Eloxio da democracia (pos)moderna

Nunha conversa con amigos baixo a luz tenue dun bar aprendemos máis da natureza humana que en certos manuais modernos que versan sobre a decadencia das democracias. Ou, alomenos, é unha clase práctica da teoría. Nun debate hai un tempo varios amigos defendían que Europa, un lugar de marabilla na terra, estaba nunha posición fráxil certo e que esa circunstancia motivaba que tiña que escoller de quen depender. En política internacional e en todo o demais. Un dos amigos, á par que bo conversador, polemista intelixente, sostiña que esa nova dependencia plena debía vir de China. É máis, tamén nun abrazo ao sistema propio chinés. Era igual de autoritario, sostíñame, que a actual democracia liberal. O xogo é torticeiro. A violencia económica ponderada diante da violencia política e física. O máis triste do debate actual é cando perdemos os ideais. Outro rastrexo cruel desta época, a pegada ácrata, a pasada de voltas, todo aquilo bo e fermoso é ridículo e superfluo fronte a máquina totalitaria.

Non deberiamos ter que escoller, e, de feito, alomenos nas nosas crenzas, nos nosos ideais, non deberiamos vernos na obriga de escoller entre ambas formas intolerables de relación humana: ou opresión económica ou opresión política. Mais para o meu benquerido amigo non había outra saída, non había alternativa. Supoño que a sedución do paraíso social cun autócrata forte é unha tentación irresistible para unha Europa privilexiada que se divirte xogando á recreación histórica da tiranía en calquera das súas formas. A austeridade, doutra banda, ten xa os seus fillos posfascistas repartidos en Polonia, Hungría e agora, Italia, con medidas ultraconservadoras impensables hai sequera cinco anos. 

No medio, nesta diversa e endivanada Europa arroxámonos as contradicións á cabeza e, igual que sería burdo por parte dos defensores da hexemonía norteamericana poñer diante das contradicións aos que braman contra a cadena produtiva capitalista IPhone en man, segue sendo igual de enganoso, e cruel, empregar a violencia económica do capitalismo máis despiadado como ferramenta de desmontaxe de todo o edificio democrático. Ou como cando as críticas máis fortes ao sistema público veñen daqueles que traballan nel e que perciben relixiosamente suculentos dividendos das arcas públicas das que eles viviron toda a súa vida laboral e que denostan cada vez que lles poñen un micrófono diante. Si, sería un debate desagradable, estéril e pouco edificante quedarnos en bater a cabeza contra o muro das contradicións. 

É un desperdicio intelectual non aproveitar o ecosistema democrático para vencellar o benestar á liberdade, esa grande tarefa da Europa após 1945. Acadar ese consenso interxeracional, internacional e histórico sería un gran legado de progreso para a Europa do século XXI, mais aló dos discursos belicistas e da suicida carreira armamentística. Ambas cousas, democracia política e democracia social, non funcionan de xeito non harmónico. Non és libre cando tes medo a non poder pagar facturas, a non ter asistencia médica, a non ter acceso ás comunicacións ou a unha crianza posible dos teus nenos. 

Soster que a democracia só pode ser entendida baixo o tamiz neoliberal ou desbotada para lanzarnos nos brazos do neoimperialismo autoritario é pegarnos, entón, un tiro nos pés, é sacar o social da democracia, é quitarlle a liberdade a capacidade de ser indisociable da democracia material, do progreso, da solidariedade. Este, outro ideal básico ao que se lle quere colocar a obsolescencia programada. Ou neoliberalismo puro ou control total. 

É curioso como as novas hexemonías prometen a tiranía de Siracusa e o sentir espartano fronte a paciencia e o cultivo intelectual ateniense. Vellos debates, como aquel no bar, que nos superarán moito tempo despois de durmir o sono eterno. Confeso que me da arrepíos certo ton público, tan bronco, de forza por riba de intelixencia, de bruteza e soberbia por riba da humildade democrática, da reflexión, da tolerancia.

O chamativo daquel encontro non foi a postura do meu bo amigo, perfectamente lexítima. O máis triste do debate, do debate público actual, é cando perdemos os ideais dentro da convivencia das diferenzas. Aquela tolerancia á existencia do outro que nos obriga a practicar a democracia en todos os eidos da vida. Este amigo daba por morta calquera alternativa que debullara un horizonte democrático, democracia liberal ou democracia libre tal e como a coñecemos en Occidente. En Occidente e en moitas partes do mundo, xa que a etiqueta é universal. Iso, quixo darme a entender, era unha serie de palabrerías baleiras de contido, un we are deeply concerned lastimoso, insulso, derrotado. 

O cansazo da situación, a falta de resposta propia e lugar no mundo de Europa fronte guerras como a de Ucraína, fronte a inxerencia económica estadounidense nos asuntos europeos, fronte o medo convertido en policía de fronteiras, leva a moitas persoas a aborrecer a ágora pública que precisamente nos permite dicir isto e que nos é un primeiro punto de transformación do estado de cousas. Outro rastrexo cruel desta época a pegada ás veces ácrata, a pasada de voltas, todo aquilo bo e fermoso é superfluo e ridículo fronte a máquina totalitaria. Como un coche futurista, o futuro era onte, a democracia, para moitas voces, hai tempo que foi habitar as tendas de segunda man. Non son maioritarias, de momento.

Invocar os dereitos humanos xera nalgúns un sorriso de esguello, de ironía, nas conversas onde se confunde a política real coa morte do futuro. Estamos tan pasados de voltas que a impaciencia fronte o real aniquila calquera proceso de transformación democrática. A transparencia autoritaria é moi atrativa, violencia transparente e diálogo opaco, fronte a opacidade do debate democrático e a transparencia pública. Mais a realidade é teimuda. O pasado 23X a opción totalitaria perdeu moitos apoios en España, a opción que mercara moitos dos seus marcos ideolóxicos víuse penalizada por iso. 

Europa, a patria común das patrias de todos e todas nós, pode ser o camiño, precisamente, de colocarnos nun lugar do mundo conxunto, aberto, democrático. E propio, sen inxerencias na súa política económica, internacional, de benestar, de defensa ou cultural. Unha terceira parte en diálogo coas dúas partes en discordia nesta nova Guerra Fría e neste novo aceleracionismo totalitario, no que a tecnoloxía e os valores éticos intrínsecos a ela —Oppenheimer, antes do filme, foi o primeiro en velo co estourido de Trinity nos Álamos— e que van abrir distintas sendas de futuro polas cales camiñaremos. Europa como espazo de preservación do clima, de supervivencia física e intelectual dos vimbios do mellor que pode aportar a voz do ser humano, Europa como espazo da liberdade por riba do acratismo da intolerancia, do cansazo. Europa, tamén, como pacificadora dunha insoportable guerra cuxas cinzas xa empoleiran as nosas roupas, as nosas linguas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail