As orquestras galegas, ante un ano perdido

A xira estaba a piques de empezar. As grandes orquestras galegas collerían impulso durante estas datas para continuar ata setembro nos escenarios, pero a crise do coronavirus pillounas por sorpresa e temen non rendibilizar os investimentos postos para este verán.

En Galicia é difícil concibir unhas festas sen orquestra. As verbenas xuntan a todo tipo de público para cantar as cancións que todos nos sabemos e que soaron ao longo do ano na radio, volven cun sabor distinto, en boca doutros e con cheiro a verán. Ata a cidade máis grande e o pobo máis pequeno da Comunidade galega contrata a unha orquestra para celebrar o seu patrón ou patroa. É habitual chegadas estas datas que soe o timbre e que o grupo da comisión de festas pida diñeiro á veciñanza para colaborar. Pero polo momento, este ano a Galicia festeira non chamará á porta.

O verán é a estación máis rendible para as orquestras e estaba a piques de comezar coa ponte de maio. Xa en Semana Santa e en pleno estado de alarma as orquestras teméronse o peor. Aínda que non se queiran precipitar e aínda estean á espera, as comisións de festas aguantan aferradas a quizais unha vaga esperanza, xa que os datos non son alentadores e nas fases de desescalada é difícil integrar a celebración dunha verbena desta magnitude. Outras organizacións de festas nin levantan o teléfono para cancelar as actuacións máis próximas dos grupos, presupoñen que non fai falta e que ningún se exporía á posibilidade de tocar.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Algunhas orquestras tocaron por última vez en marzo despois dun entroido intenso e o mellor aínda estaba por chegar. Entre as máis turísticas e coñecidas: festa da troita en Pontenova (Lugo); Festa do Gallo do Corral en Vila de Cruces (Pontevedra); Santa Rita en varios municipios; as fogueiras de San Xoán que tanto toca na mística galega; o Arde Lucus (Lugo); a Festa do Albariño en Cambados, (Pontevedra); a Romaría Vikinga de Catoira (Pontevedra) e en agosto o prato máis forte: San Roque e a Festa da auga, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), que xa cancelou a súa data. E unha lista de múltiples celebracións que acollerían ás orquestras máis populares, as mesmas que agora ven desde as súas casas como o seu sector periga nun presente que xamais se imaxinaron.

A orquestra Panorama é sinónimo de multitude de persoas, e non só pola cantidade de músicos e músicas, cantantes e bailarinas que hai enriba do escenario, senón porque desde hai anos é recoñecida polos espectáculos que produce, escaleiras automáticas, grandes focos e luces e mesmo acrobacias. Entre o seu repertorio soan todo tipo de xéneros: reggaetón, pop, baladas, incluso house e cancións tradicionais. O seu director artístico e cantante, Lito, explica a Luzes a situación do grupo: «Iamos saír de xira. Cando todo empezou estivemos a ensaiar por videochamada e finalmente acollémonos a un ERTE». Conta que «se está xuntando todo o sector» para falar sobre a súa realidade, xa que no caso de que non haxa actuacións durante os próximos meses, piden que os gobernos non se esquezan deles, xa sexa a través dunha prolongación do ERTE ou algún subsidio.

Son 35 as familias que viven de Panorama que actualmente non traballan e que investiron para poder ofrecer un espectáculo esta tempada. Recoñece que, aínda que o Goberno permita volver tocar en setembro ou en outubro, non lles valería a pena, porque é unha época baixa de actuacións e terían que esperar ata Semana Santa do ano que vén. Lito lembra a gran cantidade de empregos tanto directos como indirectos que producen as festas populares. O cantante refírese ás barras de bebida, aos postos de comida, aos que lanzan os fogos artificiais, atraccións, a todos aqueles elementos que conforman as festas na comunidade.

Os cantantes de París de Noia. Fonte: París de Noia.

Os integrantes de París de Noia tamén tiveron que acollerse a un ERTE e levan parados desde marzo. Para este ano xa tiñan todos os contratos asinados e están cancelados. Nun momento de incerteza, tentan crer que van ter unha oportunidade e avistan por momentos un agosto con concertos, pero pronto volven ao presente e recoñecen que «non se vai a poder, teremos que pechar e abrir o próximo ano», cóntannos.

Varias orquestras galegas organizaron unha «verbena virtual» en Instagram para poder amenizar o confinamento, onde París de Noia tamén denuncia que «o sector dos festexos está en risco». Foron os primeiros en parar e cren que serán os «últimos en arrincar» polas «limitacións» do Ministerio de Traballo e Cultura. Esixen ao Goberno recoñecemento público, rescate urxente do persoal que se ve prexudicado polos contratos de temporalidade como o réxime especial de artistas, medidas de apoio urxente e piden tamén «non desviar os fondos deste sector para outros fins».

En 2019 despuntou en Galicia O Combo Dominicano. A canción La Cucaracha popularizouse nas festas do ano pasado -tamén o seu baile- e xa ten en Youtube case cinco millóns de reproducións. O seu pianista, Cirano Núñez, di que están «igual que todos» os integrantes do sector musical e que están concienciados de que serán os últimos en retomar a actividade, xa que en todo o ano será complicado celebrar un festexo.

No caso de non poder actuar esta tempada temen que «será moi prexudicial, somos moitas familias vivindo de isto», explica Núñez. «Se xa hai sectores que se queixan por levar dous meses parados e que van volver agora a retomar a actividade, imaxínate nós». Aínda así, síntese «optimistas» e continuarán activos en redes sociais facendo cancións. «Aínda que non podamos traballar e vivir diso seguiremos aguantando para ver ata onde podemos chegar». E mentres tanto, a Galicia chuviosa bailaraos desde casa.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail