Nova manobra da Xunta para eludir centos de alegacións contra Altri

A Coruña.- A Xunta de Galicia está a esixir a miles de particulares que presentaron alegacións ao estudo de impacto ambiental da macrofábrica de Altri en Palas de Rei que proben a súa condición de persoas lexitimamente interesadas no expediente antes de proceder a responderlles. A última manobra foi publicada ese luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), cun anuncio no que a secretaría de Industria e Desenvolvemento Enerxético dá dez días de prazo a 820 particulares para que acrediten ese interese, sen explicarlles como nin que documentación concreta lles require.

As asociacións que lideran a contestación social ao proxecto considérano un feito insólito e cren que a Xunta trata de sortear a súa obrigación de estudar e atender todos os argumentos que alertan da colisión da actividade da planta coa lexislación ambiental. Enténdeno tamén como unha proba do éxito da súa mobilización, que desbordaría a Administración de Alfonso Rueda e poñería en risco a velocidade dos prazos coa que esta pretendía aprobar as licenzas para a fábrica, nunha decisión que xa tería tomada e acordada con Altri con independencia de cal sexa a opinión dos seus técnicos sobre as citadas alegacións.

De feito, no anuncio de onte no DOG fálase de «expediente de aprobación», cando en realidade se trata da exposición pública, para a súa aprobación ou o seu rexeitamento, da solicitude de autorización da súa declaración ambiental integrada e a súa declaración de utilidade pública.

Contaminación e consumo de auga e madeira

Altri prevé construír un complexo para fabricar pasta e fibra de celulosa xunto ao Ulla, que extraerá diariamente 46 millóns de litros de auga do seu cauce, devolveralle 30 millóns de litros depurados pero aínda contaminados; emitirá á atmosfera unha cantidade de CO2 similar á que producirían máis de 21.500 coches, e consumirá anualmente 1,2 millóns de toneladas de árbores. O Ulla desemboca na ría de Arousa, onde as mariscadoras xa alertaron de que os químicos tóxicos que verterá a celulosa afectarán severamente aos bancos de bilvalvos, cuxa produción xa caeu en picado nos últimos anos pola contaminación que xa padece o estuario.

O proxecto, que a Xunta sacou a exposición pública en febreiro do ano pasado, recibiu máis de 23.000 alegacións, que a Administración autonómica aínda non resolveu, pero a moitos de cuxos asinantes lles está a responder case un ano despois con cartas certificadas nas que os insta de maneira xenérica a demostrar a súa lexitimidade como reclamantes.

Manifestación contra a macrocelulosa de Altri o pasado 15 de decembro en Santiago / Foto: PDRA

No anuncio do luns no DOG, que foi asinado o pasado 27 de febreiro polo secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez Iglesias, a Xunta aprema a 820 cidadáns e cidadás aos que cita cos seus nomes e DNI a que acrediten en dez días «a condición de parte interesada» no asunto explicando que non puido notificarlles a reclamación nos seus domicilios. O texto non lles explica que documentos lles pide e só menciona os artigos da lei do procedemento administrativo común que establecen os requisitos xenéricos para que unha persoa ou entidade sexan consideradas interesadas nos mesmos. E que arquivará a súa alegación se non respostan.

«É insólito, a primeira vez que vexo un envío masivo de requirimentos», afirma Manoel Santos, coordinador de Mobilización de Greenpeace en Galicia, quen alerta de que a Xunta está «a traspasar a liña vermella do desprezo aos cidadáns, que teñen dereito a expresar a súa opinión e as súas consideracións sobre un proxecto que atenta directamente contra o medio ambiente e contra o desenvolvemento económico do seu país».

Falacia de Rueda

Santos, quen considera que os requirimentos da Xunta revisten carácter intimidatorio, tamén advirte de que o argumento do propio presidente Rueda sobre que moitas das alegacións son «curta e pega» dos modelos difundidos polas asocacións contratarias á planta de celulosa, parten dunha falacia: «A Xunta leva anos preparando este proxecto, son miles de páxinas, e o noso papel como organizacións é precisamente facilitar á cidadanía a posibilidade de entendelo e posicionarse sobre el».

Un barco cunha pancarta contra Altri, na ría de Arousa / Foto: Plataforma en Defensa da Ría de Arousa

Serxio Núñez, do colectivo Santiso Vivo, creado no municipio coruñés de Santiso e integrado na Plataforma por unha Ulloa Viva, que xunto á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa aglutinan a contestación a Altri, alerta de que as reclamacións da Xunta están infestadas de irregularidades, como notificacións en domicilios diferentes aos indicados polos alegantes; persoas que aparecen no DOG como non notificadas e que si o foron xa, e mesmo responderon á reclamación; ou conviventes nun mesmo domicilio a algúns dos cales llos dá por notificados e a outros non.

«Á marxe da indefensión e inseguridade que iso crea en quen exerce o seu dereito a alegar, o que demostra a Xunta con estes envíos é que está desbordada, que ten un atasco burocático monumental e que hai un éxito evidente da loita civil contra a celulosa», engade.

Luzes-Público dirixiuse á Consellería de Economía e Industria, que dirixe María Jesús Lorenzana, para interesarse por estas cuestións, pero á hora en que se terminou de escribir este artigo non obtivera resposta.

Especies ameazadas en Rede Natura

Nos modelos de alegacións que as organizacións ambientalistas puxeron ao dispor dos cidadáns que queren alegar contra Altri, como o da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), que se pode consultar nesta ligazón, alértase sobre o impacto socioeconómico nas comarcas afectadas e en particular sobre 381 parcelas de labranza que utilizan auga do Ulla; no caudal do río e a calidade das súas augas; sobre as especies ameazadas que habitan nas zonas de Rede Natura 2000 que limitan cos terreos onde Altri costruirá as súas instalacións; sobre a degradación dos seus solos, e sobre a afección ao patrimonio cultural e paisaxístico, entre outras cuestións.

A semana pasada, a Sociedade Galega de Historia Natural alertou de que a Xunta, sen explicación algunha nin aviso previo, modificara a catalogación dos terreos onde Altri prevé levantar a súa fábrica, considerados ata entón «zona de amortiguación» da Rede Natura. É dicir, os espazos lindeiros con esas áreas protexidas onde non rexen todas pero si algunhas das restricións que afectan a estas

Segundo informa Galicia Press, a Xunta restou importancia a esa modificación, pero o certo é que cando presentou a exposición pública aqueles mapas non alertou de cambio algún na citada catalogación.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail