Os enfrontamentos entre líderes do PSdeG dánlle osíxeno a Rueda

A Coruña.- A nova directiva do PSOE galego, dirixida por Valentín González Formoso, engadiu leña ao lume da división interna que padece a formación desde que o alcalde das Pontes e presidente da Deputación provincial da Coruña lle gañase as primarias á Secretaría Xeral do partido ao ex portavoz do grupo Gonzalo Caballero.

A semana pasada, a dirección de Formoso filtrou aos medios que abriría expediente ao deputado autonómico Martín Seco, próximo a Caballero, por unha intervención no Parlamento de Galicia na que anunciaba que o seu grupo votaría a favor dunha lei impulsada polo PP por indicación de «a dirección política do partido».

O PSdeG fora moi crítico durante a tramitación parlamentaria desa norma, para a que varios deputados do grupo propuxeran que se adoptase, como moito, unha abstención crítica, que fora a súa posición na comisión que a estudou. Pero todos, incluído Seco, ativéronse ás instrucións que lles transmitía a dirección de Formoso, así que a norma saíu adiante no pleno cos 42 votos do PP e os 14 do PSOE.

Acto seguido, con todo, fontes próximas ao secretario xeral apareceron en varios medios galegos anunciando que Seco sería expedientado porque as súas declaracións desde a tribuna podían «menoscabar a imaxe do partido». Aseguraron mesmo que o deputado se situara «máis fóra que dentro» da formación.

Caballero e González Formoso, tras as primarias

Fontes da contorna de Formoso confirmaron a Luzes-Público que a «decisión política» de abrir procedemento sancionador contra el era «clara» e que se fará efectiva a próxima semana. Engadiron que o que expresou no seu discurso comprometera «a posición do partido» e que no expediente engadiranse ademais outros elementos do «historial» do deputado, que con todo non quixeron especificar.

«Vou enviar unha carta á Comisión Federal de Ética e Garantías do partido para denunciar a situación de indefensión na que me atopo», explica Seco, lamentando «un anuncio de expediente a través dos medios por unha acusación que calquera pode comprobar que é falsa vendo o vídeo da miña intervención». Segundo o deputado, máis aló da súa intención de explicar o por que do sentido do voto socialista, non cuestionou en ningún momento o cambio de posición do grupo.

«Un anuncio do que non teño información ningunha e que se agrava ademais polas declaracións de compañeiros que me dan por expulsado do partido sen ter sequera oportunidade de explicarme nin de defenderme». «Levo militando no PSOE case desde que era neno, síntome vilipendiado e vítima dunha situación injusa e inxustificada», engade.

Pola súa banda, Formoso limitouse a negarse a comentar o asunto: «A cidadanía non está para anécdotas do que ocorre no Parlamento de Galicia, e menos eu», dixo.

Fontes do sector de Caballero seguran que o anuncio de expediente a Seco é «un grave erro», non só porque o entenden como unha acusación falsa e inxusta «que non vai funcionar como ameaza para o resto», senón porque, ao seu xuízo, resulta «contraproducinte» que a propia dirección faga públicas as diferenzas internas «no momento de maior debilidade do PPdeG». «Isto é un balón de osíxeno para Rueda, é como dicirlle aos electores que defendemos o mesmo que o PP e que quen non defendan o mesmo con entusiasmo, están sinaladas», subliñan.

Seco, na sú intervención no Parlamento de Galicia

Cando Formoso accedeu á secretaría xeral do PSdeG -gañou as primarias co 59% do total de votos grazas ao apoio da Coruña e Lugo, aínda que Caballero venceu co 63% e o 56% na Vigo e Ourense- prometeu «coser» o partido e integrar no seu proxecto ao seu rival e aos partidarios deste, e a facerlles partícipes nos procesos de toma de decisións. Con todo, estes opinan que non foi así, e alertan de que, ao contrario, nin sequera se lles informa de decisións aínda que resulten relevantes para o seu traballo órganico ou no Parlamento.

Entre elas citan a recente denuncia de José Manuel Lage Tuñas, tenente de alcalde no Concello da Coruña, que preside Ines Rey, e secretario de Organización de Formoso, que non ten escano no Parlamento de Galicia pero que hai dúas semanas anunciou que o PSdeG solicitaría unha comisión de investigación para aclarar o suposto desvío de 159 dos 418 millóns de euros dos fondos que o Estado transferiu á Xunta durante a emerxencia sanitaria, e que, segundo Lage, non foran destinados a combater o covid.

A denuncia baseábase nun informe do Consello de Contas de Galicia publicado a finais de xullo que non cuestionaba a forma en que a Administración autonómica gastou ese diñeiro, dado que se trataba de partidas non finalistas que as comunidades autónomas podían empregar no que quixesen, e non só na loita contra a epidemia.

José Manuel Lage Tuñas

Fontes coñecedoras do caso aseguraron a este diario que 14 das 17 comunidades españolas que recibiron eses fondos gastáronos en materias non vinculadas directamente á crise sanitaria. De feito, algunhas gobernadas polo PSOE, como Aragón, terían destinado ese diñeiro para amortizar débeda pública.

Desde que Lage anunciou que pediría unha comisión de investigación, Luzes-Público tentou en reiteradas ocasións obter máis detalles sobre a súa denuncia, pero nin a súa contorna nin a dirección de Formoso no PSdeG ofreceron explicación ningunha.

Os críticos co secretario xeral atribúen a Lage boa parte da responsabilidade nalgunhas decisións que, na súa opinión, están a contribuír «a identificar ao PSdeG coa corrupción», despois de que eldiario.es publicase que o soldo do director de comunicación do partido en Galicia, máis de 60.000 euros anuais, se paga con fondos da Deputación da Coruña, onde o seu presidente e líder socialista galego xa ten a un responsable de prensa dedicado en exclusiva ás tarefas informativas dese organismo.

«É unha ilegalidade flagrante que ata podería constituír un delito», afirman.

Tamén lamentan os despedimentos dun traballador e unha traballadora do grupo parlamentario, que os recorreron nos tribunais do Social e que están pendentes de xuízo. «Van gañar porque non eran cargos de confianza vinculados a un cargo político, senón traballadores do Parlamento», conclúen.

 

 

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail