A Xunta impide que o Consello Galego de Medio Ambiente vote unha moratoria de novos parques eólicos

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, presidenta do organismo, abandonou e deu por concluída a reunión celebrada a semana pasada antes de que se debatese unha moción presentada por Adega, a FEG, o SLG e a Sociedade Galega de Historia Natural para suspender a autorización de máis proxectos

A Coruña.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, abandonou e deu por terminada a última reunión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvementos Sostible (Cogamads) para evitar que se debatese e votase unha proposta de varias organizacións ambientalistas e agrarias que reclaman ao Goberno de Feijóo unha moratoria na tramitación de novas licenzas de parques eólicos.

Así o confirmaron a LuzesPúblico varios membros do Consello, que estudan impugnar a reunión dado que Vázquez, presidenta do organismo, impediu que se debatesen ademais outros puntos da orde do día. Luzes-Público tentou sen éxito obter a versión da conselleira de Medio Ambiente, que non contestou á petición deste diario para valorar o sucedido.

O Executivo galego tramita na actualidade 250 autorizacións de novos megaparques eólicos, que cuadriplicarían a potencia instalada actual, desde os 3.900 megawatts a máis de 11.000. A avalancha débese a que a propia Xunta anunciou cun ano de antelación que non admitiría máis proxectos ata o 2023, o que a industria entendeu como unha chamada institucional a presentalos canto antes. Moitos deses parques levantaranse en zonas protexidas, con aeroxeradores que alcanzan os 150 metros de altura, algúns situados nas proximidades de vivendas e núcleos habitados.

A acumulación de peticións de licenzas para a instalación de muíños xigantes, dunha envergadura e potencia que multiplica a súa rendibilidade á conta do ecosistema, a paisaxe e a agricultura e gandería local, ademais da saúde da poboación, provocou unha enorme contestación social e política. Tamén xudicial, xa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou recentemente varias autorizacións do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, que, con todo, segue adiante cos seus plans.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez,no Parlamento de Galicia / Foto: Xoán Crespo-Xunta

A Xunta levaba máis de medio ano sen convocar ao Cogamads ata a reunión do pasado día 27, en cuxo orde do día figuraba o debate sobre a avaliación ambiental do plan eólico de Galicia, que data do ano 1997 e sobre o que se amparan as novas licenzas. O Sindicato Labrego Galego (SLG), a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedade Galega de Historia Natural propuxeron que se votase unha proposta para suspender a autorización de novos proxectos ata que se actualice a lexislación, pero nese momento a conselleira despediu a reunión e impediu que a moción se votase.

«Foi esperpéntico. Xa coñeciamos o valor e a consideración que outorga a Xunta aos órganos consultivos, e máis aos ambientais. Pero nesta ocasión foi unha falta de respecto a todos os participantes», asegura Fins Eirexas, secretario executivo de Adega. Na súa opinión, a conselleira «non quixo retratarse votando en contra dunha moratoria» que moitos galegos entenden como máis que razoable.

Eirexas explica que, tal e como lle transmitiron á conselleira, o plan eólico de Galicia cumpre este ano un cuarto de século,  foi deseñado cando os muíños non superaban os quince metros de altura e baixo unhas circunstancias moi distintas ás do bum da enerxía eólica. E que, aínda que foi revisado no 2001, non conta cunha avaliación ambiental estratéxica, que debería redactarse e aprobarse antes de que se autoricen novos parques.

Ereixas lembra que o TSXG revogou en menos de tres meses tres licencias da Xunta. En xaneiro deste ano invalidou a autorización para a repotenciación do parque do Roncudo, en Corme (A Coruña), porque o Executivo de Feijóo reduciu á metade os prazos legais de exposición pública e alegacións do informe de impacto ambiental.

Aeroxeradores nas Pontes de García Rodríguez / Foto: J.O.

En decembro do 2021, anulou a do parque de Oiribio, entre Os Ancares e O Courel, en Lugo, porque o estudo de impacto, que fora redactado catorce anos antes da súa presentación e no que a Xunta fundamentou a súa visto e prace, estaba «obsoleto», segundo os xuíces. E en novembro dese ano, a do parque de Sasdónigas, en Mondoñedo, porque o Goberno de Feijóo aceptou que a empresa promotora, Norvento, fixese «unha división artificial» do parque en dúas fases para presentar informes de impacto por separado que minusvaloraban os danos ambientais dos muíños no seu conxunto.

«A conselleira asegura que a Xunta respecta escrupulosamente a lei, pero iso non é verdade, só hai que ler esas sentenzas», afirma Fins Ereixas.

O representante do Sindicato Labrego Galego no Consello Galego de Medio Ambiente, Diego Sánchez Agra, confirmou a espantada da conselleira despois de que el mesmo fixese a petición para que se votase a moción da moratoria de novas autorizacións e antes de que se debatese o último punto da orde do día.

Sánchez Agra sinalou que resulta fundamental que, antes de que se autoricen novos parques, se estuden as necesidades de xeración eléctrica de Galicia, que xa figura entre as primeiras produtoras do Estado a pesar de que os galegos están entre os que pagan a electricidade máis cara. «Ata o momento funcionamos como unha colonia produtora para España e para Europa», afirmou.

Concentración contra o parque eólico do Xurés / Foto: Stop Eólicos

O portavoz do SLG lembrou que a proliferación de parques eólicos está a reducir a superficie agraria útil «destinada á produción de alimentos» en Galicia, e tamén a masa boscosa capaz de neutralizar as emisións de CO2 e combater o quecemento do planeta e o cambio climático. Sen contar coa afectación sobre os ecosistemas, sobre a paisaxe e sobre a saúde das persoas -unha recente sentenza dun tribunal francés confirmou os danos físicos e psíquicos que provocan as vibracións e os ultrasóns dos megaxeradores sobre quen habita nas súas proximidades-.

Tamén, sobre o patrimonio histórico e arqueolóxico. Segundo o informe Enerxía eólica e paisaxes culturais de Galicia aprobado en decembro pasado polo Consello da Cultura Galega, o plan eólico de 1997 está «obsoleto» e a instalación masiva e descontrolada de novos parques pode causar «danos graves e irreparables» sobre o patrimonio da comunidade.

O mes pasado, o TSXG condenou de novo á Xunta por subcontratar os estudos de impacto dos parques sobre esa riqueza histórica e cultural a pesar de contar con persoal suficiente para asumilos sen necesidade de empresas externas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail