Escatoloxía ou ecofascismo

Nalgún momento indeterminado entre finais dos anos sesenta e 1980 tivo lugar «a fin do mundo». A «loita final», catarse definitiva na que se debía dirimir o destino do xénero humano, rematou na derrota dos protagonistas que na sua contenda facían avanzar a Historia. Na resolución da loita final, porén, a humanidade foi privada do radiante avir que prometían desde o século anterior as ideoloxías do suxeito proletario. As dúas clases antagónicas saíron perdendo nunha metamorfose definitiva. Nin burgueses, nin proletarios; beneficiarios dos automatismos capitalistas e continxencia da vida precaria no horizonte da extinción. Así de cru está o panorama.

A dura realidade dos feitos é tan simple de observar como difícil de admitir: quedamos sen mundo. Destruímolo de xeito irreversíbel. Un par de datos abondan. O primeiro: segundo o Índice de Planeta Vivo (WWF), desde 1970 as poboacións de vertebrados reducíronse nun 68%. O segundo: en base a datos da Global Footprint Network, en 2022, serían necesarios 1,75 planetas para soster o capitalismo. Nada parece indicar que a tendencia se reverta. A pandemia mundial de 2020, froito dunha zoonose, foi o primeiro aviso do que está por vir…., se nada muda no inmediato. E non, non semella que polo de agora ren estea por mudar.

Se é máis difícil imaxinar a fin do capitalismo é porque, cando menos, aínda entra dentro do posíbel.

A nosa existencia hoxe é máis espectral que efectiva. Se a tendencia persiste, extinguirémonos máis cedo que tarde. Por iso o adagio atribuído a Fredric Jameson e Slavoj Zizek fai fortuna hoxe nos textos de Mark Fisher: «é máis fácil imaxinar a fin do mundo que a fin do capitalismo». Mais non por ironía ou paradoxo, senón como literalidade no marco dunha pragmática diferente. Explícome: no horizonte escatolóxico da fin efectiva do mundo, as súas palabras mudan de sentido. Se resulta máis doado imaxinar a fin do «mundo» é porque o mundo como tal –un concepto que require dunha autorreproducción sostíbel e adaptativa– xa non existe. Se é máis difícil imaxinar a fin do capitalismo é porque, cando menos, aínda entra dentro do posíbel. A hexemonía, ao cabo, exércese onde hai unha posibilidade de cambio, e non na fatalidade.

Escatoloxía, pois: consumación dos tempos e da historia. Unha vez rematada a «loita final», pódese dar por realizada a fin do mundo. Atopámonos daquela nun «posmundo» no que só quedan dúas opcións. Por unha banda podemos asistir á fin da democracia liberal e conseguinte instauración de réximes ecofascistas. Nestas transicións que xa avanzan, as oligarquías globais non vacilarán en tirar para adiante as políticas de exterminio (guerras e xenocidios, esgotamento de recursos vitais, etc.) que sexan precisas con tal de manter a súa pulsión tanática (e suicidaria). Un dato máis: segundo Oxfam Intermón, o 1% máis rico contamina tanto coma os 5.000 millóns máis pobres. Non resulta difícil entender quen adoptou a razón cínica e non pensa noutra cousa ca en vivir a fin do mundo en primeira do Titanic.

Cada día menguan os recursos naturais cos que xerar un mundo aproveitando a potencia esmorecente daqueloutro que perdemos. Pero non é cousa de rexeneralo, senón de criar un novo.

Da outra banda, derrotar o capitalismo converteuse nun imperativo para a supervivencia da nosa especie e de tantas outras expostas ao ecocidio, cando non víctimas del. O pesimismo da razón sinala que o posmundo que habitamos se desenvolve nun tempo de desconto e un horizonte de esgotamento exponencial das posibilidades de sobrevivir. Cada día menguan a biodiversidade, os recursos naturais, as bases materiais coas que xerar un mundo aproveitando a potencia esmorecente daqueloutro que perdemos e non voltará. Non é cousa de rexenerar coma se fose cousa de restaurar unha orixe prístina. A cuestión é criar un mundo.

E isto precisa primeiro de asumir o que aparenta ser inasumíbel: só temos vestixios para comezar. A certeza dun baleiro por encher. Ao cabo, no posmundo é máis doado criar un mundo destruíndo o capitalismo que resucitar o mundo que foi co propio capitalismo. A derrota do ecofascismo que ameaza con acelerar a extinción pasa por pensar en termos escatolóxicos un presente no que deixar atrás o posmundo para comezar unha política desde, por e para a Terra.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail