A vida tiña un prezo

Te pasa la factura

el hombre medicina

dos mil de la aspirina

y gratis el bisturí”

Siniestro Total. «El hombre medicina».

En canto valoramos unha vida? Falo de pasta, eh? En canto? En canto valoramos, por exemplo, un ano de vida? Dariamos –non sei– medio millón de euros por ter alguén querido con nós doce meses máis? Calquera que se vise nese caso diríavos que si e seguro que se tivese eses cartos –porque non todo o mundo garda medio millón de euros baixo o colchón para un imprevisto–, gastaríaos niso sen dubidalo.

Seino porque os que poden si que o fan. Eu admito que sempre me asusto moito cando un rico morre antes de tempo. Non, cando morre un pobre, non tanto. A min o que me desacouga é, por exemplo, que morra Steve Jobs. Porque sabes que se el –cos millóns que gañou colocándonos iPhones, iPads, iWatchs e calquera cosa que empece por ai– non foi quen de se salvar, na mesma situación, ti e mais eu estariamos condenados sen remedio.

Pero volvamos á pregunta do principio: en canto valoramos un ano de vida? Está claro que hai quen considera que non vale ese medio millón de euros:

«É un problema porque se están a dar tratamentos oncolóxicos a pacientes que non teñen máis perspectiva que un par de meses por diante e que estamos a gastar medio millón de euros por gañar o equivalente a un ano de vida axustado por calidade. Este medio millón de euros produciría moita máis saúde utilizado noutros programas. Probablemente». Probablemente.

Quen así falaba era Beatriz González-López Valcárcel, doutora en Economía, catedrática de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión da Universidade de Las Palmas e especialista en Economía da Saúde. Díxoo no Parlamento, na comisión de investigación sobre o sistema sanitario galego, esa que impulsou a oposición en pleno pero na que agora só continúa o PP. En Marea, PSdeG e BNG marcharon como protesta ao veto dos populares á comparecencia, entre outros, da familia do home que morreu na sala de espera do PAC de A Estrada cando non había ningún médico para atendelo.

Nacida en Vigo –o que podería explicar que non usase o galego na súa comparecencia–, González-López está considerada unha eminencia no seu campo, «unha especialista a nivel internacional e nacional de alta consideración», que dixo o conselleiro Vázquez Almuíña. O seu currículo ocupa 29 páxinas, en 2011 recibiu a Cruz da Orde Civil da Sanidade e o ano pasado foi elixida unha das 100 mulleres líderes no Estado. Case nada.

Hai algo moito máis barato que un tratamento contra o cancro: un segundo médico no PAC de A Estrada o sábado 4 de agosto pola tarde, cando José Manuel Brey non tivo quen o atendese e morreu atragoado

Pero se o PP quería contar con ela na comisión era, e así se demostrou, pola súa negación do austericidio. A comparecente admitiu que a frase «os recortes, matan» é «moi simple e atractiva» pero, segundo di, tamén é «falsa». «Non se pode demostrar que os recortes teñan provocado un aumento da mortaldade ou efectos claros sobre a saúde…» agás en Grecia, claro, pero no Estado español “non parece, non…?”.

Pois igual non o parece, pero fíxese: se por motivos económicos –de austeridade– deixamos, por exemplo, de subministrar eses medicamentos oncolóxicos tan caros, os pacientes estarían condenados a morrer. Logo si poderiamos falar de austericidio…

Pero esa é unha situación hipotética, así que falemos da realidade, de algo moito máis barato que un tratamento contra o cancro: un segundo médico no PAC de A Estrada o sábado 4 de agosto pola tarde, cando José Manuel Brey non tivo quen o atendese e morreu atragoado co seu propio vómito.

Ah, que non sabe de que lle falo? Será porque a comparecencia da familia de José Manuel ante a comisión foi vetada polos mesmos que a levaron a vostede para que deixase claro que o austericidio non existe. E así o fixo. Bo traballo, profesora.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail