Hao, H-A-O, para nós, os galegofalantes, simplemente son tres letras, dous fonemas, unha sílaba. Algo tan simple e sinxelo, pero que na China, a civilización máis lonxeva e creadora dos grandes inventos que cambiaron a historia da humanidade, transmite moito máis que unha idea. Poderiamos dicir que é unha combinación de elementos visuais e conceptuais que se mesturan para transmitir cultura, historia e tradición.

Entre os rañaceos de Shanghai ou Chongqing, cidades de moda en «Douyin», a app que fóra de aquí se coñece como TikTok, segue viva a semente plantada milleiros de anos atrás. O formigón non foi capaz de sepultar as raíces desta cultura milenaria que cada día que pasa segue sorprendéndome despois de levar case media ducia de anos no país. Non todas as sorpresas son boas, pero as relacionadas coa cultura e a tradición, sen dúbida, son un descubrimento que deixaría abraiado o antropólogo máis estudado e sabio de Occidente.

A sociedade deste inmenso país, nada ás ribeiras dos grandes ríos que transportan a auga dende o teito do mundo ata o grande océano, aquel que nos libros de historia din que foi «descuberto» polos mesmos que silenciaron o noso idioma durante polo menos tres séculos. Ese pobo deixou grandes xoias de bronce ás beiras do río Amarelo e do Yangtsé, as máis fermosas e valoradas da actualidade, con máis de 3.000 anos de antigüidade, e das que podemos desfrutar de forma gratuíta no museo de Shanghai tal e como tiven ocasión de facer o mes pasado. Ben, pois para esta nación esas tres letras, H-A-O, 好, describen a imaxe dunha muller co seu neno, co seu bebé.

Como a meirande parte dos caracteres deste idioma, non sabemos aínda cantos «hanzi» (caracteres chineses) conforman esta rica lingua. A maioría teñen máis dun significado, e cada «hanzi» transmite ou intenta difundir unha idea ou sentimento. Este en concreto fórmase polo lazo de «muller», 女, e de «neno», 子. Con isto pretenden amosar a idea de que unha nai co seu fillo sempre estará ben, e xuntos forman Hao, 好, que hoxe en día se usa para referirse a unha acción positiva, para expresar un valor tradicional que defenda a cultura nacional, un valor familiar ou algo próspero e harmonioso.

Este é só un exemplo de como un idioma reflicte unha cultura e unha identidade que nos leva anos de vantaxe e que nunca estivo subxugada ante ningunha relixión de salvación, senón que se basea nas ensinanzas de Confucio, filósofo que viviu durante a dinastía Zhou entre os séculos VI e V a.c . Quizais esta sexa só unha das claves de por que sempre foron a nación máis desenvolvida e pioneira do mundo, excepto durante os dous últimos séculos. Hoxe en día, sen dúbida, volven estar á cabeza do mundo.

Na actualidade, continúa a usarse o símbolo da muller e o neno, 好, en expresións tales como para indicar que unha comida ou bebida están boas, para sinalar que algo é fermoso, para afirmar e dar o visto bo a algo e en innumerables situacións máis. De aquí a 5.000 anos, veremos como continúa desenvolvéndose o idioma máis falado da humanidade.

Mentres tanto, mellor nos iría se empezásemos a mirar cara a ese océano que non descubrimos ata que asasinamos milleiros de inocentes intentando difundir as ensinanzas dun mesías que só crea pobreza e miseria no mundo dende hai máis de 2.000 anos.

Mentres tanto, mellor nos iría se empezásemos a mirar e escoitar o que vén da China, en lugar de seguir mirando para unha nación rexida por un criminal convicto. Ata o Sol, a estrela máis grande do Universo, sabe que é mellor nacer polo Leste.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail