Cambio de perspectiva

A realidade trans, é unha realidade. E non a debemos deixar fóra dos planos normativos e lexislativos. Non se pode frivolizar cos dereitos de ningún ser humano. Se actualmente avanzamos en dereitos e concesións que nos animan a que a nosa sociedade sexa cada vez máis xusta para cantas máis persoas, non podemos dar marchas atrás. Si que direi que me alegro dos cambios de perspectivas que está a haber en xeral co tema trans neste país, a pesar de que moitas veces teñamos noticias indesexables por culpa —duns poucos—que os e as vexan polo feito de existir. Fomos o primeiro Estado en ter unha raíña representante da nosa beleza trans.

Ángela Ponce foi a representante española no certame Miss Universo, a primeira raíña de beleza transxénero en participar no recoñecido evento.

Ademais, recentemente, dúas grandes editoriais do mundo da moda do noso país e os Premios Ondas animáronse a dar visibilidade que este colectivo necesita. Necesita, porque existe. Necesita, porque no noso país suman un 85% de paro porque non se mira para eles. Necesita, porque son quen ocupan a clasificación a nivel de abusos de bullying e de agresións máis alto. Homes e mulleres que se enfrontaron a todo o establecido. Que nos ensinaron que hai máis formas de ser, de vivir e de transformarse. Son persoas que, á fin e ao cabo, achégannos máis aprendizaxes que moitas outras.

Capa de Vogue na que Valentina Sampaio foi a protagonista.

Ninguén máis pode dicir o que é ter unha situación na que te sentes fóra de ti, ninguén poderá dicir canto custa chegar a ser o que queres ser tanto como estas persoas. Porque a súa esencia radica en que lexislacións, pensamentos sociais e disciplinas médicas permitan poder facer realidade o seu desexo de seren como son. Ningún título, ningunha aprendizaxe que se lles vaia dar ou ningún parente, amigo ou coñecido, vai poder axudar. Só eles e elas mesmas poden conseguilo. Porque fai falta estudarse, analizarse, coñecerse e amarse… moito antes de chegar á conclusión de calquera momento de transición (todos o sabemos).

As actrices de Veneno, Premio Ondas 2020 á Mellor Intérprete Feminina en Ficción.

Isto non é un cambio de casa, non é un capricho, non é unha operación por un complexo. É a única forma de poderen ser —xa recollido pola RAE—. Entón, pouco sentido ten que o tentemos comparar. Non podemos entender como é esa vivencia, porque é única. Ninguén é quen para xulgala. Así que cambiemos a perspectiva e deixemos as persoas querer ser como son e, por favor, deixemos de comparar unha operación de conversión sexual cunha operación de nariz, deixemos de comparar un proceso de hormonación coas pílulas anticonceptivas e deixemos ás persoas trans poder selo —e existir—e ser, de pleno dereito, cidadáns (co mesmo acceso laboral) dun mundo que tamén lles pertence por dereito.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail