A «guerra da mexilla», o vello conflito entre percebeiros e mexilloeiros ameaza con recruar

Os recolledores de percebes vólvense enfrontar cos bateeiros, aos que acusan de esquilmar os bancos de marisco e esnaquizar o ecosistema das rocas para extraer a cría do bivalvo que logo cultivan nas bateas.

A Coruña.- Hai bastante diferenza entre percebes e mexillóns. Primeiro polo seu prezo, obvio, pero tamén porque uns son crustáceos e outros moluscos bivalvos, e porque se crían para a súa explotación comercial de maneiras completamente distintas.

Os percebes extráense directamente das rochas onde nacen e se desenvolven de forma natural, nas zonas batidas polo mar bravo. Os mexillóns, pola contra, cultívanse en bateas, plataformas flotantes das que colgan en enormes cordas que acaban formando piñas nas augas tranquilas do interior das rías. Pero as dúas especies nacen nas mesmas pedras.

Desde hai decenios, percebeiros e bateeiros de Galicia viven enfrontamentos recorrentes polas necesidades produtivas de ambos colectivos. Os primeiros acusan os segundos de esquilmar os seus bancos de percebes cando extraen a cría do mexillón, a minúscula mexilla que se engancha ás rochas xunto cos percebes e o resto da fauna e flora dos rochedos, para sementala despois nas bateas.

Nos últimos anos producíronse numerosos enfrontamentos, e algúns chegaron a ser moi violentos, como recolle este vídeo gravado o ano pasado pola Asociación Ecoloxista Arco da vella. Pero a pasividade da Xunta, á que os percebeiros acusan de que nin controla efectivamente a recolección de semente de mexillón nin a regulou desde fai vinte anos, provocou que o que no país do marisco se coñece como a «guerra da mexilla» siga en marcha sen que se aviste unha solución a curto prazo.

«Sabemos que a Xunta está a traballar nunha orde para regular a extracción de mexilla e que a está negociando cos bateeiros, pero a nós nin sequera nos permitiu acceder ao seu contido. Sabemos por fontes indirectas que a Consellería do Mar non tivo en conta ningunha das nosas demandas, como que se establezan zonas nas que non se lles permita extraela, que se controlen efectivamente as cantidades que recollen e que os obriguen a levar dispositivos electrónicos para garantir que non traballan nas zonas de veda».

Antes e despois da extración de mexillas nos rochedos de percebes.

Fala Miguel Verea, de 47 anos. Estudou Ciencias do Mar e traballou moitos anos nunha empresa de instalación de paneis solares, ata que hai catros fartouse e optou por reciclarse, cambiar de forma de vida e facerse percebeiro. Está adscrito á confraría de Baiona, en cuxa zona, segundo a Consellería do Mar, se agrupa máis do 20% da produción de percebes de Galicia.

Miguel di que é un traballo duro, pero que a orografía do sur de Galicia é moito máis suave que a do norte, máis escarpada, e que iso permite aos da súa confraría traballar en condicións moi complicadas. «Saímos ás rochas mesmo cando hai ondas de seis metros, e iso fainos competitivos porque nas confrarías do norte, nesas condicións, non poden facelo», explica.

Hai seis meses, a confraría de Baiona colgou nas súas redes sociais un vídeo con imaxes dun dron que captaba o antes e o despois do paso dos bateeiros polos cantís de percebes, e as desfeitas causadas polos picos, os sachos e as pas que empregan para arrincar a mexilla das rocas e, con ela, toda a fauna que convive nese ecosistema. Non é o único, porque en Youtube tamén hai outros do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia que mostran que a forma na que se colleita a semente para nada atende ao coidado do ecosistema das rocas.

«A colleita de semente de mexillón faise dunha forma pouco selectiva, arrincando toda a biocenose asociada ao hábitat, en moitas ocasións nas zonas máis sensibles desde o punto de vista da xestión doutros recursos. Esa extracción faise sen ningún tipo de control previo ou posterior, xa que non existe unha avaliación do estado das poboacións explotadas e non hai un seguimento real das biomasas cultivadas en cada zona», denunciaban.

Os percebeiros alegan que a lexislación que ampara a colleita de mexilla, den finais dos anos noventa, está obsoleta, porque mesmo recomenda deixar as rocas limpas de calquera outra especie para facilitar que só se adhira a elas a semente de mexillón e mellorar así a colleita do ano seguinte.

Danos nas rochas pola estracción de mexilla.

«A diferenza da mexilla, a larva do percebe necesita toda esa biocenose para pegarse á rocha e crecer», explica Miguel. «O resultado de tal política é evidente, unha transformación das zonas rochosas desde un hábitat de gran biodiversidade en superficies espidas só aptas para a produción de mexilla», concluía o texto que acompañaba o vídeo da súa confraría.

Os percebeiros e percebeiras, na súa inmemnsa maioría traballadores autónomos, vense desamparados e en situación de debilidade fronte aos bateeiros, moitos dos cales se agruparon ao redor de cooperativas e sociedades mercantís, están mellor organizados e dispoñen do amparo dun Consello Regulador e do apoio da poderosa industria conserveira, que á súa vez conta con pleno respaldo da Xunta.

Os percebeiros e percebeiras vense en situación de debilidade fronte aos bateeiros, agrupados ao redor de cooperativas e sociedades mercantís, mellor organizados e co amparo dun Consello Regulador e a poderosa industria conserveira, que conta con pleno respaldo da Xunta

O fácil acceso por autovía desde a ría de Arousa, onde se concentra boa parte da produción mexilloeira de Galicia, ás zonas percebeiras do sur onde tamén se cría a mexilla, ampliou a fronte dunha guerra que desde finais do século pasado tivo episodios violentos en decenas de localidades de Galicia, desde Baiona, Cangas e A Garda, no sur, ata Cedeira, no norte, pasando pola Illa, en Arousa; Muxía, na Costa da Morte, e mesmo a cidade da Coruña, en cuxos bancos de percebes, situados baixo a Torres de Hércules, se teñen rexistrado enfrontamentos verbais que non chegaron a máis porque foron aplacados pola Garda Civil. O conflito recruou nos últimos anos co incremento da produción mexilloeira.

O pasado 23 de setembro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou un recurso dos bateeiros contra un decreto da Consellería do Mar do ano 2019 que admitía a posibilidade de que nos plans de explotación do percebe, que as confrarías propoñen á Xunta, se puidesen reservar zonas para a extracción de mexilla.

Os mexilloeiros alegaban que iso deixará a colleita da semente en mans dos percebeiros, «en prexuízo dos titulares de establecementos de cultivo de mexillón», que son os facultados para facelo segundo a lexislación dos anos noventa. Os xuíces argumentaron que iso non era así, dado que, a fin de contas, é a Xunta a facultada para aprobar ou non eses plans e modificalos como considere conveniente. O certo é que nin a sentenza nin as leis en vigor parecen contentar a ningunha das partes.

Rochas limpas tras a extracción de mexilla.

Os percebeiros aseguran que ninguén controla efectivamente a cantidade de mexilla que os bateeiros extraen, porque estes «limítanse a enviar un burofax á Consellería do Mar coas cifras» que anotan. Segundo un biólogo coñecedor do caso que preferiu manter o anonimato, a lei permite colleitar 3.500 quilos de semente por cada batea. E en Galicia hai máis de 3.000 bateas, así que iso significaría máis de 10.500 toneladas ao ano de forma legal, cos danos anexos a esa cantidade sobre a produción de percebe.

LuzesPúblico tratou de obter a versión de varias asociacións de bateeiros e do Consello Regulador da DOP, pero ao peche desta información non responderan. Pola súa banda, a Consellería de Mar alega que está en contacto con ambos os sectores para «tratar de chegar a un consenso sobre a ordenación da actividade» e lograr «unha conviviencia pacífica que permita o mantemento e a sustentabilidade de ambas». En canto ao control da extracción e cumprimento da normativa, a Consellería alega que compete «a Gardacostas de Galicia», que depende precisamente da propia Consellaría.

A lei permite colleitar 3.500 quilos de semente por cada batea. E en Galicia hai máis de 3.000 bateas, así que iso significaría máis de 10.500 toneladas ao ano de forma legal, cos danos sobre a produción de percebe

A extracción de mexilla comeza en decembro e termina en abril. E é previsible que o conflito volva estalar se ninguén o remedia. Porque este ano engadíuselle un novo elemento de discordia. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia, co apoio da Xunta e a intermediación da multinacional da certificación Bureau Veritas, iniciou os trámites para obter o selo de calidade do Marine Stewardship Council, organismo independente que concede unha etiqueta ecolóxica de calidade aos produtos da pesca salvaxe que cumpran determinados estándares.

Os percebeiros opóñense porque, alegan, a produción mexilloeira en Galicia non é unha actividade sostible, senón que afecta negativamente o ecosistema mariño pola forma e descontrol co que se extrae a semente de mexillón. Tamén se opón a organización ecoloxista WWF, que se persoou nun proceso que padece de «graves carencias» e dun «pobre desempeño» por parte de Bureau Veritas.

«A magnitude da produción de mexillón en Galicia, xunto coas gravísimas carencias na súa xestión e unha ausencia de seguimento e control por parte da Xunta de Galicia, ameazan o ecosistema de varias rías galegas, especialmente na ría de Arousa onde se produce o 74% do mexillón, así como hábitats do litoral rochoso utilizado para extracción da mexilla destinada ás bateas», asegura WWF.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail