulloso de estudar no sistema público. Non repitan os erros daquela universidade na que tivo que estudar miña nai nos derradeiros anos do Franquismo. A do gris uniformado e as togas, a das monturas de cabalo e de pasta de gafa negra, a dos ollos inquisitores embaixo do birrete, a das sancións arbitrarias, a da escuridade imperial a bater na mente.

Escoiten, movan a cabeza.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail