A onda que xa medra

Desde que a folga de tranvías de Barcelona (1951) marcara un punto de inflexión para a loita antifranquista, transitando con isto das heroicas resistencias dos maquis ao pulo das contradicións intrínsecas da ditadura, unha longa onda de mobilizacións, integrada polo común obxectivo da derrota do réxime e o progreso da democratización, foi cobrando corpo ano tras ano: protestas estudantís en 1956, folga mineira asturiana en 1962… Para 1969 a tensión chegara a un punto de ruptura: o ano que comezou co asasinato de Enrique Ruano, e que seguiu co estado de excepción, rematou co nomeamento do Goberno Monocolor de Carrero Blanco. A onda democratizadora non só non se parou, senón que se intensificou con maior dureza e participación. Os ciclos de loitas sucedíanse: a folga da construcción en Granada (1970), a da fábrica da Seat (1971), a de Vigo (1972)…  E as respostas punitivas tamén: os xuízos de Burgos ou o Proceso 1001, as execucións coma a de Puig Antich, etc. Contrariamente ao relato da «Concordia» do que tanto gostan as fontes oficiais, o certo é que a democratización foi o resultado dunha contenda política que as élites clausuraron co proceso constitucional de 1978.

Lonxe dos discursos triunfalistas dos amplos consensos constitucionais, a vella toupeira do poder constituínte comezou a furar o interior do novo réxime. Logo dos anos do Desencanto que seguiron a Transición, tres ondas sucesivas de mobilizacións deron continuidade ao labor democratizador readaptando a política contenciosa ao novo contexto de dereitos e liberdades constitucionais. A I Onda foi máis modesta, pero a máis intensiva de todas. Desde os inicios da Reconversión industrial (1983) ata a Guerra do Golfo (1991), despregouse unha serie concatenada e sinérxica de ciclos de loitas (referéndum da OTAN e movemento antimilitarista, loitas estudantís, folga xeral do 14D…), marcada pola mutación e ampliación do que se chama «repertorio modular de acción colectiva» (as prácticas disruptivas dos movementos que impulsan as ondas de mobilizacións): okupacións, radios libres, cortes de estradas, encerros nas universidades e institutos, cadeas humanas, performances artísticas, fanzines, actividades culturais autoxestionadas, marchas do orgullo, comités anti-sida, etc.

A partir de 1992, ano dos fastos olímpicos e do V Centenario, prodúcese un declive das ondas que, porén, non tardará moito en dar co seu punto de inflexión a mediados dos 90. Chega daquela unha nova mutación repertorial e con ela a II Onda: o altermundialismo. A democratización prosegue a produción de espazos de contrapoder na sociedade por medio das contracimeiras ás reunións das grandes organizacións internacionais promotoras do capitalismo global (OMC, BM, etc.). Á comunicación dos fanzines contraculturais engádense agora as novas tecnoloxías da información e a comunicación (listas de correo electrónico, páxinas webs, etc.), e xunto ás dinámicas da contenda global progresan distintos ciclos que farán de Galiza epicentro desta segunda onda. Por exemplo, a folga nacional de 2002, o ciclo da LOU (máis intenso no caso galego), o ciclo do Prestige ou o ciclo da Guerra de Iraq. Foi ao rematar este último grande momento de mobilización que deu comezo o declive da II Onda.

A III Onda non tardaría en chegar. Chegaría tamén da man dun contexto máis amplo de loitas globais (Primaveira Árabe, Occupy Wall Street, etc.) que mesmo chegaría a ser coñecida como Twitterrevolution polo papel que nesta grande onda transnacional tiveron as redes sociais. A III Onda collería forza co 15M, as loitas pola vivenda da PAH e as mareas polos servizos públicos. Novamente a mutación nos repertorios favorecida pola rede de ágoras improvisadas nas prazas e a dinámica de des- e re-territorialización das redes sociais ao espazo público fixo que esta onda se espallara cunha intensidade sorprendente. De feito, logo do enriquecemento en experiencias, tecidos asociativos e redes activistas das dúas ondas precedentes, nesta III Onda chegarase ata un punto tal de mobilización que o propio réxime do 78 entrará en crise.

Cómpre precisar aquí unha reflexión: non foi Podemos, nin as formacións do municipalismo e todo o que, no conxunto, foi chamado «nova política» o que provocou a crise de réxime. Para alén do Procés en Catalunya, que expresaría outro vector, ás veces entrelazado co 15M, o certo é que non será en 2014 coas eleccións europeas, senón en 2011 coas Xerais do 20N que comeza a debacle do bipartidismo que se estende ata 2019. A crise do sistema de partidos, porén, foi un efecto tardío da dinámica autónoma da contenda política nesta terceira onda; a derradeira expresión que viría da man do ciclo feminista (La Manada, 8Ms, etc.). Desde entón o declive non só se confirmou, senón que por vez primeira a política do movemento houbo de enfrontar un contramovemento reaccionario de grande envergadura.

Semella que este 2024, que comezou coa catástrofe dos pellets, seguiu co ciclo aínda inacabado de Altri e as acampadas por Palestina e que agora remata coas loitas dos alugueiros e do cambio climático (moi en particular coa DINA), marca un punto de inflexión que fai albiscar unha IV Onda de mobilización. Resulta interesante observar acó como a anovación tecnolóxica da IA veu reforzar o contramovemento na deriva reaccionaria de Twitter a X, namentres que o «éXodo» a Bluesky anda na procura de reestruturar a esfera pública sen a que a democratización se fai imposíbel. Así as cousas semella que 2025 podería ser un ano moi prometedor para a historia das loitas sociais e o progreso democrático.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail