O refuxio da ignorancia

Un dos maiores paradoxos políticos desta xeira galega é a entusiasta propaganda verde da Xunta de Galicia, que proclama como reclamo turístico a fachenda de «refuxio climático». Soutos, carballeiras, corredoiras, o país dos mil ríos e fervenzas! O clima ideal, a frescura, o lugar do lecer sen sufocación, sen botar fume pola cabeza, incluso coa marabilla de gozar dun orballo natural mentres en Terra Quente teñen que andar a xiringar nas terrazas para que non fique torrefacta a clientela, tomando unha tapa de pomada Silvederma.

Galicia refuxio climático. Galicia verde. Galicia ciclónica. As marabillosas nubes! Mesmo habería que vindicar a negra sombra e o románico, as miles de igrexas e mosteiros, xa non só como valor artístico, senón como patrimonio frigorífico. A Galicia anfibia, sempre coa tecnoloxía vangardista do paraugas. A pintura mariña de Urbano Lugrís que cura as doenzas do cambio climático nas olladas. A consigna acuática emancipadora de Uxío Novoneyra: «Chove para eu soñe!».

Todo isto é así. Todo isto está moi ben.

Como alerta o grande investigador Christopher Rapley, físico e climatólogo, «o que ocorra nos vindeiros dez anos afectará durante centos, se non miles, de anos». O ser humano, as corporacións e os gobernos cómplices están actuando como psicokillers e maquinaria pesada de desfeita no planeta. Rapley, de 77 anos, renunciou ao seu posto de director do Museo de Ciencia de Londres por non aceptar o patrocinio de empresas preeiras. Un exemplo.

A contradición que vivimos en Galicia é propia da política de cinismo fósil con episodios altamente fedorentos como os vividos este verán coa publicidade institucional de descarado greenwashing (lavado verde). Por unha banda, esa propaganda turística de vender Galicia como «refuxio climático», aparentemente libre aínda dos efectos do quecemento global, e por outra apoiar dende o Goberno da Xunta un dos proxectos máis danosos que se poidan imaxinar para o medio ambiente galego. A macrocelulosa de Altri. Na súa denominación técnica, «a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas». Unha enxurrada xigante que, de autorizarse, afectará directamente a Ulloa, o río Ulla e a máis ricas das rías galegas, a de Arousa.

A propaganda de «refuxio climático» é, neste contexto, un alcume á intelixencia. Na práctica, o presidente Rueda e compañía compórtanse como nefastos negacionistas. O quecemento das augas fluviais e a expansión invasora de novas ducias de miles de hectáreas de eucalipto supoñen unha operación infernal que non se autorizaría en ningún outro lugar. Esta vez é atinado dicir que Galicia está a ser utilizada como colonia. É escandalosa a aldraxe dos voceiros da dereita aos investigadores convocados polo Consello da Cultura Galega. Un informe rigoroso de máis de 180 páxinas acaba de ser desprezado por «parcial». Preguntados en que puntos discrepaban os políticos da «degeneraçao gordurosa da incompetencia», que diría Pessoa, responderon: «E que non o lemos!».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail