O alcalde de Ourense di que as mordidas que os seus asesores lle entregaban en man non eran diñeiro negro

Jácome tamén xustifica o desvío de fondos públicos ás súas contas asegurando que el factura ao seu propio partido por «contidos extraordinariamente rendibles» da súa canle de televisión

A Coruña.- O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asegura que as doazóns que durante anos recibiu en man dos falsos asesores que contrataba con cargo á Deputación Provincial e ao Concello non son «diñeiro negro». Así o afirmou o rexedor no pleno municipal deste venres que debateu unha moción dos seus ex compañeiros de partido na que o acusan de apropiarse de preto de 260.000 euros das contas de Democracia Ourensana, nutridas coas subvencións desas dúas institucións.

Polo menos tres dos asesores de Jácome aseguraron á Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta ( UDEV) da Policía Nacional que entregaban ao rexedor mensualmente, en persoa, en metálico e sen declarar a Facenda cantidades de entre cen e catrocentos euros.«O feito de pagar en efectivo non significa pagar en diñeiro negro», alegou o rexedor durante unha intervención na que se dirixiu en varias ocasións de malos modos e con improperios e descualificacións aos edís da oposición.

Ademais das doazóns en B, Jácome admitiu e xustificou as mordidas nos soldos dos seus asesores, algún dos cales chegou a transferir mensualmente máis do 60% do seu salario á conta do grupo municipal de DO, da que logo el extraía cantidades de ata 40.000 euros mediante operacións con cheques ou transferencias bancarias por supostos servizos prestados ao partido por Auria TV, a canle de televisión local da que é propietario.

O alcalde non quixo explicar á corporación se quedaba cos cartos que recibía dos seus asesores ou se o ingresaba nas contas do partido coa debida xustificación contable, nin achegou documentación algunha que faga pensar que seguiu ese proceder. Si sinalou que as declaracións dos seus asesores na UDEV son tan só «unhas acusacións que foron arquivadas», en relación ao sobresemento por defectos de forma dunha das causas xudiciais abertas contra el.

Jácome non se referiu en cambio á súa recente citación como investigado na nova causa derivada dunha a querela presentada a finais de outubro pola Fiscalía de Ourense, que o acusa dun delito de malversación de fondos por apropiarse de preto de 100.00 euros das contas do seu partido entre o 2015 e o 2019, e pola que terá que declarar diante do xuíz o próximo día 28.

Rafel Rodríguez Villarino, portavoz do PSdeG

Durante o pleno do venres, o portavoz municipal socialista, Rafael Rodríguez Villarino, e o do BNG, Luís Seara, lembraron que a canle de televisión de Jácome se financia case en exclusiva cos fondos que a Deputación e o Concello ingresan a Democracia Ourensana, diñeiro que o alcalde transferiría ás contas do partido e de aí ás súas mediante cheques e facturas por traballos de Auria, realizados ou por realizar.

Segundo a moción dos ex de DO, eses fondos ascenderon o ano pasado a máis de 104.000 euros, aos que se sumarían outros 154.000 euros facturados por Auria como anticipo por supostos servizos prestados ao grupo municipal do alcalde.

Lonxe de negalo, Jácome admitiu o uso que fai da súa cadea para quedar co diñeiro das subvencións públicas ao seu partido. «DO gasta o diñeiro como lle dá a gana de maneira axustada á lei. O máis eficaz é gastar o diñeiro nunha televisión con tanta audiencia como Auria. Eu facturo uns contidos que son extraordinariamente rendibles para o partido», alegou.

Auria é a marca comercial que explota unha licenza de televisión local da que Jácome é titular como persoa física, sen respaldo de ningunha sociedade mercantil. Emite en bucle os plenos do Concello e a Deputación, e aínda que o alcalde asegura que ten ingresos por publicidade privada, esta é residual ou inexistente. Tamén presume de que ten un audiencia de 35.000 persoas ao día, pero os programas e entrevistas máis recentes do seu arquivo dixital datan de hai meses ou mesmo anos e teñen escasas visitas.

Luis Seara, portavoz do BNG

Os ex de Jácome pretendían coa súa moción que o alcalde renunciase ao seu salario municipal -ao redor de 69.000 euros ao ano- ou que solicitase a preceptiva autorización do pleno para compatibilizar a súa actividade privada como titular de Auria e administrador único de Jolper, a tenda de música que herdou da súa familia.

O rexedor negouse a iso alegando que consultara o tema «con algúns xurídicos» que lle terían recomendado non facelo, e alegou que a «administración» do seu patrimonio non lle resta «horas de traballo» na Alcaldía. É máis, engadiu que só pasa por Jolper precisamente «para tratar cousas do Concello», citando alí polas tarde aos cidadáns que desexan falar con el.

A moción reclamando a Jácome que pedise a compatibilidade das súas actividades pública e privada saíu adiante cos votos a favor de PSOE, BNG e Cidadáns, o voto en contra de Jácome e un edil de DO e a abstención do PP, que segue sosténdoo na alcaldía e que mesmo chegou a pedir a retirada da moción da orde do día de votacións.

O apoio do PP débese a que son os votos de Democracia Ourensana os que permiten ao presidente dos populares de Ourense, José Manuel Baltar, conservar a Presidencia da Deputación. Nese sentido, Jácome reforzou  a súa influencia sobre o PP grazas á dimisión o xoves no organismo provincial dun dos seus antigos compañeiros de partido, o que permitirá que sexa el mesmo quen o substitúa no seu escano.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail