Novo curso, suspensos e problemas na escola de Bruxelas

Hai xa máis de dúas décadas que o tema «Back to school» (De volta á escola) confirmaba os californianos Deftones como un dos grupos máis rebeldes do nü metal, a escena musical que a comezos do novo milenio protagonizaba as ondas de radio.

Os Deftones gravaran o seu terceiro álbum e a discográfica non quedara contenta co resultado, culpándoos de non elaborar singles capaces de acadar o número un nas listas musicais. O líder, Chino Moreno, rebelouse e a resposta foi rapear un tema secundario do disco que, de súpeto, pasou a ser un éxito. A rebeldía estaba presente nun videoclip onde a rapazada tomaba o control da escola. Se cadra a canción poida empregarse como banda sonora e metáfora de varios movementos tectónicos que están a acontecer en Bruxelas e na política europea neste regreso á actividade.

Estamos de volta, na escola da Comisión e do Europarlamento, en Bruxelas e nas crises perennes e cíclicas que asolagan o continente, a súa política e cidadanía. Marchamos de vacacións cun Boris Johnson elixido primeiro ministro dun Reino Unido en fragmentación política. Johnson enviaba a Bruxelas hai xusto un mes o seu emisario para ameazar a UE con romper relacións e facer un Brexit sen acordo. Agora, o seu ultimato lanzouno na casa e o parlamento de parlamentos, o británico, estará suspendido ata poucos días antes do 31 de outubro, a data na que se producirá, si ou si, o Brexit. Ou iso teñen prometido (que un xa non cre nada), tanto Johnson como os Macron, Merkel ou Juncker.

Se logo dunha pausa de verán, da reflexión e xuntanza nas praias de Biarritz entre os líderes mundiais, nada cambiou, quen volta á escola? Políticos ou cativos? Volve o presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker, que acortou as súas vacacións para pasar polo quirófano, non porque gustase de traballar máis. Unha operación de vesícula deixouno na cama, afondando na sensación de que a súa Comisión xa deu todo o que tiña e que vivimos nunha interinidade onde os problemas agardan por solucións.

Así lle acontecerá á próxima presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, que un día despois do suposto Brexit asumirá o seu cargo. Digámolo claramente, un marrón incrible, peor que unha síndrome de volta das vacacións multiplicada por mil. Von der Leyen apura nestas semanas as reunións para formar o primeiro Colexio de Comisarios da UE paritario con este maremoto que impactará no seu desembarco na escola de Bruxelas, por moito que o problema veña herdado doutro titor.

Von der Leyen e o seu equipo non só herdarán o Brexit, tamén o dun continente que albisca unha crise económica, con prezos estancados, resultado dun crecemento anémico, e coa principal locomotora europea, Alemaña, totalmente gripada polas tensións comerciais, a falta de inversións e un mercado laboral que non traslada os beneficios do seu pleno emprego á economía.

Que acontece en Europa cando logo de varios anos de recuperación económica e con países de abundancia laboral e orzamentaria aínda hai outros con graves problemas como Grecia, Portugal o España? Por que os cidadáns europeos senten que todo pende dun fío? Os problemas son profundos e aseméllanse aos do estudante que arrastra carencias malia ir pasando de curso. Non solucionou a precariedade laboral, os bancos aínda enfermos de morosidade, as burbullas inmobiliarias que frean o poder adquisitivo das familias… e todo isto semella a punto de estoupar.

«Dádeme un descanso doutras lerias», viña a dicir a canción dos Deftones. Neste regreso a Bruxelas polo menos os dirixentes e os xornalistas podemos respirar na fronte transalpina. Por aí gañamos algún folgo porque o enfant terrible da clase, Matteo Salvini, xa non está en primeira liña e, por moito que se alporice, no será quen de rebentarnos o curso. Ou niso confía a próxima titora Von der Leyen.

O presidente da República italiana, Sergio Mattarella, co primeiro ministro, Giuseppe Conte.

Temos comentado aquí en Luzes os bailes de Salvini este verán nas praias ao son do himno italiano, o seu agosto de paixón. Tanta, que rematou por estoupar. O líder da Lega ultra recibiu labazadas a moreas nos últimos días. Primeiro dos seus compañeiros de liortas, o Movemento 5 Estrelas, e logo dos mestres, Sergio Mattarella, presidente de Italia, e Giuseppe Conte, o primeiro ministro.

Entre os antigos socios e os académicos Mattarella e Conte, suspenderon a «Il Capitano» Salvini sen opción de presentarse a setembro. En Italia, esta tripla fronte debe estar entoando o que xa cantara hai dúas décadas o Chino Moreno, «de volta na escola somos os líderes de todo». E nas aulas de Bruxelas hai máis tranquilidade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail