O PP alíase coa ultradereita en Bruxelas para que a Eurocámara non se pronuncie sobre a manipulación na CRTVG

A Coruña.- A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento Europeo, Ana Miranda, denunciou esta semana «a pinza» entre o PP, Vox e Ciudadanos para impedir que a Comisión de Peticións da Eurocámara debata sobre as denuncias de manipulación na radio e a televisión públicas de Galicia.

Segundo indicou a formación nacionalista nun comunicado, Miranda, que ocupa a vicepresidencia da comisión, considera «escandalosa a alianza entre dereita e extrema dereita» para impedir que o organismo, ao que se dirixen os cidadáns cando desexan poñer en coñecemento do Parlamento Europeo os incumprimentos da lexislación comunitaria que se producen nos seus respectivos países, puxese data ao debate sobre a denuncia.

Esta foi presentada polos traballadores e traballadoras da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), que levan máis de cinco anos denunciando a manipulación informativa a favor do PP, así como as presións, coaccións e represalias contra os e as xornalistas que se negan a participar nela que exerce a dirección da empresa pública, en mans desde hai máis de 14 anos de Alfonso Sánchez Izquierdo.

No setembro pasado a Comisión de Peticións considerou admisible a denuncia, pero durante a reunión de coordinadores dos grupos políticos celebrada o pasado mércores produciuse un empate técnico fronte a decisión de incluír a súa exposición e debate na axenda de xaneiro.

«Manobra» de Dolors Montserrat

«O que fixo hoxe o Partido Popular, do mesmo xeito que Vox, foi vir con eurodeputados que non forman parte desta comisión para votar en contra do traslado a debate da demanda», explica a portavoz do BNG na Eurocámara, quen cita expresamente ao eurodeputado popular pontevedrés Alejandro Millán Mon como un dos que «entraron en onda arrasadora para votar en contra dos dereitos da cidadanía para marcharse aos cinco minutos».

«Entraron en onda arrasadora para votar en contra dos dereitos da cidadanía para irse aos cinco minutos»

Miranda tamén lamenta a actitude da presidenta da Comisión de Peticións, a exministra do PP Dolors Montserrat, por avalar a manobra dos seus compañeiros de partido e os seus aliados de Vox e «non manter a neutralidade que se lle presupón e que debería rexer as súas actuacións».

A eurodeputada nacionalista mostrou o seu apoio ao colectivo Defende a Galega, formado por traballadores da CRTVG e que este venres celebra o 289 venres negro para denunciar a posta ao dispor dos medios públicos de Galicia aos intereses do Partido Popular.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, con o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

Precisamente, o Comité Intercentros da CRTVG anunciou onte que pedirá de novo a intervención «urxente» da Xunta e do Parlamento de Galicia para que poñan fin ao «gravísimo delirio partidista» no que, a xuízo da representación social dos traballadores, derivaron os servizos informativos.

Segundo asegura noutro comunicado o comité de empresa,os responsables tanto da Televisión de Galicia (TVG) como da Radio Galega (RG) «abandonaron todo respecto polas mínimas normas deontolóxicas do xornalismo e reproducen sen pudor en cada informativo un ideario calcado, de arriba a abaixo, sen fendas e cunha tendencia partidista evidente», que «funciona como o máis eficaz órgano de propaganda do partido que goberna» en Galicia

Unha liña editorial «de ultradereita»

Como proba dese «delirio partidista», o comité cita os cambios organizativos destinados a «apartar dos micros ás profesionais que se negan a escribir ao ditado» e a asumir unha liña editorial «de ultradereita».

«A CRTVG, traizoando os seus encargos como servizo público, só funciona como órgano de propaganda do PP»

Tamén denuncia a «deformación» do tratamento informativo da guerra de Gaza para «dar a visión do PP» e converter as noticias sobre o conflito «nunha arma bruta» contra o Goberno de Pedro Sánchez; e a ocultación nos telexornais de noticias positivas para a oposición, como a vitoria do PSOE o pasado domingo na repetición electoral das eleccións municipais na localidade pontevedresa de Castro Caldelas.

A repetición dos comicios, nos que PP e PSOE disputábanse a Alcaldía, chegou a abrir o telexornal dese día, pero o luns, unha vez coñecida a vitoria socialista, a noticia desapareceu das escaletas.

Mentres tanto, asegura o comité de empresa, cubriuse cun amplo despregamento de medios un evento de partido da precampaña do presente da Xunta, Alfonso Rueda, quen apareceu nos medios públicos coma se tratásese dun acto institucional como xefe do Executivo galego.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail