Os recortes na sanidade galega pasan factura na xestión do covid-19

 A Xunta de Galicia tivo que enfrontarse nos últimos anos a multitude de protestas da oposición, sindicatos e asociacións en defensa da sanidade pública polo recorte do 21% en Atención Primaria, en persoal sanitario e no equipamento dos centros públicos

A Xunta de Galicia e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, tiveron que enfrontarse a todo tipo de críticas e manifestacións multitudinarias en defensa da sanidade pública galega como a do pasado 9 de febreiro, encabezada por asociacións sanitarias, sindicatos e oposición. As súas queixas ían orientadas ao recorte do 21% en Atención Primaria e aos intentos de privatización durante os once anos de mandato de Feijóo; así como á rebaixa do número de camas hospitalarias que a día de hoxe é palpable pola pandemia; a precariedade en enfermería e atención pediátrica; as saturacións en urxencias que provocaron mortes de pacientes esperando asistencia no hospital ou ambulancias e tamén denunciaron o deterioro na calidade asistencial no rural, danada fundamentalmente pola reforma da Lei Sanitaria en 2017.

Segundo a Xunta de Galicia este novo modelo buscaba «a mellora do servizo sanitario» pero para os detractores as consecuencias reflectiríanse en recortes que minguarían a calidade asistencial en enfermos, en médicos de familia e nos hospitais. Ano tras ano, os recortes orzamentarios en Atención Primaria provocan colapsos nos centros de saúde onde os profesionais se ven forzados a atender ata 60 pacientes ao día.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

A literatura científica sinala como recomendable destinar o 25% do orzamento total de Sanidade á Atención Primaria pero a Xunta destina «apenas un 12%» segundo conta a Luzes o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín. Segundo a organización e de acordo aos seus datos, no último ano o Sergas eliminou máis de «450 camas á baixa», perdéronse «513» prazas de médicos, «184» postos de enfermería e «1121» profesionais do total do persoal sanitario. O aforro económico ata o ano pasado acumulado nos recortes en Atención Primaria foi de «mil millóns de euros». Para Martín «fan faltas camas e persoal» pero ante a precariedade no sector, moitos profesionais que cursaron o MIR fóronse de Galicia para buscar mellores condicións. «Non sabemos como imos conseguilos», engade.

Agora, Feijóo prevé construír dous hospitais de campaña ante a falta de camas seguindo o exemplo de Ifema. Articularanse na Coruña e en Santiago no recinto feiral Expocoruña e o Multiusos Fontes do Sar respectivamente, aínda sen esgotar todos os recursos da pública, que, segundo o presidente da Xunta, pretende utilizar antes de ocupar os de campaña. Estes equiparanse de 300 camas na Coruña e 150 camas en Santiago e poñeranse en marcha antes de que se alcance o pico de incidencia do coronavirus na comunidade, que se espera a mediados deste mes.

Martín explica que «se demostrou en Madrid que estes modelos xeran moitos problemas porque non están organizados nin capacitados para atender aos pacientes». De momento, a rede de hospitais privados non están completamente empregada e, das «2.300» camas hospitalarias que dispón o sector privado, usáronse preto do «30%» segundo informa SOS Sanidade. Sumadas ás 7.500 camas públicas, «é un colchón suficiente para atender». Ademais, tamén insiste en que o caso de Ifema é «paradigmático» e que utilizar médicos de Atención Primaria xa carentes nos centros de saúde empeorará a situación.

Ademais, é nas zonas rurais onde a precariedade na contratación golpeou con máis forza nos hospitais comarcais e xeograficamente illados, que supón que o persoal sanitario teña que desprazarse varios quilómetros para facer gardas, opción que non adoita saír rendible polo gasto no desprazamento, a non ser que conten cunha praza fixa. Mentres que non logren estabilidade o persoal busca outras opcións e ao non mudar as relacións laborais, a incidencia directa dos recortes persiste na xente envellecida, supoñendo un gasto no transporte público -de habelo- ou para os seus familiares se poden desprazalos.

Os maiores se ven aínda máis damnificados polo coronavirus nas residencias superando as cifras que esperaba o Executivo Autonómico, habendo máis de 450 afectados e 21 mortes, ademais das 130 en centros hospitalarios. A Xunta interveu dúas instalacións e a oposición pide que actúen nas demais. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, insta á Xunta a «reforzar» o sistema sanitario con «un plan urxente». «Xa haberá tempo para avaliar que pasou ante o desbordamento das previsións de contaxios en residencias», engadiu.

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, que xa superou o covid-19, insistiu na «perversidade» do sistema do PP que supuxo desmontar «un modelo de coidados para implementar un modelo de negocio». En canto aos hospitais, reparou en que se o Sergas termina por colapsar «boa parte da responsabilidade será de Feijóo, que leva anos recortando o orzamento sanitario».

A día de hoxe, a Conferencia Intersindical Galega (CIG) e a súa Secretaria Xeral de Saúde, María Abuín, reclaman materiais e reprochan a falta de protocolos para o uso de medidas preventivas, habendo unha «disparidade de criterios de utilización dun centro a outro». Os sanitarios enfróntanse día a día a «inseguridades» e continúan mobilizándose entre centros por non posuír praza fixa, algo que non concorda cos plans de prevención que obrigan a un control dos profesionais para que non se expoñan a un risco de contaxio. Ademais, Abuín sostén que o Sergas é «o único colectivo onde persoal sanitario e non sanitario non puido establecer medidas de conciliación familiar», e sumado a que as quendas por parte da Administración pública avísanse con pouca anterioridade «a xente ten un sobreesfuerzo» expoñéndose eles mesmos ao estar en contacto con enfermos e tamén as súas familias, impedindo un control real sobre a poboación.

A presidenta da Asociación de Enfermeiras de Pontevedra (AENPO) e activista en Enfermeiras en Loita-asociación nada en contra das políticas sanitarias de Feijóo- Miriam Colombo, denuncia a falta de persoal de enfermería nos hospitais que a día de hoxe liquídase porque as profesionais tentan ofrecer «o mellor» de si mesmas. A porcentaxe de enfermeiras por cada 1000 habitantes sitúase nun 8,8 na media europea; en España en 6,5 e en Galicia aínda é menor, fixada nun 5,5, segundo fontes da organización. «Temos material grazas ás doazóns en condicións que non deberiamos, reutilizando máscaras e batas», asegura a presidenta a Luzes.

Así mesmo, postula que o máis complicado para elas é poder realizar o seu traballo sen que saian as súas familias prexudicadas, xa que «non se fan test». No caso de posibles contaxios, «envían ao persoal a casa onde hai maiores e nenos pequenos e a proba pode tardar ata cinco días». Colombo prosegue: «Isto ten que servirlle ao Sergas para o despois, porque nós pedimos recursos para os nosos pacientes. Agradecemos o aplauso de verdade, pero o mellor aplauso é que se voten a partidos que non recorten en sanidade». De fronte ao futuro, o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, prevé unhas longas listas de espera ante a paralización da atención nun «40%». «Se non hai unha estratexia para potenciar o público, vai a levalo cru a sanidade privada», conclúe.


Este artículo publicouse en orixe en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail