trumpocracia (f): sistema político que se orixinou na primeira metade do século XXI nos Estados Unidos e no cal dá a impresión de que a soberanía reside no pobo, que pensa que a exerce directamente, cando en realidade a soberanía reside nun probado delicuente que goberna por medio de ordes executivas e crea sandeces, caos e medo nas redes sociais baixo unha aura patriótica na que os vocablos máis simples significan exactamente o contrario.
Que podería pasar se un probado delincuente chegase a Presidente? O primeiro é de parvulario: vingarse de todos aqueles que quixeron metelo no cárcere, botar fóra do seu posto como funcionarios a todes aqueles que tomaron parte na investigación legal do seu caso. Tamén animar e recompensar os acusóns que denuncien os seus compañeiros. Que non quede ninguén, desde policías, taquígrafos, xuíces e uxieres ata o rapaz que fixera o café para os do FBI. Todo cristo á rúa, mentres os estadounidenses de a pé non fan máis que botar as mans á testa, escandalizados pola audacia do criminal. O que está a facer Trump son estratexias elementais que faría calquera delincuente que se prece. A segunda pauta básica é botarlle as mans ao Departamento do Tesouro do país. A polos cartos e a ter baixo control toda a información relativa a cada cidadán, números da Seguridade Social, axudas económicas, etc. Por outra banda, para aforrar e así ter máis para roubar, pararía de inmediato calquera axuda económica a calquera parte do mundo. Non importa que os cartos fosen destinados a deter a sida, a educación, a agricultura ou a programas de desenvolvemento. O que non sexa desta terra non recibe un céntimo.
O problema da candidez dos demócratas estadounidenses é que aínda pensan que Trump é un político. Teñen tanto medo a chamar as cousas polo seu nome que cando o patán de Musk fixo o saudo fascista, The New York Times publicou todo tipo de galimatías intentando quitarlle importancia ao asunto. «Non o interpreten mal. Non era un saúdo nazi, era un saúdo que tamén se facía nas escolas dos Estados Unidos a principios do século XX. Non teñan medo, xudeus de Nova York, non se trata de fascismo…» O mesmo fixeran co golpe de estado dos trumpistas. Chamárono de todo, pero nunca un coup d’etat. A diferenza entre os trumpistas e a inxenuidade da elite demócrata, que vive negando a realidade, é que os primeiros non teñen problema cos eufemismos.
Cando hai unha semana Trump non consolou a nación, senón que culpou do accidente aéreo aos programas DEI (Diversidade, Equidade, Inclusión), tamén dixo que o Departamento de aviación contratara ananos e persoas con capacidades mentais diminuídas. O tipo non ten problema en dicir calquera barbaridade para conseguir o que quere. E o que quere o trumpismo é unha América branca, onde non haxa espazo para xente morena, negra, etc, onde non quede un curruncho para xente que teña que usar cadeira de rodas, que sexa transxénero ou que ame persoas do seu mesmo sexo. O trumpismo é o Ku Klux Klan deste século. Defende as ideas fundamentais do Klan e conta co apoio dos homes brancos máis ricos do planeta.
Un dos problemas máis graves dos Estados Unidos é que din que son a democracia máis vella do mundo, ao tempo que usan as chamadas Executive Orders para gobernar. Iso equivale, fundamentalmente, a un cetro real. Con estas ordes que, en teoría, deberían ser usadas só en épocas de urxencia, o que decide o Presidente convértese en lei de facto. E o que aínda é mellor para esta Trumpocracia é que non hai límite de Executive Orders. Se ao tirano lle peta, pode gobernar a base de asinalas. Tantas como lle dea a gana.
Mentres na Arxentina ou na Alemaña a xente sae ás rúas a protestar contra o fascismo, nos Estados Unidos os cidadáns séntense perdidos coa idea de que o Presidente poida ser fascista. En Europa xa estamos de volta de todo, pero os Americans de andar por casa sofren dunha candidez loable (a maioría das veces). Cren firmemente na idea de que o Presidente do país (non importa de que partido sexa) é un patriota, que non roubaría, respectaría a Constitución, non traicionaría e non faría dano á cidadanía. É por isto que unha Trumpocracia, na que os dereitos civís e outros tópicos sacros importan un pemento, rompe os esquemas desta xente. E non é para menos: imaxina que pasaría se un demostrado delincuente fose votado Presidente…