Roger Arias: «Volvín aos versos de Rosalía coa bossa nova e Burt Bacharach no maxín»

Poucos cantautores galegos son máis permeables aos estilos musicais que o fenés Roxelio Arias, máis coñecido como Roger de Flor. Jazz, swing, folk, pop, son cubano ou canción galega conviven no seu repertorio en solitario ou nas múltiples formacións nas que está implicado. A súa vocación por transmitir levouno a aproximarse ao mundo da poesía e a súa asociación co artista madrileño de raíces galegas Charlie Mysterio en Os Peregrinos e a cantante Lía Pamina, déronlle este ano unha alegría con Lúa descolorida, un EP de catro temas no que reivindican os versos da nosa Rosalía. Fano desde un sentimento que une a bossa nova coa chanson francesa. En Xapón, Inglaterra ou os Estados Unidos as críticas foron excelentes. Un estímulo para artistas afastados dos medios máis populares.

Roger de Flor. Foto: Roby.

O prestixioso crítico británico Pete Paphides (Telepraph, Independent, Mojo, BBC…) escribiu en primavera sobre o tributo a Rosalía Lúa descolorida, de Lía Pamina e Os Peregrinos: «Este ano o verán chegou antes grazas a esta absoluta beleza. Non podo agardar para compartilo cos meus ouvintes». Comentarios semellantes apareceron en medios dos Estados Unidos, Xapón, España e tamén Galicia. A potencia imbatible dos versos de Rosalía revitalizada polas melodías de Roger, que conta así os segredos da máxica mestura: «Charly mais eu tiñamos boa conexión con Lía, que é de Castelló pero filla de galego, e compañeira no selo Elefant Records. Falando da poesía de Rosalía recitoume varios dos seus poemas favoritos e eu volvín a eles coa bossa nova e Burt Bacharach no maxín. Ademais o estilo de cantar de Lía recordoume ao de cantantes como Jeanette, Claudine Longet ou Margo Guryan. O tratamento que fixemos buscaba tamén modernizar e universalizar o mundo de Rosalía sen perder a súa galeguidade». Sobre a resposta e o éxito crítico do disco, reflexiona Roger: «Esa poesía ten unha fondura, unha beleza, que desarma. Ao relela nacían decenas de melodías na miña cabeza. Ten algo de metafísico, de tráxico e vitalista o mundo de Rosalía que fai que conecte con alguén de Tokio ou de Londres. Ademais, ese contraste soaba moi ben na voz de Lía e os amaños de luxo de xente que se subiu ao proxecto como o líder de The Posies, Ken Stringfellow. Todo para recrear esa beleza e tristeza universais que tan ben entenderon poetas como Vinícius de Moraes».

A fascinación pola palabra e a poesía que de xeito natural encaixa coa música vénlle de lonxe a Roger. Non en van é unha das almas da Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol á que desde 2008 dan forma Juan Carlos Valle, Karlotti, e Guillermo Ferrández unindo o popular e accesible nun combate pola palabra. «Dous exemplos e unha inspiración para min», sentencia sobre a dupla anarco-poética. Case paralelo ao seu traballo cos Peregrinos está outra atracción que o une á literatura e música inglesas: «Se eu son músico é por ficar fascinado de neno cos Beatles. Logo viñeron amores como os Kinks e Ray Davies, Bowie e Richard Thompson, pero tamén coa literatura, así que o de Willian Blake é natural. En plena resaca collín un libro de Blake por casualidade onde viñan as Cancións de Inocencia e Experiencia e quedei atrapado por aquel mundo insólito. Logo pasou a resaca, pero a impresión ficou. Están por suposto esas imaxes, dunha forza que desarma, pero esas palabras que semellan que nos falan agora mesmo impactáronme ata o infinito».

Foto: Roby.

