O PP inicia en plena folga da CRTVG a tramitación da lei que reforza o seu uso partidista

A Coruña.- O Goberno de Alfonso Rueda acaba de enviar ao Parlamento de Galicia o proxecto de lei de medios que permitirá ao PP reforzar o seu control sobre a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), no medio da folga intermitente indefinida que manteñen os traballadores da empresa pública para denunciar os abusos continuados en materia laboral, as represalias por motivos políticos e a manipulación dos servizos informativos.

O pasado luns, dous días despois da manifestación que os traballadores celebraron en Santiago para publicitar as súas reivindicacións, o Consello de la Xunta anunciou o inicio da tramitación parlamentaria da nova norma.

Rueda asegura que servirá para modernizar os medios públicos e adaptalos «aos cambios» do sector audiovisual nos últimos anos, e que está baseada na procura de «consenso» coa oposición. Pero tanto BNG como PSdeG cren que está pensada para garantir o contrario e perpetuar o seu uso partidista en favor do PP.

Unha das cuestións máis polémicas do texto refírese ao nomeamento do seu máximo responsable, o director ou directora xeral. Ese posto ocúpao desde hai 15 anos Alfonso Sánchez Izquierdo, designado por Alberto Núñez Feijóo en 2009 e quen leva no mesmo de maneira irregular desde 2011, cando se aprobou a lei autonómica aínda en vigor que obriga a que o seu nomeamento conte co apoio de dous terzos das deputadas do Parlamento.

Cos votos do PP

O PP evitou durante todo este tempo someter a Sánchez Izquierdo ao apoio da Cámara porque nunca gozou desa maioría. O proxecto que Rueda puxo en marcha agora garante que o seu substituto poida ser elixido por maioría simple, co que bastarán os votos populares para facelo.

Os mandatos de Sánchez Izquierdo acumulan centenares de sentenzas dos tribunais de xustiza por vulneración dos dereitos laborais e fundamentais dos traballadores e por persecución ideolóxica de xornalistas, así como denuncias por sexismo e machismo.

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, co director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

A dirección mantén que o volume de litixiosidade que enfrontou provén de etapas anteriores á do actual director e que representa menos do 0,5% dos procedementos xudiciais que encarou a Corporación, aínda que nunca detallou de onde extrae esa porcentaxe.

O propio Sánchez Izquierdo e oito dos seus directivos foron procesados por un xulgado do Penal de Santiago por un delito de acoso laboral contra unha xornalista da casa, contra a que montarían unha estratexia de descrédito persoal e profesional que lle ocasionou graves danos morais e psicolóxicos. O director xeral e os seus subordinados declararon como imputados e o caso está pendente da decisión da xuíza de abrir ou non xuízo oral contra eles.

Falta de neutralidade informativa

A xunta electoral fallou en numerosas ocasións contra a falta de neutralidade informativa da TVG. A última foi durante os comicios autonómicos do pasado febreiro, cando ordenou aumentar os tempos de cobertura da campaña, reducidos pola dirección de Sánchez Izquierdo en liña coa estratexia de perfil baixo que Rueda deseñou para a súa.

A Xustiza tamén constatou a represión exercida pola dirección da empresa contra os folguistas, como expedientar a dous deles como «cabezas de turco», segundo a definición do comité de empresa, despois de que os paros impedisen en varias ocasións a emisión en directo do programa O Termómetro da Televisión de Galicia (TVG), cuxa externalización a unha produtora privada denuncian os folguistas.

O pasado novembro, a xuíza do Social número 2 de Santiago ordenou á CRTVG que devolvese á súa quenda a un produtor dese espazo que foi trasladado «por necesidades organizativas», segundo a versión da empresa, pero que o comité denunciou por consideralo en realidade unha represalia pola implicación activa do traballador nos paros e, en consecuencia, unha vulneración do seu dereito fundamental á folga.

Alfonso Rueda, nunha entrevista na Televisión de Galicia / Foto: CRTVG

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, considerou este martes que o proxecto de lei de medios de Alfonso Rueda representa «un auténtico asalto do PP á CRTVG» para «facerse co control absoluto dos medios públicos e para seguir usándoos como o seu terminal de propaganda particular […] cun grao de manipulación que xa roza o obsceno».

O Bloque, que lidera a oposición ao PP en Galicia, levou o caso ao Parlamento Europeo, onde unha delegación do comité de folga se reuniu a semana pasada con dous vicepresidentes da Eurocámara e coa eurodeputada encargada da lei europea de medios. Trasladáronlles «o ataque á liberdade de prensa e a manipulación» que, ao seu xuízo, padecen os medios galegos de titularidade autonómica.

Criterios transparentes e obxectivos

En setembro pasado, en resposta a unha pregunta escrita da eurodeputada nacionalista Ana Miranda, a entón vicepresidenta da Comisión Europea e comisaria de Transparencia e Valores, Vera Jourová, lembrou que a normativa europea establece que o ou a responsable da xestión dos medios públicos, incluídos os autonómicos ou rexionais, deben ser nomeados seguindo criterios e procedementos «transparentes, obxectivos, non discriminatorios e proporcionados».

Jourová engadiu na súa resposta que a Comisión «tomaba nota» do proxecto de lei de medios de Rueda, e que seguiría o caso «con atención».

«É un auténtico asalto do PP para seguir usando os medios públicos como o seu terminal de propaganda»

O eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares tamén dirixiu varias preguntas ao Executivo comunitario. Nelas alertou de que os traballadores levan anos denunciando a manipulación informativa nos medios públicos de Galicia, e de que a nova norma contravén a lexislación europea e aumenta aínda máis «o descontrol» sobre o seu uso partidista en favor do PP.

Segundo o calendario de folga do comité de empresa, os traballadores da CRTVG están chamados a un paro de 24 horas o vindeiro venres 13 de decembro, coincidindo coa emisión do último dos 65 episodios de O Termómetro contratados pola dirección cunha produtora privada por un total de 1.040.000 euros.

Segundo fontes sindicais, esa cantidade representa 5.000 euros máis do custo por programa do espazo ao que substituíu O Termómetro, producido na súa integridade con recursos e medios humanos propios da TVG.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail