Cando o GPS vai a «Sangenjo»: unha campaña esixe a Google e a Apple que os seus mapas usen a toponimia oficial en galego

A Coruña.- Sanxenxo non é Sangenjo pola mesma razón pola que El Escorial non é O Refugallal. Pero se un viaxa desde a capital española ata a estival localidade pontevedresa, é probable que os servizos de xeolocalización do seu teléfono móbil identifiquen a patada lingüística do seu lugar de chegada e non a que se refire ao seu punto de orixe. Non é un problema menor, aínda que o pareza. A eficacia de Amazon ás veces non depende dos xenios da loxística, senón só da linguaxe que fale o GPS do repartidor.

A Mesa pola Normalización Lingüística puxo en marcha unha campaña de recollida de firmas para pedir a Google Maps e a Apple Maps que respecten a toponimia oficial nas súas ferramentas cartográficas en liña. Ao peche deste artigo recolleran preto de 2.000 apoios. Vostede pode consultar aquí os argumentos que enarboran, e mesmo, se lle convencen, apoiar a iniciativa.

«Cremos que Google e Apple basean os seus criterios de procura nos seus mapas na toponimia que aparece na Wikipedia, onde calquera pode editar unha entrada e anotar un topónimo falso», explica Marcos Maceira, presidente da Comisión Permanente da Mesa. «Iso corrómpeo todo», engade.

O galego é unha lingua milenaria sobre a que se construíu durante séculos a cultura e a identidade nacional de todo un país. Probablemente non hai moitos máis idiomas no mundo tan ricos na súa nomenclatura, na descrición e catalogación popular da historia, a vida e a natureza das especies animais, piscícolas e vexetais, nin tan valiosas na narrativa semántica da relación entre lugares xeográficos, acontecementos, milagres e lendas; sentimentos, emocións e circunstancias filosóficas, morais e persoais.

«Sangenjo» non é o mesmo que Sanxenxo pola mesma razón que morriña non é igual a melancolía. Unha vulgar flor do toxo xamais podería engadir tenrura a unha carta de amor como si o faría unha chorima, no sentido en que José Saramago ofrecía a esa romántica posibilidade. Saudade non é, nin de lonxe, unha remota rexión de Portugal, e non se pode entender que a choiva sexa arte se non se sabe exactamente en que consiste o orballo.

Desde 1984, segundo a lexislación española, os nomes oficiais das vilas e pobos de Galicia, moitos dos cales proveñen desas identificacións, noméanse e débense de nomear oficialmente en galego. E non só por unha razón histórica, senón porque o ridículo axexa a quen desafían caso máis á razón que á lei.

«Desván de los monjes»  por Sobrado dos monxes

Hai non demasiados anos un conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia referiuse nun Fitur á localidade coruñesa Sobrado dos Monxes como «Desván de los Monjes». No seu día, Niñodaguia e Acea da Má, por exemplo, transcribíronse como Niño do Aguia e Acera de la madre, coma se non pasase nada, cando resulta unha ousadía similar á de nomear a Los Ángeles (California, USA) como «The Querubins» ou a falar de New Xersei como «O novo pullover». Si, así de ridículo.

Rían, pero non ten graza cando un se empadroa en Xunqueira de Espadañedo (Ourense), en Teixeiro (A Coruña) ou na Estrada (Pontevedra) e Seur e Correos non o atopan porque o localizador na Internet só atende á versión española e só sabe situar «Junquera», «Tejero» e «La Estrada».

«Hai moitos concellos que se queixaron porque o seu nome oficial e habitual no uso idiomático desde hai séculos aparece nos maps desfigurado na súa versión castelá», sostén Maceira. «E non é só un problema administrativo, é que supón impoñer desde fóra unha nomenclatura que elimina dunha plumada a cultura dun territorio», engade.

Segundo o portavoz da Mesa pola Normalización Lingüística, Google Maps e Apple Maps ofrecen a toponimia galega nun nivel moito máis aceptable cando se empregan as súas ferramentas en liña baixo as preferencias en inglés que cando o usuario as selecciona en español.

A Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia lembra que a lei de normalización establece que «a única forma oficial dos topónimos en Galicia é a galega, un principio que as administracións públicas respectan». Pero engade que Google «é unha empresa privada que establece os seus propios criterios lingüísticos». «A Xunta púxose en contacto varias veces con esa multinacional para abordar ese asunto, e a resposta da empresa é que xa dispón da versión de toda a toponimia en galego non só de Galicia, senón de todo o mundo».

Luzes-Público consultou a Google, e tamén a Apple, sobre todas estas cuestións, e preguntoulles se prevén atender a petición da Mesa. Apple non respondeu, pero Google si: «Utilizamos varias fontes para actualizar o mapa, incluídos datos de terceiros, información das autoridades locais, contribucións da comunidade de Google Maps, Street View e imaxes satelitais». «Brindamos aos gobernos locais a posibilidade de enviar os seus datos a Google Maps a través da nosa ferramenta de carga de datos xeográficos, e para obter máis información sobre como mapeamos o mundo, [podes] consultar Google Maps 101: como mapeamos o mundo».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail