Que hai de novo, Viejo?

Podería dicir que me sorprendeu ler o artigo de Raimundo Viejo no que reivindicaba a figura de Ramón Piñeiro. Mais mentiría. Non só non me sorprendeu senón que en O canastro sen tornarratos, (Xerais, 2018), xa puxen, negro sobre branco, a continuidade ideolóxica existente, en moitos aspectos, entre o que, groseira pero eficazmente, poderiamos chamar esquerdismo posmo presente na Nova Política e o piñeirismo.

A ambos os dous lles une a crenza nunha pretendida superación do Estado-nación, cuestión na que, ademais, engarzan co  «Ultraimperialismo» de Kautsky —estadio ideado como superación da etapa imperialista e un equivalente, avant la lettre, do «Imperio» de Toni Negri.

Se non existe o imperialismo, que sentido ten toda a politización en clave nacional, xa sexa para evitar que España se convirta nun protectorado alemán, xa sexa para que Galicia deixe de ser un territorio prescindible na xeopolítica interna do Estado español e un deserto verde cuxa lingua desaparece un chisco máis con cada vello que morre e cada bebé que nace?

Se en Piñeiro a superación do Estado-nación pasaba por reducir o antagonismo Galicia-España en aras dunha posterior síntese superior encarnada na utopía europeísta e na teorización debedora do heideggeriano e colaborador da CIA Denis de Rougemont das «comunidades básicas», na esquerda posmo a pretendida superación do Estado-nación viría articulada a través dun municipalismo abstracto que é incapaz de verse a si mesmo como o que, consciente ou inconscientemente, é en realidade: unha pata máis do proxecto nacional(ista) español. Ese que, por enésima vez, pretende rematar a destempo a revolución liberal para desfacerse con receitas homoxeneízadoras francesas dos molestos «nacionalistas».

Ramón Piñeiro.

O europeismo paifoco propio de sureños acomplexados, como o galeguismo culturalista de Piñeiro, eran en realidade dispositivos despolitizadores. Hoxe que o Estado Autonómico e a Unión Europea sofren as súas propias crises de lexitimidade percibimos con claridade como o europeísmo acrítico deu como froito un sur subalterno especializado en turismo, tixolo e altas taxas de paro convenientemente posto a raia grazas aos grilletes do euro. E percibimos tamén como o Estado Autonómico fai augas nun tempo, o da financiarización da economía, que no Estado español toma a forma de hiperconcentración económica, mediática, cultural e política en Madrid.

Esta madreliñización de España leva aparellada, primeiro, a subalternización da chamada España baleira (auténtico subproducto da capacidade succionadora dunha capital do Estado que esquilma a súa periferia próxima); segundo, subalternización de todo o perímetro costeiro, densamente habitado e con vida propia cando aínda quedaba algo dos polos de desenvolvemento ideados polo último franquismo; terceiro, subalternización dos antigos centros industriais que xeraran as súas propias burguesías nacionais (e explicación, como reacción, do auxe actual do independentismo catalán).

Alá onde a politización da cuestión nacional foi máis forte, é tamén máis forte a resistencia a ese proxecto radial de España que arela facer de Madrid a gran megaurbe que capte investimentos globais.

Di Viejo que Piñeiro gañou a Transición. Nada que obxectar. No só a gañou senón que, o mesmo que de Carrillo, pódese dicir de Piñeiro que el é a Transición

No caso de Galicia, onde os intereses obxectivos do país pasarían máis por un achegamento a Portugal que por convertírmonos na praia atlántica madrileña, a autonomía hexemonizada culturalmente polo piñeirismo e políticamente polo PP contribuíu ao que Xosé Manuel Beiras (aliado, por certo, do espazo político de Raimundo Viejo), gusta de chamar «brigada de demolición e etnocidio».

O que quizais choque máis do artigo de Raimundo Viejo é a sinceridade á hora de confesar cales son os seus referentes. Di Viejo que Piñeiro gañou a Transición. Nada que obxectar. No só a gañou senón que, o mesmo que de Carrillo, pódese dicir de Piñeiro que el é a Transición. A el se debe en boa medida, efectivamente, que o lobby Realidade Galega se incrustase na administración autonómica galega, copando todo canto cargo de responsabilidade cultural creou a autonomía para dar unha morte lenta e doce á cultura e lingua do país e para cercenar toda a potencialidade emancipadora do galeguismo histórico (non esquezamos que Castelao rachou con Piñeiro precisamente pola discrepancia a respecto da necesidade da loita política).

Con certeza, tamén cabe endosar a Piñeiro que o venerable anciano galeguista que presenta Raimundo Viejo cando fala de Fernández Albor rematase de presidente da Xunta (Albor tamén foi piloto da Luftwaffe nazi, pero para que pintar de negro o que se pode pintar de rosa) e que o exministro franquista Fraga Iribarne puidese lustrar a súa persoa cun verniz de san autonomista en tempos en que declararse franquista en público non cotizaba á alza.

As elites franquistas que deviron demócratas necesitaban dese culturalismo galeguista para lexitimarse nunha Galicia onde o galego era a lingua da esmagante maioría da poboación. Cumprida esa etapa de culturalismo folclórico os seus servizos son cada vez máis prescindibles para o PPdG de Feijóo, que goza dunha Galicia máis colonizada que Fraga

Os servizos do piñeirismo ao fraguismo son incalculables pero, a diferenza de Viejo, eu non vexo nisto tanto un mérito de Piñeiro coma do país. As elites franquistas que deviron demócratas necesitaban dese culturalismo galeguista para lexitimarse nunha Galicia onde o galego era a lingua da esmagante maioría da poboación. Cumprida esa etapa de culturalismo folclórico —o que eu chamaría, botando man da famosa CT, a Cultura da Autonomía en Galicia (consensualismo fatuo, folclorización, nulo antagonismo)—, os servizos do piñeirismo son cada vez máis prescindibles para o PPdG de Feijóo, quen xa goza dunha Galicia moito máis colonizada, a todos os niveis, que a que atopou Fraga.

En suma, sobre a reivindicación de Piñeiro pola Nova Política, cabería preguntarse o mesmo que se preguntaba Bugs Bunny nos debuxos dos Looney Tunes: «Que hai de novo, Viejo?». E responderse que de novo, o que se di de novo, hai pouca cousa.

A Nova Política ten máis ideas para España que para as Españas. Por iso lle gusta criticar, de cando en vez, o Réxime do 78 polas nefastas consecuencias que tivo para a empancipación das clases populares do Estado español cunha man, ao tempo que, coa outra, pretende metérnolo outravolta na casa en forma de culturalismo rexionalista revestido de (pos)modernidade.

Un paso atrás despolitizador e, sobre todo, subalterno da España radial articulada arredor de Madrid como gran megalópole global. Un proxecto, este, hai que dicilo, fronte ao que a esquerda da España estricta non ten, hoxe por hoxe, ningunha alternativa seria.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail