O monte en Galicia ten un problema máis alá do eucalipto e o cambio climático: un proceso acelerado de despoboamento que avanza a un ritmo frenético. E é inflamable. Con cada vez menos xente no rural que coide dos terreos, Galicia arde cada ano mentres as asociacións forestais e ecoloxistas reclaman planificación.
É un domingo de cinza e po. Un 9 de agosto. O camiño de terra, ateigado de fochancas e cunha visibilidade reducida, é a única posibilidade de acceder ao monstro das lapas para evitar que os seus tentáculos logren arrasar as vilas; vilas que acubillan vidas humanas, animais, economía de subsistencia e os derradeiros vestixios da vida rural. Un piloto portugués morreu onte na súa avioneta contra aquel cumio fervente do Xurés, cando trataba de loitar contra o lume. Hoxe, o panorama semella o final dunha batalla, mais o fume que emana do chan arrasado non é de pólvora. É a pegada dun baleiro que condena o rural á desaparición. É unha paisaxe azul, fría, malia o solo que aínda queima.
Tres de cada dez incendios declarados en Galicia prodúcense en superficie arbórea: máis de 700 hectáreas ao ano, segundo os datos da Consellería de Medio Rural recollidos polo Instituto Galego de Estatística. Ourense é a provincia galega máis afectada polos lumes, tanto en zonas rasas como arborescentes. Só este verán producíronse incendios contundentes en Cualedro, Viana do Bolo, Chandrexa de Queixa, Verín, Monterrei ou o Xurés, superando as 1.000 hectáreas só de superficie forestal. Un dato que supera, de lonxe, a cifra anual arbórea queimada que amosan os datos oficiais.
«Xa non hai quen roce e os montes teñen que arder á forza». Falaba así Manuela, veciña de Laioso, na localidade ourensá de Vilar de Santos, nunha reportaxe de El País tras protagonizar a imaxe que logrou reter o foco mediático. De loito e co pano negro na cabeza, viúva dun brigadista dos de toda a vida, aquela octoxenaria internouse no lume para ver que podía salvar. E así, entre o fume, atopárona as cámaras aquel 15 de marzo de 2012. A muller, que hoxe só lembra que ten os anos que pasaron desde que naceu ata hoxe, deu conta fai oito dun problema que vai máis alá do negocio e a plantación de eucaliptos: o despoboamento do rural é aliado da voracidade dos lumes.
Os datos facilitados por Medio Rural amosan unha redución no número de incendios declarados en Galicia dun 57% nos últimos dez anos, «dos máis de 3.800 en 2010 aos menos de 1.700 rexistrados en 2019», e tamén a superficie afectada, «case o 54%», pasando de «case 15.000 hectáreas queimadas en 2010 a menos de 7.000 en 2019». Mais as cifras de despoboamento, que implican o abandono dos montes e o consecuente risco de incendio, son desalentadoras: somos unha das comunidades do Estado que máis poboación perdeu nos últimos vinte anos, un 1,2% desde o ano 2000, e un 3,5% desde 2010.
Cales son as medidas da Xunta para afrontar o problema dos lumes no monte? O executivo afirma que están en marcha medidas de vixilancia como drons con visibilidade nocturna, capaces de detectar tanto vehículos a distancia «mesmo recoñecendo as súas matrículas», como persoas no monte mediante «mecanismos térmicos de gravación». A Consellería engade que estes aparellos xa amosan «resultados positivos», «constitúen un elemento importante de disuasión para os delincuentes que prenden lume» e proporcionan «información moi útil, desde o aire, tanto de día como de noite, sobre a situación e evolución dos lumes».
Medio Rural tamén sinala que a Xunta proxecta iniciativas como a futura Lei de Recuperación e Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia, e outras medidas de xestión como o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, «que persegue, entre outras finalidades, garantir unha xestión forestal activa das masas inscritas»; ademais do Plan Forestal de Galicia, «actualmente en tramitación e que está previsto continuar abordando nos comezos desta lexislatura», que aposta por «un equilibrio entre conservación e produción, sen demonizar ningunha especie». Ademais, na lexislatura que acaba de rematar o Goberno de Núñez Feijóo separou a xestión forestal «propiamente dita» da loita contra os incendios, coa creación de dúas Direccións xerais que funcionan «coordinadas, pero de xeito autónomo». «Desta forma atendemos a unha histórica demanda do sector e optimizamos os recursos, xa que a planificación e ordenación forestal camiña de xeito independente con respecto á defensa do monte fronte ao lume», subliña a Consellería.
Porén, diversas entidades forestais e medioambientais seguen a poñer o foco na falta de planificación forestal actual e no déficit de iniciativas e axudas para a xestión do monte. A Asociación Forestal Galega (AFG) solicita máis apoio para os propietarios dos montes ou que se conte cos afectados polos lumes para a elaboración do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga). A asociación sinala que en Galicia hai 3.000 comunidades de montes, das que só están activas arredor do 33%. Que pasa con esas comunidades abandonadas e sen xestores? «Normalmente están no rural, en lugares que se cadra teñen tres veciños. Na zona de Ourense e Pontevedra, onde houbo unha importante incorporación de poboación ás cidades, segue a haber un problema importante de minifundio cun elevado abandono. Todos estes factores levan á perda do rural e a que un incendio pequeno se converta nun desastre. Un monte ben xestionado e ben traballado non arde», sinala Xosé Covelo, enxeñeiro de montes da AFG e director técnico da oficina da entidade en Ponteareas.
A propiedade do monte é unha cuestión que require atención e unha peza máis no crebacabezas da xestión forestal e os lumes. Neste sentido, Covelo asegura que a prevención dos incendios pasa necesariamente polo apoio ao asociacionismo. «A carga da prevención dos incendios non pode recaer só nos propietarios. Como vai facer todo o necesario un propietario se en moitos casos non se sabe quen é, ou se perdeu a propiedade no catastro? Cómpre colaborar con propietarios, comunidades de montes e asociacións forestais. Nós traballamos con propietarios dinámicos que se preocupan, pero hai outros que aínda non saben que se poden asociar e recibir apoio técnico», explica.
Como fomentar o asociacionismo e, ao mesmo tempo, o regreso de poboación ao rural, para poñer coto aos lumes no monte galego? «Hai que incidir na capitalización do monte e impulsar medidas que o fagan atractivo e sostible para crear riqueza económica e forestal», incide Xosé Covelo, que apoia un modelo de diversificación nun territorio que «ten cabida para todo». «E en cada zona haberá que favorecer o que corresponda a cada zona. Lembremos que a metade da superficie non son zonas arbóreas, senón rasas. Cando se produce un incendio, a cuestión non é só se é ou non é zona eucaliptal: en 2017 arderon moitas frondosas e no Xurés arderon este verán frondosas e rasos. Aí non hai debate de eucalipto, hai falta de xestión», valora. O profesional da AFG opina que a diversificación «é o ideal», pero matiza que «tamén hai que avaliar o mercado de xeito equilibrado para que o propietario poida seguir xestionando de forma adecuada».
Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) concordan en que a problemática dos lumes vai moito máis alá da plantación intensiva de eucalipto e cren que ten moito máis que ver cun modelo social, forestal e económico imperante. «Non é só cuestión de especies, senón de promover un modelo de aproveitamento e desenvolvemento con dinámicas que xeren poboación e que dean madeira, mais tamén froitos, cogomelos, gando e servizos turísticos. Semella que estamos nunha dinámica de eucalipto si, eucalipto non, pero non é así», subliña Fins Eirexas, secretario técnico da asociación ecoloxista.
Pero ADEGA non pasa por alto que o eucalipto, ademais de «converter o monte galego nunha biomasa combustible», é un aliado do cambio climático nun contexto no que os lumes «son cada vez máis intensos e, ademais, desestacionalizados, xa que non só se producen no verán». Tamén sinala o prexuízo medioambiental causado polo monocultivo de eucalipto en Galicia, una especie que, entre outros efectos, «consome moita auga, seca fontes e regos e contribúe ao déficit hídrico do cambio climático». «Non é que o eucalipto dea cartos, é que ademais nolos está quitando», afirma.
«Segundo o Plan Forestal, en Galicia non debería haber máis de 240.000 hectáreas de eucaliptos no ano 2030, mais os inventarios forestais indican que en 2017 había máis de 500.000, máis do dobre das que debería haber dentro dunha década. E oficiosamente xa superan (e a Xunta non o nega) as 600.000 hectáreas. Isto é arredor dun 17% da totalidade do territorio galego (non só do monte)», asegura o secretario técnico de ADEGA, quen critica que o executivo aínda non teña listo un inventario de bosques autóctonos que permita unha planificación eficiente. «Non sabemos cantos hai, como están, onde están… Isto demostra que a Administración non fai cumprir a lei, cremos que de xeito interesado», sentencia.
O feito de que «deseucaliptización» fose escollida palabra do ano 2018 no Portal das Palabras foi para ADEGA unha nova positiva e «unha mostra de que a problemática do eucalipto non só transcendeu á poboación urbana, senón tamén ao mundo rural», e Eirexas observa unha relación estreita entre o impulso da plantación forestal intensiva e o despoboamento: «cando as terras agrarias non son cultivadas chega o eucalipto e preséntase como unha solución: xa que ías sacar unha renda cero do terreo, polo menos saca un pouco». O secretario técnico da asociación ecoloxista cualifica este feito como «un discurso derrotista favorecido polo Goberno do PP desde hai moitos anos». «Venden que a solución son eles, o alugueiro de fincas para a plantación e o mantemento dun terreo que pasado un tempo xerará ingresos. Pero unha plantación de especies autóctonas pode multiplicar os ingresos por 30». Cal é entón a razón do interese polo eucalipto? «A inmediatez. Por iso moita xente do medio rural utilizou o eucalipto e os montes convertéronse en bancos de liquidez rápida», indica.
Un estudo recente, liderado pola USC e publicado na revista Ecosystem Services, conclúe que o fomento de bosques con especies máis resistentes ao lume, como os carballos, como alternativa ao eucalipto e as coníferas, podería ser a mellor solución para combater os incendios forestais. A este respecto, Medio Rural afirma que a Xunta leva «tempo xa afondando no fomento das frondosas autóctonas –sen desprezar o valor ambiental, económico e social de ningunha especie– e tamén desenvolvendo estratexias de xestión do territorio favorables á prevención e defensa fronte aos incendios», e cita medidas como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais, «que se basean na posta en valor e recuperación das terras con vocación agraria na contorna dos núcleos de poboación».
Economía ou negocio?
Que suporía cambiar o modelo de plantación e xestión forestal nos montes galegos? Na opinión de Xosé Covelo, a planificación e a xestión do monte debe ter en conta o dinamismo económico actual ligado ás especies. «Agora mesmo, a industria en Galicia baséase en serradoiros, taboleiros e pasta de papel quen dan ingresos importantes aos propietarios. Non podemos pensar en plantar 500 hectáreas de carballos sen que existan serradoiros de carballo. Para iso ten que haber unha industria que consuma e unha demanda de madeira e, polo tanto, políticas públicas enfocadas aos emprendedores», argumenta Covelo. Os propietarios dos montes galegos rexistran unha facturación anual de 204 millóns de euros, o 36% das coníferas, e o sector xerou 20.320 postos de traballo en 2017, segundo datos da AFG. «Iso permite aos propietarios seguir xestionando o monte», recalca o director técnico.
«Unha plantación de frondosas sen ningún tipo de axuda ten un custo moi elevado para os propietarios: 12.000 ou 15.000 euros, fronte aos 6.000 ou 7.000 dos piñeiros. Mais se fose un gasto potenciado e fomentado pola administración pública si que sería interesante», opina Covelo, que incide na diversificación de especies e aposta por incentivar a plantación de autóctonas, por exemplo, nas zonas protexidas.
Para ADEGA, pola súa banda, o cambio no modelo forestal galego é urxente, xa que «onde hai modelos diferentes ao monocultivo de eucaliptos os lumes teñen menos peso», asegura Fins Eirexas, que pon o acento na elevada inflamabilidade dos eucaliptos fronte a outras especies: «Arden un 3,45% máis frecuentemente que as especies autóctonas e un 1,14% máis que un piñeiral».
Son moitas as voces críticas que acusan a Ence de enriquecerse co eucalipto e os lumes –maioritariamente provocados, segundo os datos da Fiscalía– no monte galego. Fronte á idea estendida de que, en ocasións, son os mesmos propietarios os que prenden lume, Xosé Covelo é contundente: «Ningún propietario forestal queima o seu monte. Se tes unha masa forestal, o que menos queres é queimala porque perdes o seu valor. É tirar pedras contra o teu propio tellado», apunta, e lembra que Ence non merca terreos, senón que «establece convenios de xestión durante 15, 20 ou 30 anos».
ADEGA, pola súa parte, considera que ENCE e o lobby pasteiro-enerxético «son quen ditan realmente a política forestal neste país», algo que Fins Eirexas ve evidenciado no feito de que Carlos del Álamo, conselleiro de Medio Ambiente durante o Goberno de Fraga, e Isabel Tocino, ministra de Medio Ambiente do Goberno de Aznar, formen parte do Consello de Administración da compañía, e que o Goberno de Mariano Rajoy prorrogase a concesión ata 2073. «Igual que fixo coa covid, a Xunta está a expensas de que a política forestal a arranxen os de fóra. E mentres, seguimos ampliando aínda máis a plantación de eucalipto», determina Fins Eirexas.
O punto de vista social, económico e ecolóxico coinciden en que, se o cambio na planificación e a xestión dos montes galegos é posible nos próximos anos, todo pasa necesariamente por atender ao gran problema de despoboamento que asolaga Galicia, unha aposta que debe ser compatible co medio ambiente e coa creación de riqueza. Porque o monte, como todo o vivo, precisa de alguén que o atenda.