O enganche co poeta inglés foi tal que, nunha viaxe solitaria pola península italiana, o músico non parou de compoñer melodías para adaptarse a aqueles textos. «Tiña en mente un folk pastoral e agre como o que se facía a finais dos 60 e comezos dos 70, sons no ronsel da banda sonora da película The Wicker Man (O home de vimbio), e todo encaixaba». Tralas composicións ponse a proba. «Non quería facer o ridículo e cantar en inglés, o fágoo desde sempre, pero aquí necesitaba un nivel mellor. Como se un inglés vén cantar canda nós a Rosalía, non? O caso é que marchei ao norte de Inglaterra, a Lancaster, onde viven unhas boas amigas galaico-británicas, a escritora Teresa Barro, viúva do tradutor e poeta Fernando Pérez-Barreiro Nolla, e a súa filla Beatriz, unha grandísima música e cantante, alumna dun mestre do folk inglés como John Renbourn. O caso é que grazas a ela entrei en contacto coa escena musical da cidade e coñecín entre outros a un músico fascinante, o percusionista escocés Iain Hunter. Alí toquei as cancións en varios escenarios e a resposta do público foi tremendamente cálida e cariñosa, deume moitos folgos para seguir co proxecto». A partir de aí naceu Strange Mystery Flower, un dúo coa súa irmá Amparo Arias que publica o disco Strange Mystery Flower sing William Blake con dez adaptacións dos poemas do místico artista británico. Poucos en Galicia saborean o proxecto, pero os que o fan quedan engaiolados polo singular da proposta. E non só aquí, os irmáns son convidados a actuar no Festival de Glastonbury en 2019 con inmellorables referencias. «A xente alucinou con nós –lembra Roger-,  parecémoslles tan exóticos como se uns bosquimáns viñeran a Galicia tocar a gaita e o pandeiro e se integraran cos paisanos». E despois de Blake, este mesmo ano veu a luz un tributo a Lord Byron, sete pezas que adaptan outros tantos poemas do romántico e aristócrata escocés. «Supoño que conecto con este tipo de poesía, será pola alma romántica e soñadora. Un pode sentir máis conexión con alguén de hai douscentos anos que cun contemporáneo. A min pasoume».

Concerto de Strange Mistery Flower no Experimenta. Foto: Marcos López Álvarez, Loopez.

Unha faceta espiritual e mística á que non é allea a singular amizade que Roger mantén desde hai anos co teólogo Andrés Torres Queiruga. «Non chega a ser un conselleiro espiritual, pero axudoume moito na miña fase de aproximación ao cristianismo logo dun incidente en Italia no que crin morrer. Repensei moitas cousas e entrei en contacto con el, do que admiro o seu xeito de pensar a relixión».

En 2010 o director Alberto Alonso (As Muxicas) elexiu a Roger para protagonizar o documental Naturalidade Silvestre e narrar ese mundo underground de artistas e creadores que non gozan dun éxito masivo, pero que fan o seu traballo por necesidade interior máis que buscando sona e cartos. «Estaba a comezar e aínda que non tiña moito traballo, pero a Alberto gustoulle o que facía –comenta o músico–. Acompañábanme O neno Elliott, Dani Alonso, hoxe en Os Amigos dos Músicos, ou o propio Magín Blanco, que daquela aínda comezaba o seu traballo co público infantil», recorda. O documental foi nominado aos premios Mestre Mateo e fica como un testemuño honesto de tantos creadores alleos ao éxito popular, pero que levan a creación no seu ADN.

Na cinta cóntanse as orixes do seu nome artístico, Roger de Flor. «Si, o nome púxomo un querido amigo que xa se foi, poeta e afeccionado á historia e á arte, Luís Maquieira. Era fillo de Eloi Maquieira, un dos grandes arquitectos racionalistas galegos dos anos 20 e 30. Luís viviu uns anos ao pé do Castelo de Nogueirosa, en Pontedeume, e alí nos fixemos amigos. Pode verse no vídeo da canción ‘Os dous amigos’ e no documental Naturalidade silvestre. Facíalle graza o contraste entre o que eu facía e a miña pinta e a dun soldado almogávar medieval, que estaría nos antípodas, vaia. De aí veu o nome. Ademais admirábao o feito de que eu sexa músico e xordo dun ouvido: «Es como Brian Wilson, o dos Beach Boys, e case coma Beethoven», dicía escachando coa risa.

Volvendo ao documental, foi precisamente a partir de aí que Roger se interesou polo aspecto audiovisual da música, os videoclips. «Levo xa uns 17, unha ducia como Roger de Flor e cinco cos Peregrinos, algún deles eu mesmo e outros en colaboración con Carlos Quirós, produtor e realizador de documentais e programas da TVG. Sempre me gustou o cine pola capacidade para contar historias. Ademais as miñas cancións son moi audiovisuais, préstanse moito e a min gústame contar historias. O da interpretación é algo que me seduciu desde neno, paréceme moi divertido: ‘chupar’ cámara e mandar, que máis se pode pedir! Contando asemade con bos amigos dedicados á farándula teatreira como Ángel Simón, Eugenia Sanmartín ou Helga Méndez. Con ela fixen ademais unha obra teatral e musical sobre Dylan e a súa relación co mundo feminino».

Unha mágoa polo que podía dar de si Radio Galega Música ben estruturada, promovendo a nosa cultura e asemade establecendo pontes con idiomas irmáns, como o portugués. Por certo, cónstame que as miñas cancións soan nesa canle desde hai anos pero eu nunca vin un peso por dereitos de autor

En canto ao éxito, Roger entende que o seu é ser un artista de minorías e que o éxito é cuestión de cada quen. «Son consciente de que a miña voz e a miña estética atemporal saen dos canos, son unha rara avis. Compaxino traballos alimenticios, fundamentalmente son xardineiro, para ter tempo, crear e conectar cun público ao que chegar a fondo. Non ambiciono un éxito masivo, e menos se non podo facer o que me apetece. O ano pasado fun a Cuba e entrei en contacto con xente dun nivel altísimo, dos que só despois de ter falado moito, por exemplo camareiros, descubría que eran músicos, e uns músicos incribles». Noutra illa, a galega, Roger móvese adoito polo golfo Ártabro e as Rías Baixas, só ou en compaña do seu batería de cabeceira Serxio Galego (Cosmonautas Rusos), e di verbo da situación do país: «Uns acaparan todo e outros recollemos as migallas. Pode parecer unha crítica pero para nada, non me queixo. Porén, creo que é un xuízo real».

Os peregrinos. Carlos Queirós.

Tirando do fío, Roger vaise poñendo serio cando calibra o papel dos medios públicos do país no apoio aos seus artistas: «Coñezo moi bos profesionais na RTVG que sen dúbida non teñen culpa de cousas lamentables dos nosos medios como a xestión de Radio Galega Música, unha canle que é unha gramola continua de cancións que ninguén presenta, supoño que para aforrar. Para máis inri, as mesturas que fan son surrealistas: poden poñer un tema de folk galego e de seguido a Beyoncé, cunha evidente falta de criterio. Unha mágoa polo que podía dar de si esta canle ben estruturada, promovendo a nosa cultura e asemade establecendo pontes con idiomas irmáns, como o portugués. Por certo, cónstame que as miñas cancións soan nesa canle desde hai anos pero eu nunca vin un peso por dereitos de autor, aínda que aí tamén está o papel da SGAE, que descoñezo o convenio que ten coa RTVG. En plena era dixital faise un reparto aleatorio baseándose en enquisas escasas para unha xusta retribución. En fin, esta é a cultura que queremos para o noso país? Conformámonos con isto?».

Esta trama de empresas ‘culturais’ deseñadas para esquilmar o erario público e as subvencións institucionais ao sector, maiormente con contidos nos que se retroalimentan uns aos outros e impoñen criterios e modas conxunturais, impedindo a cabida de novas propostas artísticas

Na mesma liña, o intérprete é crítico cos circuítos artísticos: «Esa é outra, a rede clientelar nos circuítos de Galicia. Esta trama de empresas ‘culturais’ deseñadas para esquilmar o erario público e as subvencións institucionais ao sector, maiormente con contidos nos que se retroalimentan uns aos outros e impoñen criterios e modas conxunturais, impedindo a cabida de novas propostas artísticas. Tanto dentro dos circuítos como fóra deles, pois a raíz que ocupa este espazo na nosa terra é tan ampla que afoga o xurdimento de máis propostas que saian do marco establecido. Ás veces penso que a cultura iría mellor neste país se remataran todo tipo de subvencións culturais porque nos dedicariamos a isto quen temos auténtica vocación, tanto creadores como organizadores, e xurdiría unha arte máis potente e veraz».

Foto: Roby.

Unha relación coa burocracia da que o de Fene foxe cando pode e simplemente coller unha guitarra e actuar nunha praza ou nunha rúa de calquera localidade do país ata o punto de semellar autoboicotearse comercialmente. Porén, el xustifícao e incluso é un dos impulsores da iniciativa colectiva de Ferrolterra Enclaves de Son: «Sinto a necesidade vital, máis que material, de tocar na rúa, foi un proceso moi liberador para min. Gústame facelo de cando en vez para testar algunhas cancións ou estar en contacto coa xente, sobre todo nos tempos rabudos que nos están tocando vivir».

Tempos rabudos nos que, como dicía Borges no seu poema «Los Justos», hai quen salva o mundo facendo só o que leva dentro sen buscar premios nin medallas. Un ve aí a Roger Arias, coa súa guitarra e o seu charango, nun teatro ou rúa calquera, con Rosalía ou Blake no bico, e as maneiras finas dun trobador medieval futurista.   

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail