A Coruña.- Os gobernos da Comunidade e do Concello de Madrid que dirixen respectivamente Isabel Díaz Ayuso e José Luis Martínez Almeida multiplicaron as adxudicacións ao Grupo Eulen, a empresa da que é directiva a irmá pequena de Alberto Núñez Feijóo, a partir da data na que este accedeu á presidencia do Partido Popular en abril de 2022.
Esta información engádese á investigación de Luzes-Público que desvelou que os presidentes da Comunidad de Madrid, da Junta de Andalucía —Juan Manuel Moreno Bonilla— e do Goberno da Región de Murcia —Fernando López Miras— elevaron o volume de contratacións coa sociedade onde é directiva Micaela Núñez Feijóo desde que accederon aos seus respectivos cargos.
Seguen así a mesma tendencia que o propio Feijóo e o seu sucesor na Xunta, Alfonso Rueda, executaron en Galicia desde hai 15 anos.
Micaela Núñez Feijóo empezou a traballar en Eulen en xullo de 2003, poucos meses despois de que Manuel Fraga designara o seu irmán como conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas da Xunta. Tras dirixir a delegación da empresa en Vigo e na provincia de Pontevedra, foi nomeada directora rexional para Galicia e ascendida á dirección do grupo para o noroeste de España xusto ao ano seguinte de que a compañía rexistrara o seu récord de adxudicacións coa Administración galega.
Más de 54 millóns de euros en Galicia desde 2009
Desde 2009, cando Feijóo gañou a súa primeira maioría absoluta en Galicia, foron máis de 54 millóns de euros en adxudicacións, moitas delas con indicios de que a empresa recibiu trato de favor ou contaba con información privilexiada sobre as súas competidoras. Nalgúns casos, as adxudicacións coincidiron con nomeamentos e cesamentos a dedo de altos cargos da Xunta. Deses 54 millóns, máis de 17 corresponden aos dous anos e dous meses de Alfonso Rueda á fronte do Executivo autonómico.
A Administración galega tamén beneficiou con preto de 20 millóns de euros en adxudicacións á empresa da que é directivo o cuñado de Feijóo, Ignacio Cárdenas.
Só nos 28 meses que Feijóo leva á fronte do seu partido, a empresa da que a súa irmá é directiva recibiu da Comunidad de Madrid case catro veces máis adxudicacións que nos seis anos anteriores
Na Comunidad de Madrid, Eulen pasou de contratar menos de 600.000 euros coas administracións dirixidas por Ángel Garrido, Pedro Rollán e Cristina Cifuentes, entre 2015 e o verán de 2019, a 15,6 millóns desde que Ayuso foi investida en agosto dese último ano. Más do 80% desa cantidade, 12,5 millóns de euros, corresponde a contratos asinados despois de que Feijóo fora designado presidente do PP o 2 de abril de 2022.
Só nos 28 meses que Feijóo leva á fronte do seu partido, a empresa da que a súa irmá é directiva recibiu da Comunidad de Madrid case catro veces máis adxudicacións que nos seis anos anteriores.
Grandes contratos co Canal de Isabel II
O groso dese montante correspóndese con dous contratos gañados por Eulen Seguridad en senllos concursos convocados polo Canal de Isabel II, a empresa pública encargada da xestión da auga adscrita á Consellería de Medio Ambiente, por valor de 10,3 e 2,11 millóns, respectivamente. As adxudicacións foron asinadas en maio deste ano e en xuño do pasado.
A esas cantidades súmanse outros 98.216 euros asignados a Eulen SA mediante dous contratos menores da Vicepresidencia e Consellería de Educación e Universidades, e outros dous da Consellería de Familia, Mocidade e Asuntos Sociais; á parte de 16.418 euros para Eulen Servizos Sociosanitarios noutras nove licitacións menores, na súa maioría da Consellería de Sanidade.
En canto ao Concello de Madrid, asignou ás firmas da empresa onde Micaela Núñez Feijóo é directiva máis de 55 millóns de euros desde que José Luis Martínez-Almeida ocupa a Alcaldía da cidade. Unha cantidade inferior ás adxudicacións baixo a Administración de Manuel Carmena —83,4 millóns—, pero que creceron sobre todo desde que Feijóo chegou á capital do Estado para presidir o PP.
Entre 2019 e 2022, o ano do ascenso do expresidente da Xunta ao liderado do partido, Eulen recibiu do Concello de Almeida 24,9 millóns, unha media de 8,8 millóns ao ano. Entre 2022 e 2023 —o Consistorio non publicou aínda as adxudicacións de 2024— foron 30,45 millóns, é dicir, máis de 15 millóns por exercicio.
Sen resposta
Luzes-Público dirixiuse ao Concello e á Comunidad de Madrid para obter unha valoración de ambas administracións, pero á hora na que se terminou de escribir este artigo non recibira resposta de ningunha delas.
Tras a publicación a semana pasada que desvelaba que o Goberno autonómico multiplicara as adxudicacións a Eulen tras a chegada ao poder de Isabel Díaz Ayuso, o gabinete da Presidencia indicou mediante un correo electrónico que «os contratos con todas as empresas que traballan coa Administración rexional madrileña están suxeitos a licitacións públicas».
Luzes-Público tamén contactou con Eulen para obter a súa versión dos feitos, pero a dirección da empresa declinou ofrecela.