Coidar no ocre da luz

24 pensamentos decote sobre o entrelazamento ciencia-literatura-sociopolítica-arte, a xeito de calendario de Advento de 2025. Homenaxeando tanto as 24 sekki ou microestacións do Calendario nipón (con 72 kō en total, procedentes de antigos tratados de astronomía chinesa), como os Mintireiros Verdadeiros e outros calendarios agrícolas da Galiza, coa súa curiosidade polos cambios sutís nas estacións. Porén, máis que Xeórxicas virxilianas, Uránicas da Urania, os ceos e as súas correlacións terrestres, pois somos un pouco fillas rosalianas do asombro.

Hexágono do inverno

3 DECEMBRO OU NADAL

  • Lúa: preto do plenilunio, unha Lúa en fase Xibosa Crecente alumea a noite cun 96% de visibilidade.
  • O Sol: e como non nos vai custar erguernos, se o Lourenzo na Galiza até as 08:43 h. non asoma. Tras unha fugaz hora dourada entre as 17.14 e as 17:58 o crepúsculo civil durará desde as 17:58 até as 18:30 h. O crepúsculo astronómico durará desde as 19:06 até as 19:40, é dicir, cando o centro da esfera solar se atopa entre 12º e 18º por debaixo do horizonte. A partir de aí, a bocanoite.
  • O Ceo Profundo: Con tan relocente luar, os obxectos máis febles do espazo profundo quedarán agochados. Porén, é un bo momento para observar os planetas máis brillantes (como Xúpiter, rei da noite neste mes; anda por Xémeos) ou as estrelas principais do «Hexágono de Inverno», que comezan a asomar polo leste, desafiando o resplandor lunar (este asterismo como una enorme xema co rubí de Betelxeuse no medio o conforman Sirio, Proción, Pollux, Capella, Aldebarán e Rixel de Can Maior, Can Menor, Xéminis, Auriga, Tauro e Orión, respectivamente)
  • kō xaponés: As follas da árbore Tachibana comezan a amarelear (Tachibana hajimete kibamu )橘始黄    たちばなはじめてきばむ
  • Día Internacional das Persoas con Discapacidade
  • Hoxe celebramos a San Francisco Xabier, patrón dos viaxeiros, unha metáfora axeitada para a longa viaxe da vida. E tamen a outros santos de nomes fantasía que pouco se escoitan nos parques, como Santa Maxina, San Sofonías, San Galgano ou San Casiano. Parabéns a todos eles, se é que hai algún entre nós.
  • O refraneiro teno claro: No mes de Nadal a carón da lareira vaite sentar. E as que non temos lareira?

COIDAR NO OCRE DA LUZ

para as e os que, coidando, non deixan de pensar

A segunda cousa máis difícil que fixen na vida foi coidar de mamá cando outros comezaban a chamarme mamá.

Todos vimos a esta estranha forma de vida sendo fillos de alguén. Sendo dalgunha maneira, con maior ou menor acerto, coidados. Ao fin e ao cabo, experimentamos ser coidados. Tanto, que o asumimos como algo incuestionábel, nin nos decatamos. Porén, non todos aceptamos a responsabilidade de coidar.

Tampouco estamos sempre preparadas para a transparente fraxilidade de quen foi o noso piar na vida. Para quen se vestía de baluarte, pensaba como fortaleza, se as enxeñaba bastión e ría caudal. Que mal levamos a vulnerabilidade de quen criamos indestrutíbel. E que soas quedamos.

Mamá. Fotografías persoais

Mentres a Historia durmía a sesta as covas dos montes Zagros, no Kurdistán, alguén coidou dun ancián con múltiples fracturas óseas. Eran «aqueloutros nós» que tanto me obsesionaban literariamente e dos que cada vez imos sabendo máis: eran neandertais (Homo neanderthalensis ) e iso acontecía hai máis de 60.000 anos.

Non deixaron sonetos nin catedrais, pero si pedra lascada e unhas cantas secuencias de ADN que agora viaxan pola AP9 A Coruña-Vigo dentro dun político con medo á soidade.

Tamén deixaron mesturas de betume e ocre, por exemplo. O betume líquido é pegañento, pero inmanexable; engadíndolle un 55% de ocre vólvese moldeable. Isto implica unha capacidade cognitiva complexa: non só usaban o que atopaban, senón que transformaban a materia con receitas químicas precisas. E máis aínda: eran capaces de reparar armas. E tamén curar feridas. Curaban. Coidaban.

O primeiro acto verdadeiramente humano non foi construír unha pirámide nin escribir unha lei, foi coidar de alguén que non servía para nada agás para ser ela mesma. Os neandertais non tiñan hospitais, pero tiñan paciencia. Amor?

Na Cova Negra (Valencia) os restos de Tina, unha meniña neandertal de 6 anos con síndrome de Down, demostra que a coidaron. Tamén os restos de Shanidar 1 (na cova Shanidar, nos montes Zagros, Iraq) e Shanidar Z, un ancián e unha anciá, amosan un respecto pola dependencia. Shanidar I é o individuo neandertal con moitos ósos rotos que contou cunha «xunta» do clan que aceptou a responsabilidade de coidar del.

«Coidar» significa «pensar», en galego, pois procede do latín cogitare. Coidamos porque pensamos? Ou pensamos porque coidamos?

O solo granítico galaico, dunha acidez ideal para agrelar nabizas, aliméntase con gusto do calcio do ósos. Por iso apenas hai restos de ósos neandertais na nosa terra, pero si moitas feramentas e vestixios das súas armas e metabolismos polas nosas latitudes, como na Cova Eirós (Triscastela, Lugo). Os nosos devanceiros, o calcio dos seus ósos e o ferro do seu sangue, volven a nós en forma de grelos, esa flor que comemos antes de que sexa flor.

Coidar doutro ser humano é a rebelión definitiva contra a entropía. O universo tende á desorde, ao frío, á separación. E nós, cos nosos caldiños de ósos, as mantas arcoíris que calcetamos e os torpes abrazos, estamos creando, mesmo por un intre, un pequeno reduto de orde e calor.

Shanidar Z, rostro reconstruído grazas a Lucía López-Polín e os irmáns Adrie e Alfons Kennis.

***

 

O Outono amarelecido como as follas do mandarino bravo Tachibana seica é unha boa estación para lembrar que na Galiza vivimos un Inverno Demográfico. Os datos máis recentes do IGE e o INE debuxan un escenario ocre e prateado: o índice de envellecemento sitúase por riba do 224%, é dicir, por cada 100 menores de 16 anos hai máis de 224 persoas maiores de 64. Son as montañesas, as belísimas Ourense e Lugo, as provincias máis avellentadas, e non só de Galiza, da Europa toda. Unha gran parte son «maiores de maiores» (persoas de máis de 85 anos), o grupo onde se disparan a discapacidade e a dependencia.

A dependencia mídese pola necesidade de axuda para realizar as Actividades Básicas da Vida Diaria (comer, asearse, vestirse, orientarse, moverse, comprender). En Galiza hai aproximadamente  entre 80.000 e 90.000 persoas en situación de dependencia recoñecida. Pero unha de catro familias con dependentes non ten recoñecemento, o que sumaría miles máis en dependencia potencial non detectada.

Coidar de mamá implicou entrar nese sector aínda tan precarizado, de trámites disuasorios e colas de agarda para establecer un grao de dependencia. O grao I é dependencia moderada; o II, severa.

Sendo ti unha atlante independente toda a vida, mamá, tras criar soa dous fillos nos anos 80 e saír adiante sen pensión de viudedade nin de orfandade nin de ningún tipo, só traballando e aforrando, recibiches o grao III, a gran dependencia, a necesidade de apoio continuo. Durante varios anos, tiven 2 fillos e 1 filla máis.

No envés da moeda, a discapacidade refírese a unha limitación física, psíquica ou sensorial, independentemente de se se precisa axuda para comer ou vestirse. Na nosa comunidade hai recoñecidas preto de 245.000 persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. A discapacidade física (mobilidade) é a máis frecuente, seguida da psíquica/intelectual, cun repunte no diagnóstico nos últimos anos.

Non é máis que a bioloxía recordándonos o de sermos fráxiles, a discapacidade. Quen é capaz, quen  é «quen» sempre e todo o tempo? Un amigable lembrete de que somos mecanismos de carbono delicado e de que, ao igual que o carbono, podemos formar enlaces, enlaces fortes, pegar cousas rotas con betume e ocre e preservar as follas ocres dos mandarinos de decembro, as que teñen a sabedoría de que coidar é un acto común. Un acto de pensamento grupal. Un pegamento social de betume e ocre.

Raiola en Santa Margarida, Conchi García Rivero

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail