Xosé Manuel Castro, alcalde de Os Blancos, un pobo de 750 habitantes, ordena desaloxar o edificio que cedeu a un colectivo de artistas novos que se negaron a publicitar unha subvención de 2.000 euros que lles deu a Deputación de Ourense
A Coruña.- O Concello dos Blancos, na provincia de Ourense, acaba de aprobar a rescisión do contrato de cesión dun edificio municipal ao colectivo Espazo Matrioska, un grupo de artistas novos que desde hai sete anos desenvolven un proxecto cultural que puxo á pequena localidade no mapa das iniciativas independentes dese tipo no Estado. Segundo insinuou no último pleno o alcalde da localidade, Xosé Manuel Castro, do PP, o motivo é o suposto desaire que lle fixeron ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.
Os Blancos é un municipio da comarca da Limia, no extremo sur da Galicia interior, que chegou a ter máis de 3.000 habitantes nos anos cincuenta do século pasado. Hoxe a poboación non pasa de 755 persoas, das que máis da metade teñen máis de 64 anos e só 33 son menores de dezaséis. Os Blancos está entre os municipios máis envellecidos e menos poboados do país, pero nos últimos anos tivo unha azarosa vida mediática.
No 2017, o Concello pediu ser intervido porque tras anos de nefasta xestión, que incluíron a un alcade do PP encarcerado por roubar diñeiro das contas municipais, estaba arruinado e endebedado. De feito chegou a ser o máis moroso de España e con máis demora no pago a provedores. Entre os proxectos que contribuíron a cavar ese buraco financeiro estaba o Concello Novo, un edificio que ía para albergar a sede do Goberno local e que se empezou, pero nunca se terminou de construír.
Hai sete anos, o grupo de artistas do Espazo Matrioska, dedicado á mediación, xestión e creación no ámbito cultural, fixouse nos Blancos e decidiu establecer alí un punto de encontro e intercambio para artistas. O Concello cedeulles o Concello Novo, abandonado e en desuso, e eles restaurárono e reacondicionarono para crear talleres de escultura, pintura, serigrafía, gravado e fotografía, con zonas comúns e de traballo persoal. Organizaron residencias e estadías para artistas e un festival multidiscplinar, o Raíña Loba, que na súa última edición atraeu a máis de 4.000 persoas.
«O proxecto inclúe a interacción e a relación cos veciños, e a quen convidamos ás residencias artísticas pedímoslles que fagan algo relacionado co lugar. Fixemos cinema, talleres para nenos, pinturas nas casas dos veciños…», relatan David Segade, de 26 anos e natural de Cambre, na Coruña, e Bruno Alonso Ruíz, burgalés de trinta.
Cando se lles pregunta se nos Blancos hai outras inciativas ou perspectivas de futuro máis aló das que a que lle deu Matrioska, responden que os únicos espazos con algún parecido son os catro bares do municipio.
David e Bruno levan varios anos implicados no proxecto e non entenden por que o alcalde decidiu rebentar unha iniciativa que os veciños aprecian e valoran, porque saben que vai nela a vida do pobo. O mesmo xoves chegoulles unha notificación municipal instándolles a que deixen o edificio en quince días. Tras falar pola mañá co rexedor, «entre berros», aseguran, lograron que lles ampliase o prazo ata o 20 de outubro.
Castro alega que o motivo do desaloxo é que quere construír dous apartamentos no Concello Novo para arrendalos en réxime de alugueiro social. Pero o pasado luns 26 de agosto, durante o pleno municipal, insinuou que a causa que está detrás desa decisión é que os mozos de Matrioska negáronse a sacarse unha foto con Baltar despois de que a Deputación de Ourense lles concedera unha subvención de 2.000 euros para comprar pintura ecolóxica coa que realizar un certame de muralismo.
O pleno, que aprobou a rescisión do contrato de cesión a Matrioska cos votos a favor dos catro edís do PP máis o alcalde, e o voto en contra das dúas concelleiras do PSOE, foi bronco e desagradable. Os edís populares tentaron evitar que a prensa o gravase e mesmo chegaron a baixar as persianas e a pechar as xanelas da habitación na que se celebraba, para evitar así que os veciños puidesen tomar imaxes e vídeos desde a rúa. A un deles mesmo tentaron arrebatarlle o móbil, e a outras dúas trataron de intimidalas e expulsalas do pleno.
«Ese día había xornalistas, pero cando non os hai chega mesmo a ser peor», asegura Emilia López Blanco, voceira do PSOE na localidade. No vídeo tamén se escoita como o alcalde insulta a berros á concelleira socialista: “impresentable!”, “sinvergüenza!”. López asegura que os desprezos e faltas de respecto de Xosé Manuel Castro son habituais, que se nega a facilitar calquera tipo de información que solicita a oposición, que convoca os plenos do luns o venres pola tarde para que non poidan acceder á documentación necesaria para preparalos e que, en definitiva, actúa e compórtase «como un cacique do século XIX». Luzes-Público tentou contactar co alcalde por distintas vías para obter a súa versión dos feitos, pero non o logrou
Os membros de Matrioska defenden o seu dereito a non facerse unha foto co presidente da Deputación. «Se unha administración concéde unha axuda é porque quen a solicitou cumpre os requisitos para acceder a ela», explican.
Pero xa tiveron que facer as maletas e dispóñense a abandonar un proxecto que logrou que o nome dun pobo da Galicia abandonada se abrisese paso nos circuítos culturais alternativos de España e do estranxeiro.
«Grazas aos intercambios e ás residencias por aquí pasaron artistas de Barcelona, de Madrid, de Zaragoza, de Francia, de México, de todos os sitios. Eles colocaron ao municipio no mapa do mundo», asegura Emilia López, quen cre que a negativa para fotografarse con Baltar é a causa real de que Castro decidise expulsar aos artistas. «E o escandaloso é que nin Baltar nin Feijóo non fixeron nada para evitalo», advirte.
O certo é que o propio Feijóo recibiu a Castro fai tres meses no seu despacho en Santiago, nunha reunión na que, segundo a Xunta, trataron sobre «a rehabilitación de vivenda municipal para alugueiro».
Os artistas que acoden ás residencias que Matrioska organiza no pobo comparten unha vivenda alugada a una veciña con cinco habitacións, dous baños, terreo e garaxe pola que pagan, en total, 250 euros ao mes. Conviven xuntos e por uns 15 euros á semana poden pagarse o aloxamento e a comida. Afirman que o alcalde proxectou no Concello Novo dous pequenos apartamentos de cincuenta metros cadrados, polo que a maioría da superficie, preto de seiscentos metros, quedará en desuso. E que os alugará por 150 euros, o que representará un exiguo ingreso para o Concello á conta de sacrificar o seu proxecto.
«Os Blancos non necesita casas, necesita que pasen cousas»
O que menos entenden é que o rexedor dun municipio que perdeu o 77% da súa poboación nos últimos 70 anos e no que hai centos de vivendas baleiras, decide finiquitar a única iniciativa que revitalizou a vila. «Preocúpanos que fondos destinados a incentivar e promover a vida no medio rural acáben sendo destinandos a un buraco de cemento e ladrillo que nunca se chegue a habitar», din. «Os Blancos non necesita casas, necesita que pasen cousas».