O diaño viste de Chanel

«O diaño viste de Chanel». Así a describen algunhas das súas 23.000 esgotadas traballadoras que a equiparan coa mala Miranda Priestly, a protagonista de The Devils Wears Prada (2003) o retrato cáustico da famosa editora da revista Vogue, Anna Wintour, escrito por Laura Weisberger. Claro que no seu despacho en García Barbón 60, na principal arteria de Vigo, non hai sinais cosmopolitas, ao sumo decenas de insulsos cadros coas certificacións de Bureau Veritas ou Aenor. Alí aniña o diaño vestido coas blazier de Chanel e os panos de Hermès, a raíña española das residencias, Josefa Isabel Fernández Miguélez (1964), coñecida por Chefi polo seu amplo abano de cortesáns e por Josefina Fernández polo público máis mundano; unha das mulleres con maiores influencias e poder na economía relacionada coa asistencia sociosanitaria ás persoas maiores e dependentes, conselleira delegada de DomusVi en España, o emporio franco-británico que domina os negocios dos servizos xeriátricos na península. Chefi, antes da pandemia, estaba chamada a ser unha das grandes referencias mundiais das residencias para anciáns, un negocio próspero cun futuro aínda máis espléndido.

Do inhóspito e desolador páramo leonés, do minúsculo San Pedro Bercianos, saíu unha rapazola de ollos claros, verdes azulados, e ambición desmedida, filla de labregos (José Luis e Etelvina) especializados no cultivo da remolacha. Católica das que rezan «nosopai» diante dos pasos de peóns, amotinouse en Xixón contra o espectro adolescente que pintaba o seu futuro vestida de monxa. Di que aos 18 anos tivo unha visión existencialmente capitalista, «quería cambiar o mundo» (sic), pasando nun pis pas de noviza a adicta ao traballo.

Os que coñeceron os primeiros pasos en Galicia da afanosa e espelida filla de campesiños leoneses, sosteñen con fe que aí naceu tamén o fantástico, pero fráxil, castelo de naipes que hoxe ameaza co derrube máis estrepitoso. «Ollos verdes son traidores / azuis son mentireiros», dicía aquela cantiga popular galega que chegou ao numero 1 dos 40 Principales. «O castelo de naipes susténtase na mentira», din os biógrafos amateurs de Josefina, destripadores do relato oficial; de feito, chamáballes a atención que, lembrando os tempos de noviza, se referira aos «mitins» en vez das «matíns», os oficios relixiosos de madrugada; do mesmo xeito que bramaron en novembro de hai cinco anos cando o Círculo de Empresarios propagou un currículo engordado de Josefina como licenciada en Xestión e Administración de Empresas. «Retámola a que presente o título de bacharelato», din os que aturraban en 2015.

Máis que as trolas foron os desfalcos os que remataron coa primeira traxectoria de Josefina na recadación nos concellos. Paco Vázquez introduciuna en Galicia, cando lle pediu axuda ao alcalde de Xixón.

Máis que as trolas, dicían seus estreitos colaboradores a finais do XX, foron os desfalcos os que remataron coa primeira traxectoria de Josefina como adicta ao traballo, na recadación nos concellos. Paco Vázquez introduciuna en Galicia cando nunha conversa lle pediu axuda ao alcalde de Xixón. Pero sería nos concellos de Pontedeume, O Porriño, Lalín e Tomiño, como autónoma ou á fronte da súa primeira empresa, Recaudación y Gestión Tributaria, S.L. (1993), onde Chefi faría a pasantía coa administración e a clase política que no século XXI lle daría unha proxección extraordinaria nos servizos xeriátricos. Gran parte dos concellos referidos apartaron a Josefina da recadación en vista dos buratos detectados, obrigándoa a liquidar a súa zafada experiencia coas facendas locais.

Da man das institucións «amigas», dos concertos coa administración e dos cartos públicos, das entidades financeiras e dos fondos de inversión, Josefina deu unha clase maxistral de como erguer un emporio abusando das persoas maiores indefensas e desprotexidas polo sistema e violando os dereitos laborais das traballadoras

Tras un impase na xestión dos comedores universitarios en Vigo, Josefina deu o primeiro paso nas residencias para maiores en Laraxe (Cabanas), no 98, en paralelo co desenvolvemento da marca Geriatros (Caixavigo) que a acompañaría dúas décadas vertixinosas. Da man das institucións «amigas», dos concertos coa administración e dos cartos públicos (neste caso coa rede salvavidas da Xunta de Manuel Fraga e de Corina Porro primeiro, e de Núñez Feijóo e Beatriz Mato despois), da man tamén das entidades financeiras e dos fondos de inversión (Caixanova, Magnum Capital, PAI Partners, Palamon, ICG, e Sagesse Retraite Santé) e baixo a insignia franco-británica DomusVi, Josefina deu toda unha clase maxistral de como erguer un emporio no Estado español coa nada disimulada intención da conquista de Portugal e América Latina, tirando do manual propio dos auténticos mercaderes da usura, abusando das persoas maiores indefensas e desprotexidas polo sistema, vulnerando os dereitos humanos dos anciáns, violando os dereitos laborais das traballadoras.

Non foi a pandemia a que acabou co gran soño de cambiar o mundo de Chefi, non, foron a cobiza e o narcisismo en tempos da Covid que converteron nun gran depósito de cadáveres uns edificios aparentes, revestidos de ouropel, onde centos de maiores e dependentes atoparon a morte crúa.
Hai oito meses que a raíña española das residencias non se presta ao escrutinio público, dende que entrou o coronavirus nas súas residencias. Pena deses ollos claros, traidores e mentireiros.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail