Bruxelas alerta de que a Xunta non tomou medidas para protexer espazos naturais afectados polos incendios

A Coruña.- Os incumprimentos da Xunta de Galicia á hora de designar e protexer espazos naturais da comunidade, que lle valeron a España dous expedientes de infracción que a Comisión Europea instrúe desde hai dez anos, inclúen zonas arrasadas polos incendios do pasado verán que deberían contar con medidas específicas de prevención.

Así o asegura a Comisión Europea nunha resposta escrita ao eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares, que se dirixiu ao Executivo comunitario para interesar a súa opinión sobre a relación entre os incendios e o «deixamento» que, ao seu xuízo, mostraran os gobernos de Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo á hora de declarar medidas de protección sobre o patrimonio natural galego.

«Galicia non estableceu obxectivos e medidas de conservación suficientemente específicos en todas as súas zonas de especial protección, incluídas, por tanto, as afectadas polos incendios», sostén na súa resposta a comisaria de Medio Abiente, a sueca Jessica Rosswell, quen lembra ademais os expedientes que Bruxelas abriu a España por ese motivo. A comisaria engade que eses obxectivos e medidas deben incluír estratexias específicas para a prevención de incendios que permitan evitar que se produzan lumes, e que, cando estes ocorren, se llos poida combater con maiores garantías.

A través do Directiva Hábitat, que entrou en vigor hai tres décadas, os Estados membros da UE están obrigados a declarar como zonas protexidas os seus espazos naturais, con plans e medidas específicas de regulación e desenvolvemento. Desde entón, o 18% do territorio comunitario e o 28% do de España forman parte da denominada Rede Natura 2000, e algunhas comunidades autónomas, como Canarias, Madrid e País Valencià, roldan ou mesmo exceden o 40%. De feito, todas superan o 20% salvo Galicia, que non chega ao 13%.

«Contribúe aos incendios»

«Incumprir a normativa europea en canto á extensión e a xestión da Rede Natura contribúe aos incendios», subliña González Casares, quen sostén que os expedientes de infracción aos que se refire a comisaria Rosswell na súa resposta –un pola escasa porcentaxe de territorio protexido e outro pola insuficiencia do plan xestor da parte que si o está–, representa, na súa opinión, «unha emenda á totalidade da política ambiental da Xunta». O eurodeputado tamén acusa o Goberno de Rueda do «incumprimento sistemático das obrigacións legais que emanan das directivas comunitarias».

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha foto de arquivo / Foto: Xunta

O certo é que Galicia é a comunidade con menos porcentaxe do seu territorio en Rede Natura e, á vez, a máis afectada polos incendios desde hai decenios, con máis de 1,8 millóns de hectáreas queimadas entre 1983 e 2016 segundo un estudo do portal Civio.

Das preto de 400.000 hectáreas arrasadas en todo o Estado na onda do pasado agosto, unhas 140.000 están en Galicia, onde nuns poucos días arderon máis da metade da superficie do macizo central ourensán, preto do 20% do dos espazos naturais de Pena Trevinca e Pena Maseira, o 8% da Serra da Enciña da Lastra, o 5% da de Ancares-O Courel.

O pasado setembro, durante un debate sobre os incendios no Parlamento Europeo no que o BNG acusara o Goberno de Rueda de ocultar información sobre a incidencia real dos incendios, a comisaria de xestión de crise, Hadja Lahbib, de Bélxica, tamén reclamara «investimentos máis orientados e políticas intelixentes» para loitar contra ese tipo de catástrofes.

Rozas e queimas controladas

Luzes-Público dirixiuse á Consellería de Medio Ambiente da Xunta para obter unha valoración do departamento que dirixe Ángeles Vázquez sobre a advertencia da comisaria, pero non recibira resposta á hora na que se terminou de redactar esta información. O pasado 30 de setembro, Vázquez anunciou que ía impulsar cambios nos procedementos de autorización de actividades na Rede Natura para «mellorar a prevención de incendios nesas zonas», simplificando os permisos para rozas e queimas controladas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail