Rueda ocultou ao Parlamento de Galicia miles de contratos da Xunta coa empresa da irmá de Feijóo

A Coruña.- A Xunta de Galicia, que preside Alfonso Rueda, ocultou ao Parlamento de Galicia polo menos 1.133 contratos co Grupo Eulen, cuxa directora para o noroeste de España é Micaela Núñez Feijóo, irmá do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. Eses expedientes deberían formar parte da documentación que estudou a comisión de investigación da Cámara galega que tentou desentrañar a maraña de irregularidades nas adxudicacións a sociedades da contorna familiar de Feijóo e doutros cargos e persoas próximas ao PP.

O pasado outono, e ante as evidencias do trato de favor da Xunta cara ás empresas da súa irmá e tamén do seu cuñado, Ignacio Cárdenas, o BNG instou a apertura da comisión de investigación, que reclamou á Xunta todos os expedientes de contratación da Administración autonómica dos últimos anos.

Rueda respondeu enviando ao Parlamento unha listaxe de contratos que incluía 825 subscritos con Eulen entre 2005 e outubro de 2024. Pero en realidade son moitos máis. Luzes-Público tivo acceso ás referencias de polo menos 1.566 adxudicacións ordenadas por consellerías e organismos dependentes da Xunta só desde o ano 2018 e ata outubro de 2024. Delas, unicamente 433, é dicir menos do 28%, figuran na listaxe referida a ese mesmo período que o Executivo de Rueda enviou ao Parlamento galego.

Luzes-Público dirixiuse á Presidencia da Xunta para interesarse pola omisión e para saber se existen máis expedientes do período 2005-2018 que non foron comunicados ao Parlamento, pero á hora na que se terminou de escribir este artigo non obtivera resposta. Tampouco contestou o Grupo Popular, a quen se dirixiu para pedir unha valoración sobre a ocultación de documentación ao Parlamento.

En canto á Presidencia da Cámara, que ocupa Miguel Santalices, informou de que non valora as iniciativas presentadas polos grupos parlamentarios «nin tampouco o contido das respostas que a esas iniciativas dá a Xunta de Galicia ou calquera outra administración pública». 

 Catro sociedades de Eulen

Eses 1.566 contratos tramitados entre 2018 e 2024 destináronse a catro sociedades de Eulen: Eulen SA, matriz do grupo, Eulen Seguridad, Eulen Servicios Sociosanitarios e Eulen Centro Especial de Empleo. Foron subscritos por unha vintena de consellerías, empresas públicas, consorcios, axencias e fundacións dependentes da Administración autonómica. A inmensa maioría, un total de 1.553, refírense a adxudicacións de bens e servizos por baixo de 30.000 euros, o que permite á Administración tramitalos como contratos menores e adxudicalos a dedo sen concurso público.

Micaela Núñez Feijóo empezou a traballar para Eulen como delegada en Pontevedra no ano 2003, case ao mesmo tempo en que o seu irmán aterraba de regreso na Xunta como vicepresidente e conselleiro de Política Territorial na última lexislatura de Manuel Fraga.

Alberto Núñez Feijóo e a súa irmá, Micaela

Desde que Feijóo gañou a súa primeira maioría absoluta en 2009, as adxudicacións da Xunta a Eulen disparáronse e súa irmá accedeu á dirección rexional do grupo para Galicia. En 2016, tras rexistrar o récord de facturación á Administración autonómica, foi ascedida a directora territorial para o noroeste de España.

Os contratos con Eulen mantivéronse cos gobernos de Alfonso Rueda. Un dos máis recentes foi o que tramitou a prima de Alberto e Micaela, Eloína Núñez Masid, a quen o primeiro tamén promocionou na sanidade galega e quen desde o seu posto como xerente dos hospitais públicos de Santiago adxudicou a Eulen dous contratos por 3,9 millóns.

Ayuso e Moreno Bonilla

Segundo outra investigación de Luzes-Público, os gobernos autonómicos do PP en Madrid, Murcia e Andalucía tamén dispararon as contratacións coas sociedades do mesmo grupo desde que Feijóo deixou Galicia e accedeu á presidencia do Partido Popular.

En Galicia, o PP de Rueda impediu o ano pasado cos seus votos a apertura da comisión de investigación parlamentaria sobre os contratos da Xunta con Eulen. Pero o BNG forzou a súa creación grazas a un precepto do regulamento do Parlamento que permite facelo en solitario a un grupo con polo menos un terzo da Cámara. A formación de Ana Pontón conta con 25 das 75 deputadas do pleno.

Durante os dous meses que durou a comisión, o PP obstaculizouna usando a súa maioría absoluta para vetar os comparecentes propostos pola oposición, incluídos Feijóo e os seus familiares, e para aprobar unhas conclusións que os eximían de responsabilidade algunha.

Un dos argumentos que Rueda tentou asentar no seu relato era que as contratacións da Xunta con Eulen durante os seus mandatos e os de Feijóo desde 2009 mantiveran o mesmo nivel e contías similares que durante os catro anos do Goberno de coalición do BNG e o PSOE. O relato non se sostiña entón, porque co PP a media anual de adxudicacións á empresa de Micaela Núñez Feijóo foi o triplo que co bipartito. Agora menos, cando se constata que Rueda ocultaba máis de 1.100 expedientes de contratos menores a dedo en beneficio de Eulen.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail