As galegas no Congreso

Co goberno de coalición PSOE–UP en marcha, iníciase na práctica a XIV lexislatura. Dáselle así carpetazo á número XIII, estragada en moitos aspectos: a máis curta do posfranquismo e a máis irrelevante dende a perspectiva da acción de goberno ou da elaboración lexislativa, cunha composición da cámara que imposibilitou tanto un acordo de goberno como unha solución de consenso a algún dos problemas pendentes de abordar no Estado; unha lexislatura que, malia todo, poida que se salve simbolicamente coa retirada dos restos de Franco do Valle de los Caídos. E que pode reivindicarse, malia a pouca repercusión nos medios, como a de maior presenza de mulleres no Congreso na historia de España.

A XIII foi unha lexislatura máis crispada do habitual. A entrada no Parlamento da extrema dereita e a perda de escanos doutros axentes dese espazo político, pola baixada de PP e Cs, promoveu unha retórica de confrontación que marcou, en certo sentido, a axenda das Cortes. Dramatizáronse temas relativamente banais como o debate sobre as fórmulas de acatamento da Constitución. Confrontouse radicalmente en temas de respecto aos dereitos de cidadanía, como sucedeu na toma de posesión (e logo na suspensión) dos deputados procesados polo referendo catalán do 1O. Agregouse munición pesada na guerra de relatos entre spin–doctors, adoptando etiquetas surrealistas, fakes e memes, como elementos principais de comunicación política contribuíndo na dificultade –e, finalmente, imposibilidade– de negociar acordos ou compromisos para lograr unha investidura e conformar goberno.

No medio de todo este ruído, pasou case desapercibido que o equilibrio de xénero nas bancadas do Congreso acadou en 2019 a mellor cifra das catorce lexislaturas: das 350 actas, 166 foron recollidas por deputadas, o 47,4%. Tratouse dun novo avance na posición das mulleres, que, lento pero practicamente continuo, víñase producindo en cada lexislatura. Este fito tivo relevancia especial na representación galega: quince mulleres e oito varóns ocuparon os vinte e tres escanos de Galicia, un 65,2% de mulleres. E temos que falar en pasado porque, lamentablemente, este reparto non se repite na actualidade, nin a nivel estatal, con 150 deputadas en 350 escanos, un 42,8%, nin na delegación galega, con 12 de 23, un 52,2%.

Unha ollada á gráfica da evolución da paridade no Congreso mostra esa liña ascendente practicamente continua dende a lexislatura constituínte, que cambia logo deste 10N de 2019. Chama a atención como a representación galega acompañou este cambio a un ritmo similar á media até 2008, en que o cambio se acelera, e 2016 en que Galicia supera o 50% de deputadas que mantén na actualidade malia a baixada producida nas últimas Xerais. Queda por ver se o baixón desta XIV é unha anécdota no camiño da paridade ou marca un punto de inflexión, e fai realidade as advertencias dalgunhas deputadas que remarcaban, en declaracións a Luzes, a facilidade con que se poden derramar os logros que parecen máis consolidados.

A Constitución española considera os partidos políticos como entes privados de carácter asociativo e non como órganos constitucionais. Pode ser este o motivo polo que a lexislación específica, a Lei orgánica de partidos políticos de 2002, apenas entra a definir en que consiste o «funcionamento democrático» que o artigo 6 da Constitución lles esixe. Pode ser este –tamén– o motivo de que non sexa nesta lei, senón na electoral (LOREG), coa reforma de 2007, onde se establecen por primeira vez cotas de varóns e mulleres nas listas.

A escasísima presenza de mulleres nas primeiras lexislaturas (inferior ao 10% da cámara até o ano 89) non preocupaba os partidos, que nos anos oitenta incluso prohibían ás súas deputadas xuntarse para promover transversalmente o acceso de máis mulleres nas listas electorais. Non imaxinaban –seguramente– que tentaban poñer portas ao mar. Que aquelas xuntanzas e xantares clandestinos albiscaban unha dinámica intra e interpartidaria, solidaria e competitiva ao mesmo tempo, protagonizada por elas, para ocupar –compartir– o poder.  Sen obrigas legais, son as demandas e a presión dos movementos das mulleres militantes o que, nalgúns partidos, cristaliza en normas internas de cotas máis ou menos formalizadas. Naqueles momentos dos anos 70 e 80, elas tiveron a capacidade de superar os límites partidarios, e incluso ideolóxicos, para buscar fórmulas de ampliar os espazos de poder para as mulleres.

Nona Inés cos seus compañeiros de candidatura nas eleccións de 1979.

A exdeputada Nona Inés Vilariño lembra para Luzes aquela época como un recordatorio para as actuais deputadas: «superada a barreira da representación numérica, cobra un enorme interese o papel que as mulleres estean dispostas a desenvolver no seo dos seus partidos e dos grupos parlamentares. Só un esforzado proxecto de traballo en común das que, por camiños diferentes, están comprometidas coa igualdade real, terá a forza suficiente para gañar primeiro a lexislación, que aínda está por rematar, e logo a efectiva aplicación do lexislado».Vilariño, que foi tamén concelleira en Ferrol, conta que eran moi conscientes naquela lexislatura constituínte da importancia de introducir con rango constitucional a igualdade entre mulleres e homes no artigo 14 da Constitución: «hai que situarse naquel contexto histórico, sociolóxico, político e legal para entender canto e como tiña que cambiar a situación da muller coa obrigada aplicación deste artigo».

O trece de xullo de 1977, a profesora Nona Inés  Vilariño Salgado tomaba posesión da súa acta de deputada nas Cortes constituíntes preconstitucionais do posfranquismo. Saíra elixida pola circunscrición da Coruña no cuarto posto das listas de UCD. Era unha das tres mulleres da delegación galega, xunto coa xornalista Victoria Fernández-España y Fernández-Latorre (Victoria Armesto), elixida como cabeza de lista de AP pola Coruña, e a bancaria Elena Moreno González, sexta na lista de UCD de Pontevedra.

Victoria Armesto

Victoria Armesto, cabeza de lista pola Coruña do partido de Fraga, foi tamén deputada (a única galega) na segunda lexislatura, na que pasou ao grupo mixto abandonando o seu –e posteriormente a política– por discrepancias sobre a posición abstencionista de AP no referendo da OTAN. Ela pedía o voto afirmativo porque: «a abstención é equivalente a un non á OTAN e, en consecuencia, a un non a Europa». A xornalista foi a primeira vicepresidenta do Congreso e a única muller naquela Mesa que regulou os traballos de elaboración da Constitución do 78.

Elena Moreno deixou a política logo da primeira lexislatura. Estaba naquela famosa foto interpartidaria das mulleres deputadas do 79, pero xa non aparecía nas listas de UCD no 82. Así que non participou no derrubamento electoral do partido de Suárez, que deixou fóra do Congreso a Vilariño, malia ir de segunda pola Coruña. Soubemos de novo de Moreno moitos anos despois, como vítima do Alvia… pero esa é outra historia.

Sonsoles López Izquierdo, que foi deputada do PSdG pola circunscrición de Lugo na fugaz XIII, reivindica a aportación das pioneiras á paridade na política e fai para Luzes «un recoñecemento expreso ás que formaron parte da lexislatura constituínte… nun mundo feito á medida dos homes, non conseguiron todas as súas aspiracións pero grazas a elas estivemos representadas e defendidas». Considera a exdeputada o Pacto de Estado contra a violencia de xénero un exemplo do que ese lobby interpartidario de mulleres deputadas podería acadar, e achéganos unha cita de Michelle Bachelet: «cando unha muller entra na política cambia a muller, pero cando moitas mulleres entran na política, cambia a política». Esta visión da paridade como un obxectivo non só de xustiza de xénero no reparto do poder político entre mulleres e varóns, senón como unha proposta de cambio estrutural das formas de facer política, contrasta para López Izquierdo co visto nos últimos meses no Congreso que ameaza con que o cambio, de habelo, non sexa prometedor. Igual non chega con que haxa máis mulleres para que algo mude. Igual teñen que ter máis poder e menos influencia.

Carmen Solano, Juana Arce, María Dolores Pelayo, Elena Moreno, Dolores Blanco, María del Carmen García e Soledad Becerril.

Izquierdo, o mesmo que Beatriz Pino, Marta Rivera e Ana Pastor, non repetiron como deputadas galegas logo do 10N por diversas circunstancias. No primeiro caso, por non concorrer xa na lista do PSdG por Lugo.  No segundo, a cabeza de lista de Ciudadanos por Pontevedra repite posto pero non acada os votos necesarios para obter a acta. No terceiro, a deputada de Ciudadanos pola circunscrición da Coruña durou menos no escano que a lexislatura. Activista de Galicia Bilingüe, que fora xa electa polo mesmo partido nas dúas lexislaturas anteriores na circunscrición de Madrid, deixou o escano ao ser nomeada conselleira de Cultura da CAM polo goberno madrileño, o «trifachito» encabezado por Díaz Ayuso. O seu posto no Congreso e na cabeza de lista da Coruña ocupouno María Vilas, que fracasou no intento ao non acadar o 10N os votos necesarios para repetir. O caso de Ana Pastor é diferente, xa que segue no Congreso como deputada, pero por outra circunscrición.

Fálase de que, en política, os varóns son insubstituíbles e as mulleres intercambiables. Na representación galega danse casos que claramente o desmenten. Se alguén proxecta unha imaxe de poder e permanencia en política é Ana Pastor. A deputada do PP (antes por Pontevedra e agora por Madrid), é probablemente unha das mulleres con máis poder institucional –e durante máis tempo– na historia do posfranquismo español. É a súa unha presenza política constante e consistente, alén dos vaivéns do seu partido. Leva sendo deputada nas Cortes ininterrompidamente dende o ano 2000 e van oito lexislaturas. Ministra de Sanidade con Aznar e de Fomento con Rajoy, foi presidenta do Congreso entre 2016 e 2019. Na actualidade mantense na Mesa como vicepresidenta segunda e, por tanto, na deputación permanente. Ten sido alcumada como a «escudeira leal» de Rajoy, restándolle así mérito propio á súa carreira política. Mais o tempo pasa e ela sobrevive a líderes e purgas internas. Sobreviviu a Rajoy como antes o fixo con Romay Beccaría, con Aznar… e o tempo dirá a quen máis.

Ana Pastor, presidindo o Congreso.

Pilar Cancela non leva tanto no Congreso como Pastor, esta é a súa cuarta lexislatura (en catro anos), pero é tamén un exemplo de carreira política consistente. Directora xeral no goberno de coalición PSdG–BNG e antes, brevemente, no goberno de Fraga. Secretaria de Organización do PSdG, tocoulle dirixir a xestora socialista logo da dimisión de Besteiro até a elección de Caballero, unha época difícil para o partido en Galicia. Estivo en todas as quinielas de ministrables nos tres procesos de formación de goberno de Pedro Sánchez, aínda que ela sempre eludiu manifestar as súas ambicións e, polo de agora, segue como deputada.

Para Cancela, en resposta a preguntas de Luzes, «todo o que supoña ocupar espazos das mulleres en calquera ámbito da toma de decisións e empoderarnos, sempre é positivo e supón sumar na conquista de posicións que, per se, nos corresponden ao sermos máis do 50% da sociedade. Se falamos do espazo político, a nosa presenza maioritaria é decisiva. Resulta evidente que ese resultado deriva da aposta máis ou menos comprometida que cada organización política amose con feitos, sexa con listas paritarias ou cremalleira, grazas ao cal se acada esa representación feminina. Aínda así, queda moito polo que pelexar no espazo público».

Pilar Cancela, presidindo a Comisión de Igualdade do Congreso xunto á responsable da Área de Dereitos e Igualdade de Oportunidades do Consello da Xuventude de España, Carla Millán.
Pilar Cancela, presidindo a Comisión de Igualdade do Congreso xunto á responsable da Área de Dereitos e Igualdade de Oportunidades do Consello da Xuventude de España, Carla Millán.

A deputada socialista considera dúas as súas prioridades: «o meu país, Galicia, e a procura da igualdade de oportunidades para todas e todos». Era presidenta da Comisión de igualdade do Congreso cando se acadou o acordo do Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero e conta que, na actualidade, malia ás dificultades que a deputada ve en avanzar na axenda feminista coa presenza da ultradereita na cámara, é necesario marcarse novas metas: «Os obxectivos teñen que ser acadar representación paritaria tamén nos distintos órganos do Congreso e Senado. E non só nas mesas das Cámaras. Refírome ás presidencias de comisións (e non só nas de contido «social») e como portavoces das distintas áreas e mesmo dos grupos parlamentarios. O empoderamento, en definitiva, aínda está pendente».

Yolanda Díaz, actual ministra de Traballo, deputada tamén na súa cuarta lexislatura –nesta ocasión pola coalición Galicia en Común e a circunscrición de Pontevedra–, avaliaba para Luzes en 2019 como un éxito a presenza de mulleres nas Cortes: «É máis necesario que nunca, agora sabemos que os dereitos que parecían irreversibles poden perderse, os dereitos son conquistas que temos que defender e exercer. Sen mulleres non hai verdadeira democracia e sen paridade non hai verdadeira representación».

A Ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

Díaz ten unha ampla, diversa e ascendente traxectoria política que desmente a idea da fugacidade ou da falta de ambición das mulleres na política. Ambos son obstáculos para a acumulación de poder, que fai que sexamos intercambiables e por tanto prescindibles. Militante de Esquerda Unida, foi candidata á Xunta por esta formación en 2005 e 2009 quedando fóra do Parlamento galego. En 2007 acadou acta de concelleira en Ferrol e participou como tenente de alcalde no goberno de coalición co PSdG. En 2012 entra no Parlamento galego acompañando a Beiras na candidatura de AGE pola Coruña, deixando o escano en 2015 para ocupar o segundo posto na candidatura da coalición En Marea ás xerais pola Coruña e iniciar a súa traxectoria nas Cortes.

Nestas catro curtas lexislaturas, o seu protagonismo como voceira do grupo e como referente de parte nos debates internos e na ruptura de En Marea consolida a súa figura como piar desa concreta liña política, chegando a ocupar un ministerio no goberno de coalición. A propia Díaz reflexionaba así sobre o seu traballo parlamentar: «A verdade é que eu sempre asumín responsabilidades en materias tipicamente masculinas até o de agora: Traballo, Industria ou Enerxía. Penso que un dos retos é demostrar na práctica que non hai temas de homes nin de mulleres, que as mulleres (e os homes) deben atender a todas as materias, porque a todas nos afecta».Non era Díaz tan optimista como López Izquierdo sobre a correlación entre o número de mulleres e a calidade das políticas: «espero que a presenza das 166 mulleres no Congreso (de 350) permita consolidar os logros e avanzar na axenda feminista, pero xa aprendemos que algúns discursos antifeministas se dan por boca de mulleres». O tempo parece darlle a razón.

Unha vez acadado o consenso sobre a idea de que a paridade é un obxectivo democrático para toda a sociedade, este pequeno pero relevante retroceso no camiño que supón a actual composición do Congreso corre o risco de ser banalizado. Para que non fique en anécdota, hai cousas que se poden facer. É posible unha revisión da Lei electoral, como se fixo en 2007, para adaptala ao escenario fragmentado actual, ou a introdución na Lei de partidos da paridade nas directivas como expresión de funcionamento democrático. A crise do coronavirus paralizou a actividade parlamentaria, e parece complicado que este tema atope un espazo na axenda lexislativa da XIV.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail