Manda carallo

Estabamos un bo grupiño de carallada. Era unha noite calquera de calquera sábado de calquera mes de primavera. A verdade é que o día era algo que nos importaba un pito. O caso é que empezamos a discutir sobre as mulleres que están a denunciar en masa casos de acoso e agresión sexual.

Con tal motivo, uns concluían que nada de cuarto ou quinto episodio, que o feminismo está a ser unha moda xurdida en Hollywood, unha arroutada que xa pasará, como pasan as saias de volantes, o pelo cardado ou os pantalóns curtos.

Outros dicían que están ata os collóns. Que xa abonda de tanto vitimismo. Que o mundo está cheo de homes bos e que este movemento non fai máis que sinalalos a todos, sen piedade. Que, se reparamos en vinte, trinta, corenta anos atrás, avanzamos moitísimo. Que realmente, salvando mediáticas excepcións, mulleres e homes xa somos iguais en dereitos, e tamén diante da lei. E que xa está ben de mulleres amargadas que o que queren é limpar o mundo de pirolas. O carallo vintenove!, protestamos, afortunadamente neste grupo, case todos.

Porque tamén estabamos os que defendiamos o que está a suceder porque pensamos que a denuncia, pose ou non, é o camiño. Que facendo barullo diante de casos coma o da Manada é cando se consiguen realmente as cousas, os cambios reais, a concienciación social.

Nese intre, algúns do primeiro grupo, os que cren que isto é unha moda pasaxeira, recoñecen que as e os que saímos á rúa e defendemos o feminismo día a día somos valentes. Vós si que tedes bemoles, din entre caña e caña.

E seguimos co debate, cada vez máis aceso. Porque os do segundo grupo continúan a negar a desigualdade de xénero. Que pensedes iso despois de todo o que está a pasar na sociedade, ten collóns!, rebatimos o resto.

Total, que o que este artigo viña a dicir é que, se houbo algunha conclusión, é que a palabra cona soa fatal. Porque dicir que estamos ata a cona, tal como pareceu quedar case consensuado por todas as persoas presentes, é a liña vermella por excelencia do asunto. Que desprestixia o feminismo, embrutece os discursos, é soez e de moi mal gusto e só se usa para chamar a atención. Énfase? Que énfase? Dicir cona é forte de collóns! E niso si que estaban practicamente todos de acordo.

Manda carallo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail