Meu pai, un tigre, unha pedra e un peite psicopompo

Foi meu pai un labrego traballador, sabio e imparable, que cría no poder dunha nube cargada de auga máis que no poder dun Deus ignoto, ao que só lle vin pregar unha vez, ante a inminente morte dunha vaca. Musitou unhas verbas, e logo dixo ante a miña mirada atea e sorprendida: «algo ten que soster o ceio». Pero máis aló desa afirmación nun intre de urxencia, o resto da súa vida rexeuse por dogmas milenarios dun sincretismo relixioso moi próximo á memoria paganizante. Os curas eran o Poder detestado e temido, que obrigaban ao preceuto e convenceran a miña avoa de que debía ter os fillos que Deus lle mandara. E Deus, sempre xeneroso, envioulle dezaseis…

Meu pai non tivo tempo para rosarios nin beaterías, erguíase con noite no tempo da súa mocidade de feirante, para ir mercar bois a lugares remotos, a pé, por corredoiras e montes ata o Courel e ata Pedrafita. Para poder estudar os seus fillos, arou leiros infinitos, apañou miles de culeiros de patacas, rozou toxos e carqueixas, mercou vacas, munguiunas, cebou porcos, botou nabos, arrancou herbascos e durmiu pouco. A artrose retorceu a súa osamenta coma a dun castiñeiro centenario, pero endexamais emitiu unha queixa.

A chapa do tractor aínda loce hoxe cadanseu autocolante dun tigre de Sumatra, en actitude de salto cara adiante, feroz, estendendo as súas garras cara un futuro presente. Meu pai cría que corría máis axudado polos tigres

Mercou, cando eu nacín, un tractor Barreiros, vermello vivo, a súa cor preferida, ben simbólica do seu vitalismo innato. Todo furor, todo enerxía, todo paixón e potencia. A chapa do tractor aínda loce hoxe a cada lado do motor cadanseu autocolante dun tigre de Sumatra, en actitude de salto cara adiante, feroz, estendendo as súas garras cara un futuro presente. Meu pai cría que o seu tractor corría máis axudado polos tigres. Eu sei que a maxia simpática existe e estou segura de que así era: o tractor era o máis veloz da contorna porque ía empurrado por dous tigres de Sumatra e outro tigre autóctono ao volante. Que terían dito Borges, ou Cansinos Asséns, amantes dos felinos, de tal milagre de tigritude labrega… Poesía en estado puro. Poesía en tractor. A outra Poesía.

Pois ben, na fascinación do brillo desoutra poesía tamén viviu meu pai, amando as pedras de seixo, brancas, que buscou su os valos de toda a parroquia de Castroncelos, para adornar a parede da nosa aira, onde construíu a casa nova que agora, sen el, seguimos habitando. Moitas tardes aparecía co remolque do tractor cargado con aquelas pedras, traídas en segredo de algures e de ningures, que non se sabe…

Vivimos rodeados dun círculo branquísimo de seixos que coroan a parede circundante da casa. Eu non sabía aínda que o seixo fora desde tempos remotos na nosa cultura un elemento profiláctico e psicopompo, cunha función non só ornamental senón protectora e que conecta o mundo dos vivos co alén.

O seixo brilla no cume dos tellados das nosas vivendas poñendo o ramo e protexendo contra o raio, brilla xa nos castros e marcando coma fitos e marcos os lindes dos eidos desde tempos inmemoriais. Mais, sen eu saber das propiedades psicopompas do seixo, o día en que finou meu pai, collín da nosa parede un fragmento da súa branca poesía pétrea e metinlla no peto do traxe. Unha pedra, e un peite co que el peiteaba os seus mouros cabelos ondulados, catro veces ao día, mesmo antes de se deitar. Foi un home guapo, ata o final. Tampouco eu sabía cando a carón da pedra lle metín no peto do seu derradeiro traxe o seu peite, que era este tamén un elemento psicopompo. E por iso a Virxe se peitea cun peite de prata fina, e por iso as nosas mouras saen ás fontes e aos camiños peiteando os seus cabelos ou teñen entre os seus tesouros extraordinarios peites de ouro… O brillo da beleza. O brillo da riqueza.

Meu pai non o sabía, pero intuíuno. Eu intuíao e acabei sabéndoo. Así actúa a poesía verdadeira e profunda, que non se le máis que a través de signos cuxo fulgor percibimos só en estado de graza, que é o único estado no que creo.

Un ano despois do pasamento do meu pai, a miña filla e mais eu fomos acariñar con amor o Tigre do tractor, para que o arco de cromosomas de avó a neta brille coa espléndida luz dunha pedra de seixo.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail