Candidato Rufián

Nestes tempos de crise dos proxectos emancipadores, a recente proposta de Gabriel Rufián para congregar nunha soa candidatura todo o que hai á esquerda do PSOE recibiu, sorprendentemente, bastante atención. Resulta evidente que o éxito de Rufián en resituarse no novo escenario ten moito que ver con non mencionar o seu proxecto de Estado e, porén, si moito con ocupar o espazo como enunciante do proxecto da esquerda moderada.

Logo do previsíbel fracaso estrepitoso do procés e dun longo período de perfil baixo, no que, polo xeral, as redes sociais pedían que cumprira a súa palabra, Rufián resucitou da man de quen copiaba o argumentario en clave catalá: Iñigo Errejón

Lembro a un primeirizo Rufián no Congreso cando o procés, un tempo de mobilización intensa para o independentismo e de grandes palabras. Quen podería esquecer aquelas palabras de «No hay plan B: dieciocho meses en el Congreso; ni un día más»? O éxito acadado entre a parroquia secesionista naqueles días poñía de relevo a produtiva interacción do candidato Rufián co seu electorado. Quen non o lembra axitando unha impresora no hemiciclo?

Logo do previsíbel fracaso estrepitoso do procés e dun longo período de perfil baixo, no que, polo xeral, as redes sociais pedían que cumprira a súa palabra, Rufián resucitou da man de quen copiaba o argumentario en clave catalá: Iñigo Errejón (recomendo unha ollada á hemeroteca para comprobar a obscena copia do argumentario de Más País por ERC, isto é, de Errejón por Rufián). Coa caída en desgraza de Errejón –parte demérito propio, pero sobre todo mérito das suas inemigas–, o terreo quedou descuberto para o novo despegue do candidato de Esquerra.

Aconteceu así que Rufián, a diferenza dos lastres parroquiais Junqueras e Alamany ou do elefante no cemiterio, Tardà, converteuse no punto sobre o que se estrutura o discurso de ERC. Non só de cara a unhas eleccións xerais en Catalunya, para as que ten un perfil idóneo, senón para alén da súa nación no conxunto do Estado. Non é sorprendente habida conta de que no resto do Estado non hai unha comprensión completa de ERC (o que lle permite a Rufián aparecer como alguén máis á esquerda).

ERC é un PSOE sen as cadeas do poder e, xa que logo, que ben pode facer o discurso que queira sen custos. De feito, Rufián tamén se beneficiou do efémero mandato de Aragonès. Para quen non o lembre, Aragonés ocupou a presidencia da Generalitat con máis pena que gloria, pero sobre todo desde a irrelevancia; unha presidencia que só foi percibida como interregno para que o PSC fixese a Illa president.

E é que ERC non ten madeira de partido de goberno. Ou cando menos do principal partido de goberno, como se amosou coa incapacidade de gobernar con Junts e na ausencia dun perfil propio unha vez na Generalitat. Máis unha vez, isto foi en beneficio de Rufián. Como lembra Maquiavelo: a política está feita de virtude, si, pero tamén de fortuna. E semella que Rufián ten a habilidade de convocar a súa (boa) sorte. Así o parece, por certo, ante a ausencia dun discurso de réplica.

Ao cabo, o liderado que ten máis de gancho comunicativo que doutra cousa, permitiríalle á esquerda abrir un debate ben interesante arredor do proceso constituínte no que podería volver medrar. Vexamos con só unha pregunta: está o candidato Rufián disposto a non falar de independencia durante os vindeiros 15 anos? Isto non é novo no universo dos conflitos nacionais, é o referente do nacionalismo quebecois.

Ben podería aquí a esquerda facer seu o marco institucional do Canadá no conflito catalán e propor no futuro un referéndum con lei de claridade no que cada partido propusexe a súa solución (federalismo asimétrico á esquerda e parte do BNG; independencia, ERC, Bildu e resto do BNG). Todo no bo entendido de que estariamos a falar no terreo da política de partido e non do goberno. Iso si, co compromiso de traducir en feitos o pactado se nese futuro se continúa no goberno.

Con esta decisión, Rufián aseguraríase un voto dentro por un tempo, sen por isto ternos nun debate permanente sobre o voto do referéndum que máis lastra que fai gañar. Sairiamos da inmediatez e entrariamos nun debate efectivo sobre o modelo de Estado.

Pola súa banda, as esquerdas (de Podemos ao PSOE, pasando por Sumar, Compromís, Adelante Andalucía, etc.) deixarían de considerar o «federalismo» como esa palabra máxica que funciona fenomenal porque nunca se trasladará á práctica. En efecto, desaparecería o xogo ideolóxico absurdo da «confederación» proposta polos Comuns (absurdo, pois non pode haber confederación se non se instaura antes a independencia).

Estaría Rufián disposto a dar ese paso adiante? Pois que sexa candidato. Non está disposto a non falar do tema durante 15 anos? Pois que continúe na súa liña. Non semella que o seu argumentario teña máis dunha pregunta de alcance.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail