Nunha entrevista feita ao político Íñigo Errejón no programa La Fábrica, presentado polo tamén deputado Gabriel Rufián, o parlamentario de Sumar recollía, entre outras frases interesantes, as seguintes: «Non lle podemos falar sempre aos mesmos (…) se dentro o que pensa distinto é un inimigo seremos cada vez máis puros pero cada vez menos (…) hai xente que vota esquerdas e non ten unha bandeira vermella na parede».
O que menciona Errejón, bo coñecedor e estudoso das dinámicas políticas do hexemónico, no seu caso, dende o espectro progresista, non é un feito desprezable. Todo o contrario. Máis aínda no ecosistema que os medios (desexosos de actividade frenética) xa tildaron de precampaña electoral a un ano (pouco menos de doce meses!) da chamada a comicios en Galicia, neste clima-turbo de constante excitación política e económica.
Vivimos en tempos de fetichismo. En anos nos que a identidade convírtese no último asideiro fronte o medo, nos que a imaxe e a pertenza outorgan un espazo de seguridade fronte a inseguridade sen rostro da tardía Modernidade —tendencia hai algúns anos—. A tónica é a imaxe onanista, a imaxe recorrente, a bandeira concreta e a palabra máxica as que se fai carne ante nós e arrastran, e xa arrastraron, a outrora movementos populares á esquina do taboleiro, un feito que o propio Errejón denuncia varias veces nas súas intervencións no programa do deputado catalán.
O risco do proxecto hexemónico radica naquela pornografía das pequenas diferenzas, naquela exhibición performativa e fetichista dos elementos que se consideran agrupadores mais perderon todo o seu poder agrupador. Hoxe, certas bandeiras, símbolos e elementos que antes significaban unha colectividade recoñecida fronte si mesma e fronte o resto hoxe, lamentablemente para algúns, convertíronse en todo o contrario, en elementos de exclusión. Por iso precisan de transformación.
Este fetichismo das pequenas fronteiras é dado a mesturarse cos egos e cos principados particulares dos aparatos políticos. Acaba por condenar ao pozo da historia a movementos como, precisamente, aquel Podemos que menciona Errejón. Nun primeiro intre este partido foi capaz de acoller no seu seo a movementos, individuos e familias con etiqueta ideolóxica, en apariencia, ben distinta á estética que podía suscitar o partido púrpura.
«Os -istas, as bandeiras… Son só instrumentos para un obxectivo», remarca Errejón. E é así, a esquerda e dereita, se queremos empregar estes termos clásicos. Esgotan sobremaneira as maneiras de facer política onde o símbolo é o fetiche excluínte e non o feito popular incluínte. O feito hexemónico é poroso e enchoupa, non se pecha sobre si mesmo. O feito hexemónico coloca a súa marabillosa maquinaria na misión de agregar progresivamente aos etiquetados distintos encol de liñas que non veñen marcadas por un aparello central na súa totalidade, senón que en grande parte son froito da escoita activa, do non mirar cara outro lado.
O feito hexemónico, as ganas de gañar, emerxe sabedor das dinámicas conservadoras, por exemplo, da pulsión política. Coñece tamén a necesidade de transformación constante e asimilación cotiá do que ocorre no exterior para as forzas políticas que queren facelo parte do seu interior. É nesa tensión entre a seguridade e anovar onde mantén o seu equilibro performativo e activo. Abrolla da necesidade de seguridade e certezas en tempos incertos, tamén do recambio e da adaptación progresiva ás demandas democráticas da súa época.
A hexemonía non descansa en cartaces impecables senón en emocións ben fondas; na asimilación das dores, paixóns e desexos dun pobo e dun colectivo que quere traducilos ao seu real, á súa vida particular.
Case de forma automática, os movementos que foron populares e hoxe son fetichistas e refractarios, por alcumalos dalgún xeito, convertiron aquelas pulsións que antes eran transversais e populares en espazos folclorizados, cousificados e case caricaturizados. Nun momento de resaca política, perderon pé, nun exercicio onde están condenados ao mantemento das naves antes de abrir novos horizontes. A estas forzas só lles restan lugares comúns onde a política só se entende como espazo estanco. O perfecto agasallo para o adversario, que quere velos disfrazados, no seu papel predestinado, na visión perpetuadora das canles e vías de poder e descendencia, tradición e aristocracia que aquelas forzas progresistas con aspiración hexemónica prometeron reformar ou rematar no seu comezo.
Estas forzas conformes co espazo pequeno, a esquerda e dereita, escollen, logo, preponderar a imaxe por riba da meta, o onanismo das pequenas diferenzas por riba do sentido hexemónico, están abocadas á esquina do taboleiro.
Un movemento político que aspire á hexemonía non se pode conformar con ser aquela esquina pura, intocable e cómoda coa predisposición do taboleiro. Se queres gañar tes que ir con todo e a por todo. Non te podes conformar cos aplausos gostosos dos teus, tes que seducir ao que ten unha etiqueta ideolóxica distinta á que podes ter ti. Iso implica poñerse fronte o espello. Implica traballar. Tes que dialogar. Tes que negociar e tender as mans para certa cohabitación de entedemento cos outros. Tes que enchouparte e navegar contradicións. Tes que abrirte, facerte indisociable do centro mediador do taboleiro, non unha esquina acomplexada e escura.
Es grande non porque cantes máis alto ou ergas máis alto unha extremidade do corpo cun signo dirixido aos teus. És grande cando a túa voz, imaxe e estética son inseparables da maneira de ver, de abordar á vista do teu país, nación ou pobo. És grande cando és actor imprescindible na ollada antes ca nas urnas, porque se tes o primeiro, se consegues o estrelampo ocular e o aguillón emocional, a lóxica popular e a cohesión de todas as demandas posibles encol dun proxecto, a lóxica democrática completará no seu devalar o resto. Pasoulle aos socialdemócratas en Suecia. Pasoulle a Thatcher e o neoconservadurismo na Inglaterra dos 1970 e 80. Antes diso, unha dediabolización contra os apelativos dos contrarios, hexemónicos antes ca ti.
Iso pasa por coñecer o país no que habitas. Por entender a tradición e a institución na que te insires. Implica saber lela e, en moitos aspectos, respectala para colocarte como continuador dun proceso histórico, social e cívico moito máis amplo ca ti. Pasa por entender a cultura e a lóxica de forzas nas que respiras. Entender, entón, que ningún manual debe seguirse ao dedo.
O feito hexemónico escapa da adulación e da autosatisfacción. Iso é un autoengano, é vivir nunha mentira. O hexemónico camiña pola rúa, escóitaa, navega mil contradicións porque sabe que o real é complexo e non aparece prescrito en ningún manual pontificante. Non ten medo a mancharse desas contradicións na xestión do común. Non ten medo á nova linguaxe. O feito hexemónico asimílase ao país, nación, pobo e construción na que nace porque é herdeira desta e é parte desta para mellorala, para pulila e darlle esplendor. O feito hexemónico non lle ten alerxia ao popular.