Perseguidores de eclipses: facer 1008 quilómetros nun día na busca da escuridade

Poucos eventos levan consigo unha chamada á transcendencia, a significar algo máis que o obvio, que as eclipses totais, ao estilo da que chegará a Galicia neste 12 de agosto de 2026. Algo tan único coma que a Lúa e o Sol teñan o diámetro, a aliñación e a distancia necesaria para que esta tape ao segundo de xeito perfecto, só deixando ver a súa coroa. Non é algo que se poida vivir así, sen máis, e a humanidade xa se encargou de darlle máis significados que a unha película de David Lynch. Dende o Talmud xudaico ás tradicións mapuches de América do Sur, as eclipses de sol foron vistas como un mal presaxio, o anuncio de que algo malo estaba por ocorrer. Para pobos de África Occidental ou para nacións nativas de América do Norte coma os navajos ou os hopis, estes eventos eran momentos de introspección, de rezo, de catarse. E na mitoloxía nórdica —visto o visto, a máis acertada a día de hoxe—, as eclipses marcarían o comezo da batalla do fin dos tempos; unha que pode que comezara cun bombardeo en Irán ou, porque non, que o vaia facer cunha disputa polas últimas gafas para ver eclipses na Rúa Real da Coruña.

Porén, sucede coas eclipses totais algo curioso, unha diferenza que as desmarca aínda máis do resto de eventos celestiais tales, coma cometas ou supernovas: o feito de que teñen unha tribo que as converteu no centro mesmo da súa cosmogonía. Un grupo de xente que se dedica a perseguilas por medio mundo e que, cousa curiosa, non lle atopou ningún maior significado que o regalo que supoñe ser testemuña da súa aparición. Chámanse cazadores de eclipses. E para atopar ao seu máximo representante en Galicia (ou, alerta spoilers, segundo máximo representante), só había un sitio ao que podiamos chamar.

Agrupación Astronómica Ío, dígame?

Boas, chamo da revista Luzes e, igual é moito pedir, pero estamos a buscar a unha persoa que sexa perseguidora de eclipses, eclipse chaser, disto que lle chaman, xente que vai viaxando perseguindo eclipses polo mundo adiante. E, idealmente, estaría ben ter a un galego, ou unha persoa con relación con Galicia, para contar esta historia.

Xa… pois chamaches ao lugar indicado.

Ai, si? Coñecedes a algún?

Penso, humildemente, que si: eu mesmo.

E como te chamas ti?

Óscar Blanco, e levo nove eclipses vistas na miña vida.

«Dende neno sabía que a eclipse ía pasar por aquí; dicía, eu que sei que vai pasar cando teña 52 anos …»

O (segundo) maior perseguidor de eclipses da Coruña

Óscar Blanco naceu na Coruña en 1974 e quen sabe se, no seu día a día, utiliza o refrán de «Se a montaña non vai a Mahoma, Mahoma vai á montaña». De non ser así, dende logo ten unha oportunidade magnífica para estrearse con el: despois de moitos anos a voltas polo mundo vendo como a Lúa se interpón de xeito perfecto entre o globo terráqueo e o Sol, Óscar vai ter a posibilidade de ver unha eclipse total, o evento que leva movendo os designios das súas vacacións durante os últimos 20 anos, sen moverse da súa propia casa. A montaña, de súpeto, chega ás portas da casa de Mahoma.

«Dende neno, penso que dende que tiña uns 15 anos, eu sabía que a eclipse ía pasar por aquí; daquela eu aínda non vira ningunha e tíñao na miña mente coma algo moi afastado; dicía, ‘buh, eu que sei que vai pasar cando teña 52 anos…», explica Blanco cun sorriso algo melancólico, coma se as eclipses que leva ás súas costas fosen batallas, e completa: «Pero aquí estamos». A nostalxia de botar a mirada cara a anos (e eclipses) pasadas vese disipada en cuestión de segundos, e permite que este coruñés volva ao seu estado normal nestes días: a ilusión e a excitación. Como para non tela. Poucas veces, ou máis ben nunca, un pasa toda a vida cunha data e unha hora na cabeza. E Óscar Blanco leva uns 37 anos repetindo, de tanto en tanto, eses números na súa cabeza: as 20:28 horas do 12 de agosto de 2026. O momento no que a súa cidade tornará escura por uns minutos por primeira e última vez neste século.

Vista dende fóra, a súa é case que unha historia de película que serviría para contar a biografía dos membros dunha liñaxe, a dos perseguidores de eclipses, da que el é o último elo. Unha que comezou, segundo a revista do Instituto Smithsonian dos EUA, xa na China do século VIII a.C. e que ten os seus primeiros traballos documentados no século IX da nosa era, nas áreas do Bagdag e O Cairo. Que tivo en 1715 un momento crucial cando os traballos de Sir Edmund Halley —o mesmo que calculou o paso do famoso cometa e lle outorgou o seu nome— axudaron a predicir de xeito exacto cando é que se ían a producir as eclipses totais. E que, pese ao traballo de Halley, e coma boa película que busca alixeirar a carga dramática, non pode evitar os seus momentos de comedia, protagonizados por un tal Samuel Williams. Obnubilado este pola posibilidade de ver unha eclipse total nunha época na que o de moverse entre continentes non era tan doado, este profesor da Universidade de Harvard guiou en 1780 un grupo de fans das eclipses en medio da Guerra de Independencia dos Estados Unidos a través das liñas inimigas, as do Exército Británico. Despois de atravesar as trincheiras e, é de supoñer, deixar abraiados a un bando e outro, todo o esforzo de Samuel Williams foi en vano: calculara mal a ruta da eclipse e o único que viron no ceo, durante esa viaxe, foron os canonazos dun e outro bando. De mediana estatura, pelo branco, barba duns días e vestido dunha forma que non chama a atención, Óscar Blanco é, hoxe, o herdeiro natural de toda esta familia de devotos, probablemente os máis racionais dos que se ten constancia. Antigo estudante de empresas na UDC, por inercia, pero divulgador científico e astronómico por vocación, así coma presidente da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e director do Centro Astronomico de Trevinca, pódese dicir que Blanco é un tipo normal, medianamente falangueiro, afastado do que se adoita ver como un habitual do gremio dos eclipse chasers hoxe en día, este grupo de xente que se move hoxe polo globo na busca da seguinte eclipse e, iso si, apoiados en cálculos máis fiables que os de Samuel Williams.

«Se fixéramos un retrato robot», explica Blanco, «efectivamente podemos dicir que hai un perfil moi habitual entre os perseguidores de eclipses, porque, ao final, somos xente que se despraza moi lonxe a ver estes eventos, a lugares aos que ás veces é complicado chegar; penso que, por iso, o perfil máis habitual adoita ser o dun home de mediana idade, norteamericano e solteiro; un pouco perfil de lobo solitario, porque moverte tanto e gastar tantos cartos non é un plan de familia».

Coma en toda tribo, os perseguidores de eclipses tamén teñen os seus propios códigos. O máis curioso para os que os vemos dende fóra, quizais, sexa a de que non só levan a conta das eclipses que viron na súa vida, senón tamén dos minutos baixo a súa escuridade. Hai algúns que duran máis tempo, outros menos, e iso serve para establecer unha sorte de medida xerárquica. «Eu, por exemplo, levo unha media hora», explica Blanco, que se quita o mérito de liderar esta clasificación en Galicia: «A miña compañeira África Fernández leva unha eclipse máis ca min; eu nove e ela dez, porque estivo en Siberia e na Illa de Pascua».

As cousas da vida. 20 anos perseguindo eclipses danche para ser o segundo maior perseguidor de eclipses da provincia da Coruña.

Salar de Uyuni, Bolivia, 2019.

As viaxes de Óscar Blanco na busca da escuridade

O primeiro encontro de Óscar Blanco coas eclipses totais tivo lugar no ano 2006, nunha viaxe á Capadocia turca. «Foi a sensación máis intensa, a primeira vez que o vía, e todo nunha paisaxe privilexiada». Tan só tres anos despois, xa se embarcou nunha nova viaxe na busca da escuridade: «En 2009 fomos a China; foi un caos por todo, polo caótico que é o país e polo cheo de nubes que estaba o ceo». En 2010 houbo outra eclipse total, ese da Illa de Pascua no que si estivo África Fernández, pero Óscar ficou na casa e aproveitou para vivir algo aínda máis complicado: ver a España gañando un Mundial de fútbol. «Aconteceu no mesmo día que a eclipse total», lembra Blanco que, en 2012, volveu á senda da súa verdadeira paixón: «Nese ano viaxamos a Queensland, na costa leste de Australia, nas antípodas, percorrendo o mundo; era a primeira vez que desfrutaba do ceo astral e foi unha auténtica pasada, coas nubes de Magallanes, coa Cruz do Sur… foi a primeira vez en moitas cousas», rememora Blanco coma quen rememora outras primeiras veces.

«Neses momentos que penso: oxalá todo o mundo poida vela unha vez na súa vida»

Tres anos despois, seguindo a estela das eclipses, este coruñés chegaría a un punto ao que, probablemente, non chegaría de ningún outro xeito: «Illas Feroe, en 2015, a eclipse máis tranquila, con moi pouca xente e no medio dunha paisaxe impresionante, naquelas illas cheas de acantilados e paisaxes de película». Foi, aí, nas Feroe, que recibiu o certificado non-oficial de ser parte dunha tribo particular: «Coincidín cun rapaz de Madrid ao que xa coñecía e co que tamén coincidira en China… ao final imos todos aos mesmos sitios».

Chegados a este punto, o relato adquire toques surrealistas. China, Australia, Capadocia, as Illas Feroe. Os relatos de todas estas viaxes, polos lugares máis dispares e inconexos do mundo, emparentan cun dos relatos da escritora Valerai Mata no seu marabilloso libro Todo lo que se mueve. Nun dos capítulos, a escritora mexicana fala de Joël Henry e do seu Laboratorio de Viaxes Experimentais, unha forma de reinventar o turismo cunha proposta baseada no xogo, o humor e o azar. No proxecto de Henry asoman varias propostas para a arte de viaxar, coma o turismo de fin de liña —subir a un transporte e deixarse levar por el ata a última parada, onde se buscará un lugar para pasar a noite—, o turismo encadeado —percorrer topónimos que formen una cadea na que a última sílaba dun nome coincida coa primeira do seguinte: Zanzíbar, Bariloche, Chechenia— ou o turismo dobre —só visitar lugares con palabras repetidas: Bora Bora, Baden Baden, Kwe Kwe.

«A de 2024; era para vela en Texas, pero estaba moi nubrado, e só nese mesmo día fixemos 1008 quilómetros. Chegamos ata Arkansas»

Cos eclipse chasers, con Óscar Blanco, todo sona así de arbitrario. Ten que ser gustoso deixarse levar polo mundo. Ter un plan que ti non podes xestionar ao teu xeito. Dirixirse a diferentes partes do globo terráqueo coma ordenados polos designios dunha forza superior, tal e como se moven polas verbenas de toda Galicia, por exemplo, os membros do club de fans da Orquestra Panorama baixo os designios de Lito Garrido. E, mentres, Óscar segue cun relato que ten a capacidade de obnubilar, polo seu carácter aleatorio, imprevisíbel, por todo, a calquera interlocutor:

Indonesia, en 2016, en Sulawesi, nas Illas Célebes; foi o maior contraste social, sentíaste case que coma unha estrela do rock.

Wyoming, EUA, 2017. Unhas paisaxes incribles, un ceo descuberto precioso.

Chile, 2019, a máis atractiva a nivel visual porque o sol, no momento da totalidade, estaba preto do horizonte, como o que imos ter aquí.

Exmuth, 2023, unha zona desértica de Australia, era unha zona moi pequena, e houbo moita concentración de xente nun espazo pequeno.

E, xa por fin, a última eclipse total antes desa que leva marcada toda a vida no seu calendario: «A de 2024; era para vela en Texas, pero estaba moi nubrado, e só nese mesmo día fixemos 1008 quilómetros [nin un máis nin un menos] para poder ver a eclipse con boas condicións… chegamos ata Arkansas».

Óscar Blanco, cazador de eclipses, agardando a de Chile, 2019.

Sentar na porta da casa a ver o sol pasar

Para moitas relixións antigas, as eclipses eran un símbolo de algo. De mudanzas, normalmente á peor. Curiosamente, as dúas últimas eclipses totais que pasaron por América do Norte, marcan momentos clave na historia desa rexión: ambas tiveron lugar no inicio dos dous mandatos de Donald J. Trump.

Óscar Blanco, sen embargo, prefire non ver nada máis aló do obvio: «Eu non lle vexo ningunha simboloxía, aínda que si é certo que sempre digo que non deixa de ser algo moi casual, tremendamente casual, o feito de que se produza unha eclipse total; se a Lúa estivera máis lonxe non taparía nunca o Sol por completo, e se estivera máis cerca taparíao por completo pero non deixaría ver a aureola que se forma ao redor… Non sei, cando ves unha eclipse total, sénteste coma unha persoa afortunada por estar onde estás, coma o que aparcou na única sombra dun aparcadoiro soleado», conta Blanco, que —risa de satisfacción, de regresar a unha das súas nove eclipses previas ou, quen sabe, de viaxar á décima que tan preto ve xa— completa: «É neses momentos que penso: oxalá todo o mundo poida vela unha vez na súa vida». Para a maioría de Galicia, para o 99,999% de Galicia que non é un eclipse chaser, esta vai ser a primeira e última oportunidade de ver un evento así. Este evento do que todo o mundo fala producirase un 12 de agosto de 2026 e non retornará, como ben sabe Óscar dende hai moitos anos, á zona da Mariña e a costa norte do país ata o ano 2180.

El xa ten o seu plan para este verán: nun mapa, quen sabe se só mental ou tamén físico, Óscar Blanco ten cinco puntos estudados do Golfo Ártabro dende os que, dependendo da previsión do tempo, ver coma o Sol, pouco antes de poñerse tralo Océano Atlántico, verase tapado por completo pola Lúa. Será a décima vez en que será testemuña deste fito na súa vida e, con eses minutos, superará xa con creces o seu acumulado de media hora baixo a escuridade máis excepcional que un pode vivir. «Non quero saír moito da zona, pero tampouco quero estar con miles de persoas, non porque me pareza mal, senón porque prefiro ir cos meus nenos e desfrutar de todo, dos sons, das cores, da paisaxe… e facelo en tranquilidade».

Sempre disposto a facer quilómetros, moitos quilómetros, para chegar a vela en perfectas condicións, por unha vez, Óscar só lle pide unha cousa a esta eclipse total: «Eu ir, no mesmo día, iría ata Valencia se é necesario para vela, pero paréceme un fito histórico poder facelo na miña casa, e espero poder facelo». E coma tenso por unha vez en toda a entrevista, finaliza: «Pero nunca se sabe».

Nin cruzar liñas inimigas no medio dunha guerra, nin viaxar ás Illas Feroe, nin facer 1008 quilómetros entre Texas e Arkansas. Ao final, nada hai máis complicado e tenso para un perseguidor de eclipses que sentar na porta da casa a ver o Sol pasar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail