Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Os gardas civís da foto descoñecen un dato que para o caso é irrelevante: o home que están a desaloxar, activista da Plataforma Sarriana polo Río, é un antigo compañeiro. José Antonio Iglesias, monfortino de 67 anos, traballaba de axente de tráfico en Arganda o 23 de febreiro de 1981. O día que o levaron a Madrid para asaltar o Congreso ás ordes de Tejero e actuou, sen querelo, de secundario de luxo naquela película. Foi os ollos e os oídos do ministro Rosón, outro lugués, durante o secuestro.
Sarria, 25/03/2014, 11:10. Sarria amenceu tomada pola Garda Civil. A Plataforma Sarriana polo Río leva un mes acampada na illa do Malecón para opoñerse a un plan de encanamento fluvial que inclúe a destrución de patrimonio histórico e arborado. A Confederación Hidrográfica anunciara o día antes a aceptación de varias demandas da Plataforma. Os activistas ían levantar o campamento en poucos días. Pero non lles dan tempo. Medio cento de gardas rodea a área de obras e saca os acampados á forza. A presenza de veciños indignados eleva a tensión. O xubilado José Antonio Iglesias, o primeiro en se encadear ás árbores no inicio da acampada, é dos últimos en ser desaloxado.
Madrid, 23/02/81, 18:25. O axente de tráfico José Antonio Iglesias, destinado no cuartel de Arganda del Rey (Madrid), corre cara á porta de entrada do Congreso dos Deputados. Só leva outro garda por diante; ao mirarlle a manga, descobre o distintivo de tenente coronel. Iglesias entra de segundo detrás de Antonio Tejero. Á mañá seguinte, será o último en saír. [Chegar en cabeza e resistir ata o final pode ser indicativo dun carácter teimudo e por veces impetuoso. Días antes desta entrevista, pregunteille a Iglesias cales eran as súas ideas en 1981. Quería saber se hai un arco evolutivo entre o golpista de onte e o activista de hoxe. «Pensaba o mesmo que penso agora», dixo. Logo non hai arco evolutivo, hai unha liña. A diferenza é que ao Malecón de Sarria foi por vontade propia].
Arganda del Rey, 23/02/81, 16:30. O garda Iglesias rematou o servizo ás seis da mañá. Vai dedicar o día de descanso a estudar; cursa BUP no nocturno e ten entre mans un comentario de texto de Pío Baroja. A muller marchou de compras. O cativo está no colexio. E xusto agora veñen dicirlle que hai que ir a Madrid. Iglesias e sete compañeiros soben a dous Seat Ritmo cunha papeleta de servizo. Pero ninguén sabe cal é o servizo; só que teñen que ir ao parque móbil da Benemérita en Príncipe de Vergara. «Chegamos alí e aquilo parecía un mercado persa. Un desmadre da hostia», lembra José Antonio.
Lugo, 1976. Un Iglesias de pelo longo, pantalón de campá e botas de tacón preséntase para a proba de ingreso na Garda Civil. El é un fillo do Corpo, o seu pai cruzou Galicia de cuartel en cuartel: A Mariña, Sarria, A Cañiza… «A min, no fondo, o tema non me tiraba; se non, tería ido antes», admite. Ten 26 anos e leva oito emigrado no Reino Unido.
Londres, 05/07/69. Tres días e dúas noites de espera, resistindo a base de xeados, para conseguir entrar en Hyde Park. Os Rolling Stones en concerto, nada menos; cando non hai unha semana que Brian Jones, guitarrista da banda, apareceu afogado na súa piscina. Iglesias está en primeira liña, rodeado de 500.000 persoas. «Mick Taylor substituíu a Jones. O concerto máis grandioso que vin na vida», lembra. Ama o rock. Pero nunca deu aprendido na guitarra «máis de tres acordes». En Inglaterra, entre os 18 e os 26 anos, fregou pratos en hoteis e foi celador en hospitais. Fixo de mordomo para un psiquiatra nunha granxa do condado de Essex, «onde escoitaba discos dos Beatles e me emborrachaba con sherry mentres limpaba o po». Traballou de camareiro nun club de alterne de luxo, facendo cócteles, en hoteis… A Inglaterra levou a Carmen, a súa moza, despois de casaren en 1970. En Inglaterra naceu o seu único fillo.
Congreso dos Deputados, 23/02/81. Os gardas civís invaden o corredor de entrada. Iglesias escoita unha ráfaga de ametralladora. «Os primeiros disparos non foron na Cámara, isto nunca se dixo», advirte. «Eu metinme no váter a fumar un pito. Cando entrei no hemiciclo, Tejero estaba a subir á tribuna». No famoso vídeo de TVE , Iglesias é o garda fraco de anorak situado ao pé do estrado. O que, nun determinado momento, quita o anorak e mete por dentro os cargadores da metralleta. Está moi nervioso, sobe e baixa polas escaleiras varias veces. Axiña ve o becerrense Juan José Rosón, ministro de Interior en funcións, lucindo traxe claro na primeira bancada. «Coñecía o seu irmán Luis, o xeneral interventor do Exército de Terra. Estivera con el dous días antes. Ofreceume recomendación para o cuartel de Sarria, pero eu díxenlle que estaba ben en Madrid». Iglesias non coñece o ministro en persoa, pero achégase: «Manda carallo, dónde nos vamos a ver usted y yo».
Arganda del Rey, 1978-1981. O destino de Tráfico en Arganda era máis entretido que as vilas asturianas onde Iglesias servira antes. Patrullas nun radio de 70 quilómetros, co poboado chabolista de El Pozo como punto quente. Coches roubados, chorizos. Unha mañá desmantelaron un grupo de información do Grapo nun bar próximo ao cuartel. José Antonio lembra «un ambiente de compañeirismo moi bo». Son os anos de chumbo da ETA; os gardas caen como moscas. Moitos van destinados a Euskadi nada máis saír da Academia, mozos solteiros que cobran un bo plus e ás veces descoidan a seguridade. Iglesias, como o resto dos compañeiros, mira o rosario de mortes cunha mestura de carraxe e impotencia: «Tiñas a sensación de ser un kleenex. Os xefes nosos xa nin tiñan collóns de ir aos enterros dos asasinados».
Madrid, 23.02.81, 17:30. Cando o xefe de sector de Tráfico, Luis Abad, arengou os gardas que se amoreaban no parque móbil, cando dixo que a situación era «insufrible», todos se identificaron co discurso. Pero subiron aos autobuses e seguían sen saber onde ían. «Ou se cadra algúns si», especula Iglesias. «Vin compañeiros coa bandeira de España no cargador, era raro. E cando escoitamos pola radio do bus a Carrillo, un dixo: ‘Te vamos a afeitar en seco’».
Congreso dos Deputados, 23/03/81, atardecer. «Esto es un golpe de estado. Yo me quería ir de aquí», murmúralle Rosón a ese garda que se acababa de identificar como amigo do seu irmán. «Usted verá», replica Iglesias, nervioso. A prudencia máis ben aconsella estar quieto. Iglesias vaille buscar ao ministro dous paquetes de Marlboro. «Todo o tempo me movín como me deu a gana», relata. «Saín fóra, quería ver o que había para contarllo a Rosón. Vin moitos gardas que coñecía, e algúns pedíronme que non contara que estaban alí. Discutín cun tenente coronel, díxenlle: ‘Yo estoy ahí dentro y ustedes, a dos aguas: si sale bien, entran y si no, se quedan’».
Monforte-Sarria, anos 60. «Sempre fun un bala. Nacín en Sindrán, Monforte. Aos dez anos matriculáronme nos Escolapios. Logo destinaron a meu pai ao cuartel de Sarria e alí empecei o bacharelato. Pero era mal estudante. Creo que meu pai levou unha alegría cando decidín entrar na Garda Civil. O pobre morreu con 59 anos, atropelado por un camión na Cañiza». Neste punto, Iglesias ten que calar e conter as bágoas.
Congreso e arredores, 23/02/81, noite. Iglesias asomouse á entrada do Hotel Palace, eran aínda as nove da noite e «todo estaba tranquilo». Chamou a muller dende unha cabina. Voltou ao hemiciclo. Xa tivera ocasión de saudar o deputado sarriao Antonio Díaz Fuentes; tampouco se coñecían en persoa, pero Iglesias identificouse como paisano e ofreceuse a axudalo. Non ían falar máis en toda a noite. Volveu tranquilizar a Rosón: «Mejor deje que transcurra el tiempo. Mis compañeros y yo no estamos por esto». Rosón fumaba coma un carreteiro. Iglesias tamén. «Non comín nin bebín, só fumaba os meus winston de batea». Entrou na sala dos reloxos e viu confinados a Felipe, Guerra, Carrillo, Gutiérrez Mellado e Rodríguez Sahagún. «Carrillo e Gutiérrez eran os máis enteiros», lembra. Un sarxento achegouse a Tejero: «Mi teniente coronel, quiero pegarle un tiro a Carrillo». «Pues pégaselo», dixo Tejero. Pero Iglesias e outro compañeiro agarraron o sarxento e sentárono nas escaleiras. Tiveron que tranquilizalo cando se puxo a chorar.
Madrid-Valdemoro, 24/02/81, mañá. Ás sete e media da mañá, Luis Abad, o xefe de Iglesias, certifica que todo acabou. «A veces se pierde», dixo. Iglesias dálle a man a Tejero —«Era o meu superior alí»—. Despídese de Rosón —no sucesivo, o seu protector—. Os gardas que saen do Congreso volven subir a varios autobuses. «Non sabían que facer con nós», relata José Antonio. «Leváronnos a un colexio de Valdemoro, e ao chegar deume unha lipotimia e desmaieime a consecuencia da presión». Pasaron alí unha semana, illados dos medios. Pero podían ir á piscina e recibir visitas de familiares. De volta a Arganda, bota dous meses retirado do servizo e sen saír da casa. Obsesiónao a desaparición da orde que o levou a Madrid. «Tíñaa un que saltou pola fiestra cando saímos do Congreso», asegura. Irrítao a obediencia debida que impide os gardas ser responsables dos seus feitos. Vanlle ofrecer o ascenso a cabo; pero non lle interesa. Son meses incómodos. «A miña vida de garda empezou a ir mal, estaba doído cos xefes», resume.
En maio do 82 deixa o corpo, despois de romper dun golpe a culata do fusil en reacción a unha orde que lle parece insensata. «Querían corrixirme. E a min non me corrixen». Madrid-Ourense, anos 80. Juan José Rosón nunca esqueceu a Iglesias. Nos 80, o ex-ministro está na presidencia de Sintel, a empresa de montaxe de telefonía participada por Telefónica. José Antonio entra da súa man a traballar na compañía, primeiro en Madrid como chofer de directivos, máis tarde no departamento administrativo en Ourense. En Ourense pon en marcha a sección sindical da UXT, será delegado sindical —«O primeiro da UXT en Galicia»— e membro do comité intercentros da empresa. Madrid, 2000. Sintel está privatizada e en creba. Vendida no 96 ao magnate cubanoamericano Mas Canosa, perdeu as contratas de Telefónica e puxo en marcha un ERE brutal. Os traballadores acampan seis meses en Madrid, no Paseo de la Castellana, para reclamar recolocacións en Telefónica e subsidiarias. Iglesias tamén. A solidariedade, dende os veciños do barrio a colectivos internacionais, faise patente. «Un mes e medio máis e teriamos conseguido o que queriamos», lamenta. «Levantado o campamento, non se cumpriron os compromisos. Houbo 14 mortos, entre infartos e algunha especie de suicidio (sic). Só conseguimos as prexubilacións». José Antonio vese xubilado aos 50. «Leveino mal, e por riba coincidiu que me saquei de fumar. Estaba todo o tempo de mal humor».
Documental El efecto Iguazú, sobre a acampada de Sintel
Sarria, 2013. En Sarria reclámase un plan de encanamento do río dende as grandes inundacións do 2000. As obras inícianse por fin no 2013. Pero a primeira fase afecta a unha área urbana de 300 metros, o Malecón, que non é precisamente un punto crítico de enchentes. O proxecto contempla tallar 178 árbores, destruír unha illa natural, reemprazar dúas pontes en bo estado, afectar unha terceira de orixe medieval. Case sete millóns de orzamento, entre obras e expropiacións, só para esta fase. A Plataforma polo Río Sarria naceu a finais de 2012. Proclaman que o plan, tal e como está redactado, non resolverá as inundacións. Lembran que os máximos históricos de enchentes están augas arriba e augas abaixo do Malecón. Denuncian que a actuación en curso destrúe patrimonio histórico e natural e dilapida fondos públicos. José Antonio Iglesias, agora veciño de Sarria, únese á plataforma ao pouco de constituírse. Pasa o mes de marzo nun acampamento da illa do Malecón, con rapaces que case podían ser os seus netos. «Fun botar unha man co que eu sei, coa miña traxectoria sindical», explica. «E atopei uns mozos cunha capacidade de traballo da hostia». A Confederación Hidrográfica, vista a mobilización veciñal, asegura que respectará o arborado e a ponte medieval. Pero o compromiso queda no verbal, o resto das obras continúa unha vez desmantelado o acampamento de protesta. Non se abre un diálogo para a modificación global do proxecto. A plataforma segue activa, quere a retirada do plan tal e como está concibido. Salvar tamén as pontes. Que os cartos, aínda que veñan de Europa —80% do orzamento—, non se malgasten.
Epílogo sarriao. Iglesias vive en Sarria dende o 2005. Segue indo a miúdo a Monforte, onde conserva a casa e as terras da familia. «Limpo as fincas de Sindrán. Teño unha horta. Cabréome cos veciños. Converso. Os venres saio de copas e póñome algo contento», resume. Defínese como persoa de esquerdas. Di que é «republicano 100%». Cre que a Plataforma polo Río, pase o que pase no futuro, significou algo en Sarria, onde nunca se vivira un movemento cívico deste calado. «Fermosa vila», reflexiona. «Fodeuse polo tema urbanístico, e iso ao mellor foi culpa de todos. Pero agora abrollou unha flor. E valeu a pena. No sucesivo, o poder que veña terá que pensar dúas veces o que fai».
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán