En tres das catro provincias galegas (o Ourense dos Baltar é o auténtico sitio distinto), o esmagador dominio interno de Alberto Núñez Feijóo no PPdeG fai complicado que se escoite algunha outra voz que non sexa a súa. É certo que os vicepresidentes da Xunta ou os cargos do partido contan coa súa cota fixa nos medios públicos, pero normalmente a irrelevancia política do que din Rueda ou Conde fai que quede esquecido antes de que chegue a louvanza ao seguinte conselleiro. Quizais por iso o presidente galego (ou quen sexa que tome estas decisións) entendeu que para baixar á lama non lle valía ningún deles. Tampouco Pedro Puy, dotado dunha ironía difícil de encadrar en 140 caracteres. Facía falla alguén capaz de ter conta das cousas que ninguén quería facer. Alguén que engarzase co espírito da campaña que tombou o bipartito, aquela na que se insinuaba que Anxo Quintana era un maltratador –imaxinamos o que sería isto hoxe en día?–, tachábase a Touriño de Sultán de Monte Pío e Baltar pai xustificaba que Pachi Vázquez estivese «obsesionado» con el porque debía ser «un pouco maricón». Non convén esquecer que, se para recuperar San Caetano valeu todo, para mantelo –se algún día corre verdadeiro perigo de perderse– non vai ser menos. E aí, coa navalla afiada e mando en praza, estará Miguel Tellado.
Escoitando hoxe a Tellado (Ferrol, 1974) custa crer que os seus inicios na militancia, mentres estudaba Ciencias Políticas na USC, os dese no MEU, aquela escisión dos CAF na que tamén estaba Xaime Subiela, actual asesor doutra ferrolá ilustre, a vicepresidenta Yolanda Díaz. Pecados de mocidade que esqueceu no seu retorno a Ferrolterra, pese a foguearse como xornalista en Radio Fene, cando ese concello aínda era un feudo histórico do BNG. Dos medios locais pasou axiña a ser xefe de prensa do alcalde de Ferrol polo PP, Juan Juncal. Un percorrido que lembra, a menor escala, o de Miguel Ángel Rodríguez e José María Aznar. Un imaxina que MAR (con maiúsculas) ten que ser un dos seus ídolos, non só por esas traxectorias similares, senón porque Tellado quizais sexa o mellor embaixador en Galicia dese trumpismo encarnado por Isabel Díaz Ayuso dende que Rodríguez é o seu asesor de cabeceira.

Logo dun breve paso pola Deputación, foi xefe de gabinete de Beatriz Mato en Benestar (naquela consellería cunha cúpula que, internamente, distinguía entre tullidos e tontos para separar os discapacitados físicos dos psíquicos) e volta a Ferrol, desta vez con Rey Varela, antes de chegar ao Parlamento para iniciar unha carreira meteórica como bulldog do Goberno. De MAR a Rafael Hernando nun vira-vira.
En apenas dous anos era xa o portavoz dun PPdeG que levaba 103 días mudo tras a renuncia da súa predecesora, Paula Prado, imputada na Pokémon sen consecuencias (hoxe é complicado ver cal dos dous pon máis esforzo en aplaudir as intervencións do seu líder na cámara). E menos de dous anos despois, upábano á secretaría xeral. Un cargo sen poder territorial nun partido claramente presidencialista. A mensaxe: tes toda a banda dereita do campo para ti; non fagas prisioneiros. «A morder», dicían os titulares cando o nomearon.
Dende entón, as súas polémicas son incontables. Aquel momento con Beiras fóra de si golpeándolle no escano ata que o expulsaron da Cámara foi un dos seus primeiros hits (hoxe, porén, di botar de menos a moderación do leonado líder cando ve cales son os socios estatais de Ana Pontón). Con alma de tertuliano da caverna, no seu discurso non falta ningún dos mantras clásicos: ETA, Venezuela, Cataluña… e Pedro Sánchez como causa última de todos os males. A delegación do Goberno chegou a bloquealo en Twitter polas súas «descualificacións».
Aínda que o seu rival favorito segue sendo o BNG. «Calzonazos» ou «vendidos» son só algunhas das perlas que lles dedicou ultimamente. Quizais se asañe desa maneira porque son a principal forza da oposición, pero tamén é posible que ese pasado no nacionalismo siga proendo. E por iso morde con máis ansia.