A Coruña.- Universal Support SA, a empresa coruñesa de telemárketing vinculada ao cuñado de Alberto Núñez Feijóo, Ignacio Cárdenas Botas, fíxose en abril de 2022 cun convenio co Servizo Galego de Saúde (Sergas) por valor de 4.058.533,72 euros para prestar servizos de información telefónica sobre a covid coa oferta máis cara das que chegaron á fase final do concurso.
Grazas a ese acordo marco, Universal Support, propiedade da multinacional Konecta, asinou 25 contratos coa Xunta que se suman aos outros 17 que obtivo entre 2020 e 2022 mediante o procedemento de contratación de emerxencia, é dicir, sen concurso público. Estes 17 contratos reportaron á empresa 15,2 millóns de euros pola prestación de servizos de atención telefónica e rastrexo de casos durante a emerxencia sanitaria.
En total, a compañía, sen vinculación algunha co sector sanitario e dedicada a televenta e mercadotecnia e a realización de enquisas e estudos de mercado, facturaría en tres anos á Administración galega máis de 19,2 millóns de euros con cargo aos fondos covid.
Desa cantidade, o 95% –18.274.723,93 euros– asignouse á empresa da que Cárdenas é director comercial e de retail cando Feijóo era aínda presidente da Xunta, e o Sergas informaba oficialmente deses contratos ao seu Consello de Goberno.
A oferta máis cara
En decembro de 2020, o Sergas iniciou o procedemento para contratar os servizos de call center para atención e información telefónica á cidadanía sobre a covid cun orzamento estimado de 3.812.850 euros máis o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE). O prego de condicións contemplaba un prezo máximo por chamada de 18,5 euros máis IVE.
A oferta máis cara era a de Universal Support, con 17,21 euros máis IVE por chamada tramitada, fronte aos 17,02 euros máis IVE que ofrecía Ilunion Contac Center; os 16,45 euros da unión temporal de empresas (UTE) Everis Spain SLU e Everis BPO SLU, e os 15,70 euros por chamada de Huaris Call Center SL. Esta última proposta foi considerada anormalmente baixa e acabou excluída da licitación.
Ao concurso presentáronse seis empresas, das que outras dúas –Bosch Service Solutions SAU e Servinform SA– tamén foron excluídas por non alcanzar a puntuación mínima esixida pola mesa de contratación nos criterios avaliables de maneira subxectiva, como o modelo de xestión, a infraestrutura tecnolóxica ou os procedementos de control.
Precisamente, Universal Support foi a que mellor puntuación obtivo neses criterios subxectivos, o que lle permitiu converterse na mellor valorada na estimación global do concurso con 69,65 puntos. Só tres centésimas por encima da UTE de Everis, que obtivo 69,62.
O Sergas adxudicou o acordo marco o 30 de abril de 2021 e formalizouno o 27 de maio cun prazo de execución dun ano. O 13 de maio de 2022 acordouse unha prórroga doutros doce meses, é dicir ata maio de 2023.
25 contratos en 19 meses
Segundo a documentación á que tivo acceso Luzes-Público, entre o 30 de xuño de 2021 e o 31 de xaneiro de 2023 o Sergas e Universal Support asinaron 25 contratos por cantidades de entre 58.037 euros e 337.350 euros que suman un total de 4,06 millóns.
Esas cantidades engádense ás xa citadas polos contratos de emerxencia. Segundo un informe do Consello de Contas de Galicia, Universal Support foi a empresa máis beneficiada por ese tipo de adxudicacións realizadas con cargo aos fondos de continxencia dos que dispuxo a Xunta para loitar contra a covid.
O PSOE referiuse este mércores á información publicada o pasado martes por este diario con respecto ás adxudicacións de emerxencia da Xunta coa citada compañía por valor de 15,2 millóns e esixiu ao presidente do PP «respostas inmediatas» ás preguntas de se coñecía eses contratos, se participou na súa concesión e se existe «un patrón que se repite noutras administracións gobernadas polo PP no referido á contratación de empresas con vínculos familiares» con cargos do partido.
O BNG tamén esixiu á Xunta transparencia á hora de explicar os contratos do Sergas con Universal Support.