Vivimos nun estado de emerxencia habitacional. Mais tamén vivimos nun estado de contradición e hipocrisía permanente. O que se fala da vivenda na axenda informativa e política non trata precisamente da emerxencia social, da escaseza de vivendas accesíbeis para gran parte da poboación, dos alugueiros abusivos, da infravivenda, do amontoamento, da imposibilidade real de emanciparse por parte da xente nova. Ter unha «habitación propia» é unha utopía para gran parte da xente moza e non tan moza, con emprego ou sen emprego ou con ocasionais bull jobs ou traballos de merda. ¶ Non, do que se fala, nunha incesante campaña de medo, tan inmotivada como deshonesta, é dunha ondada de ocupacións de vivendas particulares. E a produción de medo está a funcionar. Vai dirixida, sobre todo, a pequenos propietarios, a esas capas sociais que se identifican co híbrido de «clase media/xente de orde». ¶ No contexto da pandemia, hai tamén unha crise de anti-corpos fronte a esta enxurrada dun capitalismo sinistro que se aproveita da incerteza e a vulnerabilidade. A mercadoría das empresas que venden seguridade non é, dende logo nese aspecto, a «seguridade». A mercadoría é a alarma. O negocio, as «alarmas». Os sistemas de alarma. Semella que cada día, agochada na maleza, hai unha turba inmensa á espreita de que os moradores saian das casas para meterse nelas e nunca máis saír. ¶ Unha «alarma social» que non está apoiada en información certa, senón en nun vello-novo xénero de propaganda encuberta que poderíamos denominar «publirreportaxes do medo». Entre 2019 y 2020, segundo a única estatística existente, a do Ministerio do Interior, houbo un incremento dun 5% en intentos de ocupacións de vivendas no ámbito do Estado español. De 40 denuncias a 41 por día. Mesmo as denuncias foron a menos en varias comunidades. ¶ A intervención xudicial e policial é inmediata, pola lei de expulsión «exprés» aprobada en 2018 por PP e Ciudadanos. A realidade é que gran parte das vivendas ocupadas son pisos baleiros propiedade de bancos. Nestes casos, a intervención xudicial adoita ser máis lenta. E dende logo son ocupacións que non causan «alarma social», máis ben ao contrario. Poñen de relevo o estado de inxustiza. ¶ Por que o problema da vivenda desapareceu da axenda de prioridades sociais? Por que o verdadeira problema, o de millóns de persoas na intemperie da pobreza, é silenciado, mentres a poboación con vivenda almorza cos anuncios indixestos das empresas que venden medo? Por que os máis barulleiros «constitucionalistas» non falan endexamais do «dereito a unha vivenda digna» que figura con destaque na actual Constitución? Ademais do negocio inmediato, o efecto da plusvalía do medo é a fractura na sociedade, a desconfianza e a aporofobia, a estigmatización dos movementos a prol da vivenda e de loita contra os desafiuzamentos. No fondo, o obxectivo é impedir que se desenvolva un urbanismo trazado coa man da xustiza e a decencia comunitaria.