Nós non estamos de acordo

«Como está a cousa?». Semella unha pregunta de circunstancias, moi coloquial, un xeito de saúdo, sen máis. En boca de Frank Sheeran, o sicario protagonista de The Irishman, de Scorsese, unha obra cimeira do cinema da mafia, o que iso significaba é que o interpelado recibía un último aviso. A pregunta non agardaba resposta. Só acatamento. A cousa estaba fodida. Moi fodida. Pero aínda así, a entoación interrogativa dáballe un aire eufemístico ao fatídico ultimato. Aínda daba para unha retranca.

Na atmosfera de «guerra» cultura e política na que vivimos xa non hai preguntas. Por non preguntar, nin se pregunta que como está a cousa. Só hai ultimatos. Os titulares son ultimatos. As noticias urxentes son urxentes ultimatos. Os discursos adoitan ser arengas. Mesmo a Ofrenda do presidente da Xunta ao Apóstolo tivo un ton apodíctico, de bullying semántico.  Só lle faltou berrar  «¡Santiago y cierra España!», lema ao que xa por certo  respondeu Sancho en Don Quixote cunha boa retranca: «¿Está por ventura España abierta y de modo que es menester cerrarla, o qué ceremonia es esta?».

O Trump podía coller o teléfono e preguntarlle ao Netayanhu: «Que, Benxamín, como está a cousa?». Ou mellor aínda, que chamara Robert de Niro, coa voz de Frank «O Irlandés», a ver se así entendía. Pero non, Trump chama a todo o mundo para reprender e roñar, agás a ese colega en busca e captura por orde da Corte Penal Internacional como presunto responsábel de crimes como o uso da fame como arma de guerra e outros moitos «actos inhumanos». E podía pararlle os pés cun asubío!

A Internacional Ultra espalla o modelo da política AMM (Artes Marciais Mixtas), que se adoita exercer metaforicamente sen os límites deportivos: pódense meter os dedos nos tres ollos sen sanción. Brutalidade precedida da agresividade anal, escatolóxica, de emporcar, difamar e deshumanizar a quen se quere abater.  Ese é o eixo da internacional trumpista, que cada vez destina máis Axente Laranxa, potente defoliador, á «guerra» cultural e política en Europa. Trátase de deconstruír todo o que Europa podía significar de «mal exemplo» ao mundo: dereitos civís, benestar social e terra de asilo. Unha nova fase do traballo de demolición que iniciara o thatcherismo, e que conta esta vez co colaboracionismo agresivo dos pións internos. Cada país ten o seu Vichy e os seus Petains. España, tamén. Na política española o modelo non é precisamente o fútbol feminino. Todo é Marcial Mix, con moitos candidatos a ser o Ilia Topuria, alias O Matador, do hemiciclo.  Xa hai tempo que desapareceron os eufemismos. O único humor nese escenario é o propio do Movemento Pánico, con discursos de intención tumefacta.

Nós non estamos de acordo.

A suma de despotismo, de depredación acelerada, co pavillón Fósil de bandeira outra vez no mastro enerxético. A suma de todos os negacionismos. O negacionismo do cambio climático, da violencia de xénero, da diversidade cultural, do holocausto e da memoria histórica. A propagación incendiaria do racismo como unha panca política de pirómanos supremacistas, que só procuran ocupar a xerarquía no inferno que traen. O engulir  gran parte das dereitas, como as «violetas de marzo» na Alemaña de 1933, pola antropofaxia ultra, deixando á intemperie o valor da compaixón. O que máis doe da inhumanidade é que é unha obra humana. A razón que ten o filósofo Santiago Alba Rico: «O capitalismo sería unha sistema perfecto, de non existiren os seres humanos».

Como está a cousa? A cousa está mal. As cousas están mal. Pero nós non estamos de acordo.

Hai unha constelación de xentes e de pobos que non está de acordo. A Declaración Universal dos Dereitos Humanos é hoxe un texto máis revolucionario que nunca.

Gran parte dos mandatarios do mundo, e os seus asociados dese híbrido que é hoxe o Tecnofeudalismo e a Industria do Armamento, non aturarían a lectura íntegra desa Declaración. Mesmo algúns confundiríana co prospecto da aspirina.

A nosa confianza básica está aí. Nesa letra universal que acolle todas as músicas. «Cantar, danzar e vivir a experiencia máxica de soerguer o ceo é común en moitas tradicións», escribiu Ailton Krenak, un loitador e escritor amazónico, o autor de Ideias para adiar o fin do mundo.

As cousas van mal. Nós non estamos de acordo.

Carl Schmitt, o kronjurist nazi, que volve a estar no top reaccionario, escribiu esta sentenza: «A historia do mundo comezou cun crime». Pois imos levarlle a contraria e cantar e danzar en honor a Mnemósine, a deusa da memoria e nai das musas da poesía, a música e a danza, e da man de Eva, a que se rebelou contra a prohibición de comer o froito da árbore do coñecemento. Relato contra relato, con ela naceu a liberdade e o marabilloso pecado de gozar da vida.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail