A sentenza da xuíza que ordena a devolución do Pazo a dominio público é a primeira vitoria do Estado democrático na batalla pola verdade, a xustiza e a reparación.
A sociedade galega foi a primeira vítima da salvaxe e sistemática represión do fascismo no verán de 1936. Oitenta e catro anos despois, noutro verán incerto, a sociedade galega sentou os herdeiros de Franco diante dunha xuíza na Coruña no primeiro xuízo ao golpe contra a República. Hoxe conseguiu a primeira vitoria legal, a derrota definitiva de Franco, e a súa herdanza empeza no país. Non é vinganza: é xustiza e reparación. A porta ao recoñecemento das vítimas do xenocidio e do continuado espolio durante corenta anos (e máis) abrirase en canto o Estado democrático recupere o Pazo.
A sociedade galega que hoxe triunfa sobre o franquismo persistente está representada polos concelleiros de Esquerda Galega (Pura Barrio e Gonzalo Vázquez Pozo) que en 1982 pediron ao Concello da Coruña que reclamase a devolución (gratuíta) de Meirás; polo exalcalde de Sada, Abel López Soto (BNG) que nos anos finais do bipartito na Xunta conseguiu a declaración de BIC para o Pazo como a forma de protexer o conxunto contra os afáns especulativos da familia do asasino; polas sucesivas presidencias da Comisión da Memoria Histórica da Coruña, que naceu xa neste século para manter dereita a bandeira da loita por Meirás (Beatriz Gómez Amigo, Manuel Monge e Fernando Souto); polos 19 de Meirás que en agosto de hai tres anos tomaron simbolicamente o Pazo e o seu voceiro, hoxe deputado en Cortes (Néstor Rego) –todos demandados polos Franco–; polo Goberno de coalición de socialistas e nacionalistas que desde a Deputación da Coruña animou, co liderado de Goretti Sanmartín, a creación tamén en 2017 daquela Xunta Pro Devolución que 35 anos antes reclamaran aqueles concelleiros nacionalistas na corporación coruñesa da Transición…
A sociedade galega son eses centos de activistas que en decenas de concellos do país traballan desde hai décadas por manter viva a memoria dos vencidos e seguen a reclamar verdade, xustiza e reparación a un Estado democrático que até hoxe mesmo foi condescendente cos verdugos.
Mais hoxe cumpriuse a lei. A reparación, a verdade toda e a xustiza completa, satisfactoria, aínda fican lonxe. Fican mortos nas cunetas, fican anónimas moitas vítimas e inxustizas.
España empeza a liberarse do franquismo precisamente por Galiza, a que primeiro experimentou a saña fascista e hoxe a primeira en levantarse e dicir basta
Os Franco poderán recorrer até esgotar a vía legal desta acción do Estado, mais xa perderon o Pazo, perderon definitivamente o respecto da sociedade galega, que empezamos a liberarnos deles e da súa herdanza funesta; e España (ese Reino, aínda) empeza a liberarse do franquismo precisamente por Galiza, a que primeiro experimentou a saña fascista e hoxe a primeira en levantarse e dicir basta.
Nunha casa de Sada moi preto do Pazo, cando as teles, as radios, os xornalistas deixen de chamar para felicitalos e preguntar pola sentenza, Carlos Babío e o seu parente empezarán a celebrar hoxe o final dun camiño dunha vida enteira. Son os netos dunha labrega pobre, como todas as labregas daqueles días, a quen Franco e a súa señora lle roubaron a casa e deixaron, literalmente, na rúa para ampliar o Pazo e ocupar un espazo que, hoxe, a xuíza di que nunca foi dos Franco. Carlos Babío escribiu un libro coa memoria (e vinte anos de investigación) de todo aquilo. E o libro foi a base da demanda que deu pé a esta sentenza e o propio Babío un dos peritos chamados polo Estado a dar fe de que aquilo foi un roubo baixo ameaza de morte.
*O título do artigo fai referencia á reportaxe «Franco vive no Pazo de Meirás», publicada na Luzes 74 e escrita trala visita da súa autora (María Dios) a «un dos símbolos do franquismo en pleno século XXI».