De Xesucristo a Carl von Clausewitz

Unha das principais diferenzas entre unha sociedade que prospera e outra en retroceso é que a sociedade avanzada é «integradora» mentres a estancada ou en declive caracterízase por unha mentalidade «expulsatoria». Unha sociedade acolledora é tamén aquela con celeiros de esperanza, habitada pola solidariedade e onde a pulsión creativa poliniza a atmosfera. E ese estado de ánimo correspóndese coa confianza básica propia dos países onde mellor se respecta o estado de dereito, a igualdade ante a lei e os dereitos humanos. Alí onde a verdadeira identidade «patriótica» é a do cultivo dos valores cívicos, a comezar polo «patriotismo fiscal» que garanta os servizos públicos e impida o inferno do abandono social. Non se fala aquí de situacións arredondadas, pero si de orientacións esclarecedoras no compás histórico, no medio dun mundo hoxe dominado pola bruma da incerteza e a pandemia do medo.

A historia de España, por desgraza, é dunha longa tradición «expulsatoria». A empresa imperial abasteceuse na mesma cerralleira que a das fechaduras marca ¡Santiago y cierra, España!, e apura o rumbo da expansión o mesmo ano, 1492, que os Reis Católicos decretan a expulsión dos xudeus. Dende entón rexístranse ondadas de exilios, que atinxen sobre todo á xente liberal e ilustrada. A maior fenda, traxedia inenarrábel, será o éxodo que seguiu ao calvario da IIª República. As migracións «económicas» a América e a Europa responderon tamén a modelos expulsatorios. Agora o Estado español é un espazo de acollida. Un grande xiro histórico, que se faría cos brazos aínda máis abertos de activarse esa memoria das propias amputacións e perdas. A maleta de quen emigra é sempre a mesma. Vai á procura de pan e liberdade. A migración é unha oportunidade para quen chega, mais tamén para quen recibe. A regularización de migrantes non é un agasallo, non é unha gracia. Para esa sociedade receptora é unha obriga moral, un mínimo imperativo ético. E dende logo un beneficio colectivo no sentido máis amplo. A migración enriquece no sentido máis amplo: económico, social e cultural. Fronte aos xenófobos e criminalizadores, non se pode calar. Cómpre dicir ben alto: a migración protéxenos, coida de nós. Que sociedade pode convivir moito tempo mantendo multitudes na sombra da subsistencia, cunha discriminación que tolera relacións de abuso e mesmo escravitude? Coa regularización de migrantes este é un mellor país do que era. Que mellor sinal para un país que a xente desexe vivir nesa comunidade? Que maior orgullo que a xente desacougada que soña cunha nova vida deposite a esperanza neste punto da esfera? Que mellor destino que ser terra de esperanza e non terra de adeus?

Pode haber mellores ou peores políticos, máis ou menos confrontación entre gobernos e opositores, mesmo, como no fútbol, partidos enlamados, pero debería haber en cada un de nós unha baliza para alertar do abxecto, do inadmisíbel. Ese perigo é o que podemos chamar «a política do dano». A esta categoría infame pertence a reacción da dereita, sexa nas categorías supermosca ou peso pesado, fronte ao proceso de regularización. Unha medida pola que veñen loitando, na fura de diante, centos de asociacións e entidades, moitas delas, por certo, próximas á Igrexa católica e co lema: «Isto é puro Evanxeo». Mais do Evanxeo xa non hai rastro nos discursos e nos programas das faccións de dereita. Vai ser que Xesuscristo tamén pertence á nefasta «memoria histórica». Só existe o «nós» ou o «eles». Os «amigos» e os «inimigos». Iso é o peor da «política do dano». A perda da compaixón. Na vez do Evanxeo, a política ao xeito guerreiro de Carl von Clausewitz: «Evita o que é o forte, ataca o que é feble»

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail