Elites neofeudais, democracia en perigo

Hai tempo que as sociedades están mentalizadas de que cómpre facer desaparecer as chamadas «barreiras arquitectónicas», que impiden a mobilidade física e a igualdade de acceso a un espazo en determinadas circunstancias ¶ Mais hai outras barreiras e fendas neste mundo no que vivimos que non só non se derruban, senón que, pola contra, medran e se afondan dun xeito abismal. O modelo económico que campa no planeta, ese capitalismo impaciente, suma de cobiza e velocidade, está a producir, a un tempo, a emerxencia ecolóxica e a emerxencia social. O planeta Terra é cada día que corre neste calendario de derrota un lugar máis perigoso e inxusto. Ese devalo encadea desigualdades: entre persoas, clases sociais, xéneros e territorios. A liña de risco esténdese por todo o orbe, como un grande arrabalde de calvario, mais hai moitos lugares, mesmo no corazón do «primeiro mundo», que xa teñen a condición de escachizados ao xeito do que representou Hieronymus Bosch, O Bosco, no panel do inferno do Tríptico do Milenio: incendios, inundacións e unha humanidade atormentada, concentrada á forza ou en fuga emigrante ou en extinción. Cómpre celebrar o almeiro da diversidade, un viveiro de creatividade, e cómpre denunciar o círculo vicioso e expulsivo da desigualdade que entangaraña tantos países polo poder de elites privilexiadas, que atrancan ou retardan a innovación progresiva e o cambio e o benestar social ¶ Malia o crecemento económico dos últimos anos, e algunhas medidas gobernamentais de melloras sociais, no Estado español tamén batemos coa desigualdade como principal trazo na «identidade» social e económica. España é un dos países máis desiguais de Europa. Cada ano aumenta notoriamente a distancia entre as rendas do capital e do traballo. Máis dun 27% da poboación atopase en risco de pobreza ou exclusión social: unha cronificación da pobreza. E o grupo social de renda media é moito menor que a maioría dos outros países europeos. Estes datos proceden dun medio privado, a Radiografía de medio siglo de desigualdad en España da Fundación La Caixa. Alí onde está a ocupar o poder PP&Vox afóndase no esperpento: en Estremadura veñen de suprimir a gratuidade dos comedores escolares da infancia, mentres acordan eliminar o imposto ao patrimonio dos «gordos» de sempre ¶ Na obra xa clásica sobre as orixes do poder, a prosperidade e a pobreza, o titulado ¿Por qué fracasan los países?, de Daron Acemoglu e James A. Robinson, fálase de dous modelos económicos que definen unha sociedade atrasada ou avanzada. A maior desigualdade é propia do «círculo vicioso», con vellas elites eternizadas, fortemente xerárquicas e enxertadas no Estado, que consideran un patrimonio ou propiedade. En definitiva, un estado de cousas elitista, explotador, expulsivo socialmente e corrupto. O círculo virtuoso sería o que propicia condicións para unha maior igualdade, un benestar social maioritario e unha sociedade decente moi vinculada á responsabilidade e sensibilidade das elites ¶ Verbo desta cuestión fundamental, o da responsabilidade colectiva das elites pode ser moi reveladora e do máximo interese a «revolución» necesaria que vén de propoñer Martin Wolf, o analista xefe do Financial Times, o medio máis influente na información económica mundial. O que vén de facer Martin Wolf é abanear o Titanic, a deriva do dominante capitalismo depredador e xerador de máis e máis desigualdade. Estamos nun punto crítico. E a crise que este modelo está a provocar pódese levar por diante as sociedades democráticas. O primeiro paso é convencer ás persoas de que urxe rescatar un concepto de cidadanía. A responsabilidade colectiva. O sentido de comunidade, de sociedade decente ¶ O liberal Martin Wolf pon por diante a comunidade e desaparafusa as parvadas neoliberais. Afirma que cómpre pagar moitos máis impostos para financiar e mellorar a educación, a sanidade e todos os servizos públicos. Iso é o que garante a seguridade democrática. E por aí comeza a verdadeira igualdade da cidadanía e o fin do neofeudalismo vixente¶

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail