O director dá CRTVG acusado de acoso laboral culpa aos seus directivos diante da xuíza que os investiga

A Coruña.- O director da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, imputado por un delito de acoso laboral contra unha traballadora que denunciou abusos e fustrigación dos seus superiores durante máis de cinco anos, negou diante a xuíz que o investiga ter sequera coñecemento en profundidade do sucedido. O máximo reponsable da Corporación deriva toda a responsabilidade do caso cara aos membros da súa cúpula directiva, oito dos cales están imputados na mesma causa.

Así se desprende da declaración de Sánchez Izquierdo que figura na investigación que leva a cabo a maxistrada Ana López-Suevos, á fronte do xulgado de Instrución Número 1 de Santiago, e á que tivo acceso Luzes-Público. A comparecencia do máximo responsable dos medios públicos de Galicia produciuse o pasado 22 de febreiro, pero non transcendera ata o de agora. O resto de acusados tamén declararon diante da xuíza e o fiscal. Se a maxistrada decide abrir xuízo oral e son considerados culpables, enfróntanse a penas de entre seis meses e dous anos de cárcere.

Na súa declaración, o director xeral nega ter noticia do informe dos servizos médicos da empresa, que alertou dos danos emocionais que padecía a traballadora, que aínda hoxe segue de baixa; e asegurou que nin sequera leu as conclusións das dúas comisións internas que se abriron por mor das súas denuncias e das do comité de empresa. Ela chegou a dirixirlle ata 16 escritos e correos electrónicos explicándolle as humillacións e presións ás que ao seu xuízo se vía sometida, pero a versión de Sánchez Izquierdo é que el só tiña unha lixeira información «sobre algún tipo de dificultades de relación con algún dos seus compañeiros e con algún dos seus xefes».

Decisión sexista

Os feitos remóntanse a 2018, cando a xornalista, que ten antigüidade na CRTVG desde 1987 e que traballaba no departamento comercial, foi trasladada á redacción de informativos da Radio Galega contra a súa vontade e con cambios de funcións e horarios que lle impedían concilialos coa súa vida familiar. A empresa alegou que se trataba dunha «reorganización de ambos os departamentos» que en realidade só lle afectou a ela, porque necesitaban «unha voz feminina» para os informativos. A traballadora denunciou a decisión por sexista diante dos xulgados do Social, que rexeitaron a súa pretensión. Desde entón, asegura sufrir unha campaña sistemática de abusos e decisións arbitrarias na súa contra, nun clima de agresividade verbal, desplantes continuados, ninguneos e discriminacións.

Sánchez Izquierdo asegurou diante a xuíza que non se decatou deles –«Aí non baixo, teño bastantes cousas nesa casa, que non é precisamente sinxela, como para baixar a ese tipo de extremos», chegou a dicir–. Afirmou que non prestou atención aos escritos que a xornalista lle dirixiu alertando da situación de acoso á que estaba a ser sometida, e que se limitou a derivalos á dirección de recursos humanos. «Se que sabía quen era [a afectada], outra cousa é que estivese preocupado de como se tramitaban as súas queixas», explicou á xuíza.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda , e o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

Entre outras cousas, as pezas que lle ordenaban preparar os seus superiores non se emitían, denegáronselle sistematicamente as súas peticións de libranza, vacacións e cambios de horarios para poder conciliar, mesmo cando solicitou un día libre para acompañar ao seu pai, de 94 anos, no seu ingreso nunha residencia para dependentes. Foi a única xornalista muller da empresa á que non se lle permitiu seguir a folga feminista do 8M do 2019, e a única da redacción de informativos da Radio Galega á que non se convocou para a cobertura das eleccións europeas dese ano, para a que si se chamou ao resto dos seus compañeiros, incluídos o persoal temporal e en prácticas, os bolseiros e todos os locutores do persoal.

Excluída da repartición de traballo en festivos

Por contra, foi a única redactora á que se obrigou a ir traballar o 1 de xaneiro dese ano. Foi o único día non laborable no que tivo que acudir, porque a excluíron da repartición das quendas de traballo en festivos, privándoa así dos suplementos e acumulación de libranzas que os acompañan e que si disfrutan o resto de persoal do departamento de informativos. Ese mesmo ano, a traballadora recibiu un importante premio pola súa traxectoria profesional do que a CRTVG non se fixo eco, cando dous anos antes dera ampla cobertura ao áccesit do mesmo galardón outorgado a outro compañeiro, que mesmo foi entrevistado no programa de máxima audiencia da cadea.

En marzo dese ano, a traballadora sufriu un episodio grave de ansiedade que derivou nunha prolongada baixa laboral, durante a que dous psiquiatras, un privado e outro do Servizo Galego de Saúde, determinaron que os síntomas que padecía eran compatibles coa situación de acoso que ela describía. Cando se reincorporou, cambiáranlle de novo os horarios e situárona nun posto afastado dos compañeiros cos que mellor levaba, situado xusto fronte ao despacho do xefe de informativos da emisora, a quen consideraba un dos responsables da súa situación. Solicitou o cambio, pero denegáronllo, a pesar de que outro informe dos propios servizos médicos da CRTVG así o recomendaba expresamente.

O pasado 22 de febreiro, segundo consta na acta da declaración do director xeral, a propia xuíza interrogou a Sánchez Izquierdo por ese «informe indiciario dunha situación polo menos de fustrigación psicolóxica», sobre se tivo noticia del e se tomou algunha medida. «Non teño coñecemento, pero podería ser sabendo como funcionamos e demais», respondeu, derivando calquera responsabilidade á dirección de prevención de riscos laborais. «O que si podo garantir é que eu nunca detectei actitudes de rexeitamento por parte dalgún directivo contra [a traballadora], todo o contrario», limitouse a dicir.

«Contorna de malestar»

Sobre as denuncias de malos tratos verbais, Sánchez Izquierdo admitiu que podían responder a «unha contorna de malestar moi acentuado» polo elevado número de causas xudiciais por vulneración de dereitos dos traballadores que enfronta a CRTVG –son centenares de casos durante os mandatos de Sánchez Izquierdo, que só nos dous últimos anos e medio perdeu 40 delas diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia–. »Non é estraño que na Radio Galega puidese haber voces elevadas, unha discusión… Tampouco nada especialmente alarmante que non haxa noutras empresas», sostivo.

Imaxe de arquivo dunha manifestación en defensa da independencia da CRTVG

O caso da xornalista motivou que se abrisen dúas comisións de investigación por acoso, unha en 2019 e outra en 2021, nas que participan dous representantes da empresa e dúas da parte social. O director xeral dixo que prestara atención ás súas resolucións e que lle pareceu que «non había especiais problemas», pero non soubo explicar por que no informe da comisión de 2021 se concluíu que non existía acoso ocultando que as deliberacións acabaron en empate porque dous dos seus membros consideraron que si o había. Tamén dixo descoñecer por que a súa versión fora obviada do informe final que redactou a empresa, e que só deu por válidos os argumentos da dirección.

A xuíza do caso acordou prorrogar a instrución ata o próximo mes de maio, e ordenou unha nova declaración da vítima, que compareceu no xulgado do 28 de setembro. Para evitar unha «victimización secundaria», a xuíza ordenou que declarase por videoconferencia e acompañada dunha psicóloga da Oficina de Atención á Vítima, e pediu ao Instituto de Medicina Legal de Galicia que dispoña un equipo psicosocial que avalía os danos psíquicos que padece e valore se son compatibles cos feitos que denuncia.

A CRTVG non responde

Luzes-Público pediu á CRTVG unha valoración sobre a declaración de Sánchez Izquierdo no xulgado, pero a empresa rexeitou ofrecela alegando que, como empresa, non foi «denunciada, demandada nin querellada». Tampouco quixo informar a este diario do orzamento que destina á defensa xurídica das causas contra as súas traballadoras, en moitos casos encargadas a avogados externos, nin ás indemnizacións e costas xudiciais que enfronta cando as perde.

Durante os mandatos de Sánchez Izquierdo, nomeado por Alberto Núñez Feijóo en 2009 e mantido por Alfonso Rueda no seu cargo, a Corporación perdeu centenares de demandas por contratación fraudulenta, vulneración de dereitos laborais e tamén por persecución ideolóxica e violación de dereitos fundamentais. O comité de empresa, a oposición e os sindicatos denunciaron tamén a emisión de contidos sexistas e multitude de casos de manipulación informativa en favor do Partido Popular. A CRTVG négao, pero moitos deles custáronlle apercibimentos da Xunta Electoral.

Durante a folga indefinida intermitente que mantén o persoal desde o pasado outubro, dous traballadores foron expedientados por secundala. A instrutora deses casos é unha avogada externa que foi nomeada xefa de administración e facturación da empresa, un departamento alleo ao de recursos humanos e á asesoría xurídica, cando aínda estaba acudida no xulgado por outra causa contra a mesma traballadora que denunciou por acoso a Sánchez Izquierdo e a súa dirección.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail