A principal autoestrada galega, segundo a propaganda, ía «vertebrar» Galicia. Púidose vertebrar cunha autovía pública, mais iso non era negocio e houbo unha enxurrada de merda mediática contra a xente que denunciou a operación. Agora mesmo, o son das peaxes é o dunha xigantesca e trucada máquina comecartos, sen premio ningún e con castigo para o nervio ciático da economía: un atranco para o desenvolvemento do «noroeste ibérico» polo custe disuasorio do transporte.
A «concesionaria» rexe a gran autoestrada como un dominio propio, un Estado asfáltico libre, soberano, indepe, cun incremento incesante de prezos que a converten nunha vía imperial de esquilme nun país dependente, envellecido e que se mantén coa respiración asistida das axudas europeas.
O neocapitalismo de Audasa, que explota a AP-9, a autoestrada do Atlántico, é un neofeudalismo. Ten moita semellanza, si, co sistema feudal: aprópiase do territorio e da xente que vive nel. Unha diferenza é que se multiplica o que entra no peto pola fórmula cobiza máis velocidade. Un turbocapitalismo con moitos cabalos, que trata os usuarios como vasalos e que delega nos políticos a xestión do asoballamento.
Lonxe de recoñecer a realidade, a súa impotencia e incompetencia para defender os intereses do pobo, os responsábeis políticos debaten uns contra os outros sobre a «culpa». Mais nese debate fúrtase un dato fundamental: a concesión da autoestrada do Atlántico remataba no ano 2000. Sendo Manuel Fraga presidente da Xunta, e gobernando o Estado o Partido Popular, aprobouse renovar e prolongar a concesión privada da AP-9 até o ano… 2048.
As preguntas:
✔️ Que responsabilidade tiña Feijóo e que dixo o actual presidente da Xunta cando se acordou semellante agasallo a unha empresa privada?
✔️ Que responsabilidade tiña Feijóo e que dixo o actual presidente da Xunta cando o Goberno de Aznar decidiu en 2003 outro descomunal agasallo, o de privatizar a Empresa Nacional de Autopistas?
✔️ Por que se lle oculta a Galicia a verdadeira historia da autoestrada do Atlántico?
✔️ Se agora considera que é un abuso e un espolio o que acontece coa autoestrada, por que o presidente da Xunta non convoca a todas as forzas políticas e sociais de Galicia para esixir de forma efectiva a fin desta aldraxe?
✔️ Á parte de populismo «asfáltico», superficial e oportunista, que están a facer de verdade os gobernos galego e central para rematar con este neofeudalismo rodoviario que hipoteca Galicia?