As tremendas fronteiras do seu novo país*

Anos despois de ter rematado a súa emisión, sigo fascinada polo produto televisivo que foi Here comes Honey Boo Boo (2012-2014), o reality show da deostada cadea TLC que nos mostraba o día a día da familia de Alana Honey Boo Boo Thompson na cidade de McIntyre (Georgia). Non foi o primeiro programa no que puidemos ver a Alana Honey Boo Boo, que xa espertara a nosa curiosidade en Toddlers and Tiaras (2009-2013), outro reality show sobre concursos de beleza infantís, que foi obxectivo de numerosas críticas polo cuestionable de someter a nenas de menos de dez anos a xuízos estéticos; así como polos métodos que pais e nais empregaban para que as súas crianzas aprenderan o número de danza, canto ou maxia co que ían deleitar os membros do xurado.

Concurso de beleza infantil ao que se presentou Olive Hoover en Little Miss Sunshine (2006).

De entre todas as concursantes, Alana destacou porque os aproximadamente cinco anos que rondaba entón chocaban cos seus comentarios e o seu comportamento. Tiña unha personalidade que seguramente algún dos scouters que se fixaron nela cualificaron nalgún momento de «magnética» para xustificar a creación dun programa arredor do día a día na familia dunha nena de cinco anos. O seu enxeño e a enerxía (proporcionada en gran parte polas bebidas estimulantes e azucaradas que a súa nai non dubidaba en darlle) levounos como público a descubrir a súa familia: o epítome máis puro do que significa o termo «redneck». O pai, Mike Sugar Bear Thompson é unha especia de Anse Bundren, patriarca da familia Bundren en As I Lay Dying, (1930): un home parco en palabras, ao que é difícil aproximarse polo lacónico da súa personalidade, e porque a súa vocalización transforma nun reto entender calquera enunciado que pronuncia –ata o punto de que os subtítulos non son algo pouco frecuente durante as súas intervencións na serie–.

Mama June reunida coas súas fillas, Lauryn Efrid (aka Pumpkin), Jessica Shannon (aka Chubbs), Anna Cardwell (aka Chickadee) e Alana Thompson (aka Honey Boo Boo), este ano para un baby shower.

Sen querer facer spoiler nin da novela de William Faulkner nin da serie, os destinos de ambos seguen un rumbo sorprendentemente paralelo. A nai, Mama June Shannon, é, ademais de nai de Alana, das outras tres (?) medio irmás súas: Anna Chikadee Cardwell, Jessica Chubbs Shannon e Lauryn Pumpkin  Shannon. E digo tres con interrogante porque Mama June nunca lle deixa claro a Sugar Bear se Pumpkin (cunha personalidade tamén chamativa, que a familia achaca ao feito de que de pequena a acadou un lóstrego) é tamén filla súa ou doutro home. Durante a serie, Mama June convértese ademais en avoa da pequena Kaitlyn Gigi’s Baby Cardwell, una pequena cun sexto dedo nunha das súas mans que fai que a primeira netiña da familia sexa se callar máis especial. Kaitlyn é filla da irmá maior, Chikadee, e o pai enténdese que é Caleb, a entón parella dela, pero Chikadee segue os pasos de súa nai e tampouco o aclara.

Entre as personaxes secundarias, merece unha mención especial o irmán de Sugar Bear, apodado Poodle, «caniche», sobre o que a familia e a serie destaca, case en exclusiva, que é gai. O comentario ao respecto por parte de Alana é o seguinte «everybody is a little gay». Á súa curta idade, é quen de entender que a sexualidade é un espectro, non un compartimento estanco. Ben por ela.

Cada personaxe tanto principal como secundario, crea unhas dinámicas e interacción entre o resto dignas de calquera escena entre personaxes de William Faulkner, Flannery O’ Connor ou Harper Lee. Custa empregar o termo «grotesco» para falar do seu comportamento; por moita edición e montaxe que haxa, non estaban deixando de mostrarnos a súa maneira natural de entablar relación co mundo. Se cadra é debido á miña distancia cultural e/ou a miña tendencia como filóloga. Se cadra é tamén por isto que cada un dos obxectos e entidades que forman o seu mundo parece dotado dun simbolismo que outorga á serie máis dunha capa de significado (como se dunha novela dos grandes escritores sureños se tratase). Como? Que non todo é unha metáfora doutra cousa? Quen o di? Ah, pensaba.

Este artificio e esta retórica do universo Honey Boo Boo colisiona co mundo «real» cando a familia sae do mundo que parece ficcionado para enfrontarse ao «real» e vémolos levar a cabo calquera xestión: Alana e a súa familia, que pertence definitivamente a unha segunda «Southern Renaissance» (Rexurdimento Sureño) da narrativa, neste caso audiovisual e o mundo literal, sen simbolismo, no que a linguaxe é puramente procedimental e non hai unha lectura posible máis aló da estrictamente textual, non son quen de chegar a un acordo e hai un certo desnivel comunicativo que, se ben non fai imposible a comunicación, si nega un entendemento esencial da outra parte.

Flannery O’ Connor na súa granxa Andalusia en Milledgeville (Georgia) en 1962, afectada de Lupus e observando un pavo real, animal polo que sentía devoción. (via Joe McTyre (Ap) )

Non sei se hoxe en día se pode ver na páxina de TLC a serie, se está subida a Youtube, ou se hai que indagar un pouco máis no 2.0 para atopala. Se me preguntades, desde logo, diría que merece a pena achegarse ao mundo desta familia de McIntyre (Georgia). Unha vila que, ademais, comparte nome coa personaxe principal do conto de Flannery O’Connor «The displaced person» (1955), Mrs McIntyre, que, continuando co paralelismo –e sen querer facer tampouco agora spoiler nin da serie nin do conto–, o destino de Mrs McIntyre é igual de desafortunado que o de Here Comes Honey Boo Boo.

*Nota: o título é a tradución da frase the tremendous frontiers of her true country, da obra de Flannery O’connor The displaced Person.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail